Constitución non é igual a democracia

Artigo de opinión A Nova Peneira
Aarón Franco, escritor de Marín

Co gallo do 6 de decembro e a celebración por parte do oficialismo do estado do aniversario da constitución do 78, gustaríame facer alguns apuntamentos.

A Constitución de 1978 foi un instrumento que blindou os privilexios das elites, consolidou unha estrutura estatal centralista e autoritaria, e negou calquera posibilidade real de cambio de paradigma. Unha reforma do franquismo para adaptar as súas estructuras cara un novo modelo.

Esta constitución seica “democrática”, a través do artigo 2, nega de raíz o dereito dos pobos a decidir, tratando de converter a unidade estatal nun dogma inmutable. Este principio, amparado pola presión das Forzas Armadas –cuxa lealdade á Constitución é expresamente mencionada no artigo 8–, é un claro reflexo do impedimento polas botas das elites postfranquistas a calquera intento de ruptura democrática. O texto constitucional non só se redactou baixo o peso da herdanza do réxime, senón tamén con ameazas explícitas de intervención militar no caso de que as demandas de autogoberno fosen máis aló do que o sistema estaba disposto a aceptar. E nisto colaboraron os chamados “país” da constitución. Xente como Fraga Iribarne (la calle es mía), pero tamén representantes de partidos que se chaman a si mesmos obreiros e progresistas. Eles non son “pais” de nada, eles estaban alí simplemente para asegurarse de que as cousas non pasarán, que non houbera ruptura co réxime anterior. Eran os policías de control.

Galiza ao igual que Cataluña e Euskadi, viu reducido o seu estatus a unha mera autonomía máis, a pesar de ser unha nación recoñecida, incluso, no Estatuto de Autonomía de 1936. A Constitución negou unha oportunidade real de recoñecer a plurinacionalidade do Estado e estableceu un marco no que Galiza queda subordinada á legalidade española, sen marxe para decidir democraticamente o que quere ser.

Podemos entrar a valorar tamén o anacronismo antidemocrático da monarquía.

O Título II da Constitución, que consagra a monarquía como forma de xefatura do Estado, é un dos puntos máis flagrantes da súa natureza antidemocrática. A figura do rei, herdada directamente do franquismo, foi imposta como garante do sistema sen consulta popular ningunha. Este feito, avalado polos “pais da Constitución”, supuxo a perpetuación dun modelo elitista no que un xefe de Estado non electo concentra poderes simbólicos e políticos clave. A monarquía non só é un anacronismo nun contexto europeo que avanza cara a modelos republicanos, senón que funciona como ferramenta de cohesión dunha unidade española construída contra os pobos que a integran. Si, contra os pobos.

A defensa dun sistema monárquico contradí os principios fundamentais dunha democracia moderna. Nun Estado que se di democrático, é inconcibible que a máis alta representación institucional sexa herdada por liña sanguínea e non sometida ao escrutinio cidadán. Ademais, a monarquía española converteuse nun símbolo de corrupción, privilexios e complicidade coas elites económicas, socavando aínda máis a confianza da cidadanía nas institucións.

O mito dos “pais da Constitución” e o falso consenso

A narrativa oficial que glorifica aos “pais da Constitución” é outra peza fundamental para manter este texto blindado ante as críticas. Véndense como artífices dun consenso que nunca existiu realmente, pois o texto foi redactado baixo unha enorme desigualdade de poder entre as forzas políticas. Os franquistas reformistas, aliados coas novas elites políticas, puxeron as bases dun sistema que conservaba os privilexios do réxime anterior e que, ao mesmo tempo, neutralizaba calquera forza transformadora.

Este pacto constitucional non foi máis que unha tregua que obrigou ás forzas democráticas e ás nacións sen estado a aceptar unha serie de condicións innegociables. Para Galiza, significou un marco autonómico que limita a nosa capacidade de autogoberno e que nos encadea a un modelo económico, cultural e político dependente e centralista. O suposto consenso foi, en realidade, unha imposición que buscaba lexitimar un modelo estatal esgotado antes de que puidese ser cuestionado.

A Constitución de 1978 negoulle a Galicia a capacidade de decidir sobre o seu futuro. Mentres o artigo 1 establece que a soberanía reside no pobo español, isto aplícase de forma homoxénea e negando calquera soberanía diferenciada para os pobos que compoñen o Estado. Este marco imposibilita que Galiza poida artellar un modelo propio, sexa este republicano, federal, confederal ou de independencia.

O recoñecemento de Galiza como nación pasa pola defensa do seu dereito a decidir, non como unha concesión do Estado español, senón como unha reclamación democrática. A Constitución perpetúa a subordinación do noso idioma, a nosa cultura e a nosa economía a intereses alleos. Fronte a isto, a esquerda e o nacionalismo galego deben apostar por un novo marco no que Galicia poida exercer plenamente a súa soberanía, sen tutelas nin limitacións impostas.

Hoxe, máis de corenta anos despois da súa aprobación, a Constitución de 1978 está claramente superada. O centralismo exacerbado, a monarquía corrupta, o autoritarismo institucional e a negación dos dereitos das nacións sen estado non son compatibles coas demandas dunha sociedade plural e democrática. Desde Galiza, é imprescindible reclamar a apertura dun proceso constituínte que rompa cos candados do 78 e que nos permita decidir colectivamente que queremos ser como pobo. Só así poderemos construír un futuro xusto, igualitario e plenamente democrático.