Paloma Castro Rey DEPUTADA DO PSdeG PSOE
Xullo é un dos meses máis felices do ano, os días son longos e o verán termina de asentarse tras un xuño no que unicamente asoma a cabeza. O optimismo agroma na xente co inicio da tempada de vacacións (ou a conta atrás para chegar a elas).
Así o sinto eu dende moi nova, ao desfrutar deses anhelados e eternos praceres estivais: deitarme e amencer vendo o mar na casa da miña avoa, co son das ondas e o olor a marea baixa.
O día 25 de xullo, a esa indeleble sensación de eternidade sumábase tamén o son dos gaiteiros que facían pasarrúas dende moi cedo pola vila, a ruidosa pirotecnia e as campás que avisaban da misa especial polo día do Apostol, sen esquecer o pracer de almorzar as rosquillas de Ponteareas mercadas nun posto ambulante o día anterior.
Durante esta xornada sucédense os actos festivos, encontros, competicións na praia, a tradicional degustación do polbo e, como colofón, unha tradicional comida familiar na que meu pai colle os fogóns e cociña unha deliciosa paella.
Entre medias, sempre saco tempo para desfrutar coa miña outra familia, a política (no senso máis ideolóxico da palabra).
Os/as socialistas galegos/as celebramos dende o ano 1998 o día 25 de xullo cunha ofrenda floral ante o busto de Castelao, situado no paseo marítimo de Rianxo. Unha idea do meu estimado compañeiro Antón Louro, que, neses tempos, asumía o cargo de secretario de organización durante os anos que Emilio Pérez Touriño era secretario xeral do PSdeG, e que mantemos ata a actualidade.
Unha época, a do presidente Touriño, que os/as socialistas galegos/as anhelamos, xa que tiñamos nas nosas mans a capacidade para cambiar o rumbo da nosa terra e sacala do estancamento na que estaba sumida. Unha época de grandes avances e proxectos, moitos dos cales non puideron ser consolidados, que espero, confío e traballo para que volva pronto.
O obxectivo inicial deste acto era visibilizar o noso compromiso galeguista, a través dunha ofrenda a Castelao, emblema da loita pola nosa identidade e do amor pola nosa terra.
E anos despois, seguimos mantendo esta tradición, xuntándonos para lembrar a importancia e o valor que lle damos á nosa matria, e cantando con ledicia o noso himno.
É un orgullo desfrutar dun día tan especial co noso secretario xeral José Ramón Gómez Besteiro e con moitas compañeiras e compañeiros cos que compartes unha visión común do que Galicia significa e do camiño que queres que leve.
Un día para lembrar, tamén, que os/as socialistas galegos/as fomos garantes no pasado dun Estatuto de Autonomía de primeiro nivel fronte a aqueles que tentaban converter ao noso país nunha comunidade de segunda. E para defender a necesidade de deseñar un novo Estatuto que responda á vontade da cidadanía, pero tamén ao resultado dunha historia, dun territorio, dunha cultura e unha lingua singulares. Recoñecer a nosa identidade nacional galega, reivindicar, para o futuro, novos avances no autogoberno, loitar pola consecución de novos dereitos e novas cotas de benestar para os galegos e as galegas e traballar arreo para acadar solucións políticas e institucionais aos problemas da modernidade.
Non nos cansaremos de defender o dereito dos galegos e galegas a ter unha sociedade moderna e activa, que conviva na pluralidade e poida desenvolver con normalidade as lexítimas aspiracións da súa cidadanía, nun marco de convivencia democrática en España e Europa.
Vivimos no mellor lugar do mundo (“donde se acaba el mar” como di a canción dos Limones), unha terra meiga na que todo pode pasar, que recibe cos brazos abertos a todos os que marcharon e que anhelan volver. Unha terra singular, de costumes e de festa, de ledicia e complicidade… E o día 25 de xullo representa todo isto.
