A propiedade privada e a vida dos outros

Isabel Díaz Ayuso
Imaxe: PP de Madrid
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

Na recente visita a un lugar du cuxo nome non me quero lembrar, unha persoa da cuxa identidade non me quero acordar manifestoume a súa indignación ao respecto dun episodio que lle acontecera nunha proba deportiva de cuxa organización formaba parte. Eles, os organizadores do evento, estaban obrigados a ter unha ambulancia , pagada por eles mesmos, nas instalacións nas que se desenvolveu a competición, para poder atender calquera incidencia que puidese suceder.

No medio da proba, unha persoa allea ao acontecemento deportivo, que pasaba polas inmediacións do lugar no que transcorría ,tivo un grave accidente que o deixou medio espichado na estrada. Entón os organizadores da proba deportiva foron obrigados a ceder a ambulancia que tiñan contratada para que puidera trasladar á persoa accidentada a un centro hospitalario.

A cesión do vehículo fíxose non sen resistencia, pois os que a alugaran consideraban que estaban sendo agraviados xa que a ambulancia alugárona eles, pagárona eles , e entendían que ser obrigados a cedela para a atención doutra persoa era pouco menos que un espolio. A evidencia de que o accidentado se estaba a desangrar non foi suficiente para lles convencer de que esta era unha razón moralmente superior ao suposto agravio de ter que desprenderse dun ben que eles pagaran. Hoxe, un ano despois daquela circunstancia, o meu interlocutor aínda considera que sofreu unha inxustiza pois sente que o atracaron e de feito na conversa, na que me referiu o suceso que describo, fixo votos para que na edición da proba deportiva que van facer este ano non acontecera nada parecido.

O meu interlocutor é unha persoa decente que como todos os seres humanos, quere vivir en paz da maneira máis digna posible, e ten capacidade para distinguir o xusto do inxusto, pode diferenciar o ben do mal. O problema que lle leva a considerar que ter pagado o alugueiro desa ambulancia é un motivo suficiente para non cedela a alguén que non a pagou, aínda que a necesitase con urxencia, ao meu xuízo non é el como suxeito individual, o problema, baixo o meu punto de vista e sistémico.

Vivimos nu mundo dominado por unhas elites económicas que estruturan o sistema arredor do concepto moral da liberdade, que en aparencia podería parecer adecuado desde o punto de vista da ética.

É mellor ser libre que non selo, iso non se pode discutir. Pero se a liberdade non é liberdade moral, nin de pensamento ou de resistencia contra a inxustiza, senón só liberdade económica, non é tal. É unha mentira que só persegue manter os privilexios dos que viven nunha situación privilexiada. A liberdade económica que defende o liberalismo só busca que non se regule de maneira que quen teña unha posición económica solvente se vexa na obriga de colaborar para que quen vive lonxe dunhas condicións mínimas de dignidade poida mellorar.

Esta situación na que as minorías gobernan ás maiorías só pode ser posible coa complicidade dos medios de comunicación que viven desas minorías, e dos indiferentes que ante a pobreza de outros miran a outro lado agochando a súa inmoralidade co tópico falaz do “ todos os políticos son iguais”, ou coa práctica da caridade.

O sistema deféndese a si mesmo utilizando de maneira sistemática a falsa razón moral da liberdade, e é o sistema o provoca que individuos consideren que verse obrigados a ceder unha ambulancia, que pagaron, para atender a unha persoa que non a pagou, aínda que a precise, é a auténtica( aos seus ollos) inmoralidade.

O liberalismo para poder manter unha certa sensación de estabilidade social e a porcentaxes elevadas de persoas vivindo de maneira máis ou menos decente, precisa que haxa crecemento económico sempre. Cando o hai as empresas teñen beneficios e necesitan contratar máis persoal, o desemprego diminúe e parece que todo está ben. Pero o crecemento económico perpetuo é imposible. A actividade económica baséase na venda de produtos que se fabrican utilizando as materias primas que existen no planeta e a enerxía que somos capaces de producir. E é unha certeza non cuestionable que o noso planeta é finito e os recursos limitados polo tanto algún día esgotaranse. Cando entremos en plena fase de esgotamento as guerras polo control dos recursos e as fontes de enerxía, cada vez máis escasas, van sacudir ao planeta de esquina a esquina. A non ser que a humanidade sexa capaz de construír algo parecido ao socialismo. E máis nos vale que sexa así, e que sexa pronto, pois no caso contrario non ceder unha ambulancia a quen a precise non será algo excepcional, será o normal.