Xosé Emilio Barros, voceiro do BNG de Mondariz

Xosé Emilio Barros, voceiro do BNG de Mondariz

A dimisión por sorpresa de todo o goberno de Mondariz nos últimos meses do pasado ano entregoulle este Concello ao PP, e deixa a situación política nesta localidade nun escenario absolutamente inédito,que se asoma ao abismo do descoñecido. Falamos co voceiro do BNG para coñecermos a súa valoración sobre o estado da política local.

O BNG de Mondariz é a única forza que ten un modelo de concello e un proxecto para o noso pobo”

Como viviu o BNG de Mondariz o estraño episodio da dimisión do anterior equipo de goberno?

Con asombro, abraio e incredulidade. Unha situación como esa, que situou á política local do noso pobo no terreo do esperpento, deixounos estupefactos.

A verdade eu creo que é un caso único na historia do país. Polo menos eu non lembro nada parecido nos 30 anos que levo analizando a actualidade política galega. Podiamos falar se cadra da Cangas de Lois Pena nos anos 80 do século pasado, pero non son casos análogos. Que explicación política motivou a marcha de todo o goberno segundo o voso criterio?

Non hai razóns políticas que poidan explicar semellante esperpento. Ao noso xuízo trátase dun caso de falta de capacidade para manexar unha situación complexa, e dunha evidente carencia do máis elemental sentido da responsabilidade.

Ao teu xuízo a dimisión de todo o equipo de goberno de Alternativa por Mondariz tratouse dunha decisión colectiva colexiada, ou foi froito unicamente da vontade do anterior alcalde?

Alternativa por Mondariz é unha agrupación unipersonalista, presidencialista e baseada no carisma e na vontade dunha persoa en concreto. Todos os movementos de Alternativa dependen da posición que teña o seu líder.

O novo goberno do PP ven de cumprir os tres meses de mandato. Podemos emitir unha primeira valoración ao respecto do seu traballo?

Si, e por desgraza estes primeiros meses de goberno apuntan a que o traballo do PP de Mondariz non difire en nada do funcionamento clásico do PP:Todo se basea na propaganda e na publicidade, pero non existe nin proxecto nin modelo de vila. Non saben a onde queren chegar e, xa que logo, non hai un camiño deseñado sobre o que poidan traballar.

Entón que fan?

Xestionar o día a día como poden.

Só iso?

Si, só iso. É triste, é terrible para o noso pobo, pero é a realidade. Este alcalde, ao igual có anterior, ocupa o posto só polo feito de ocupalo.

A finalidade deste goberno é unicamente conservar o goberno?

Claramente si. Como antes che dixen non hai modelo de pobo, non saben cara a onde van e limítanse a afrontar como poden os problemas do día a día.

Ben, o certo é que levan moi pouco tempo e a situación aritmética que teñen é extremadamente débil

Si, xa, pero o PP estivo gobernando Mondariz moitísimos anos, non son uns neófitos que acaban de chegar. O correcto e o responsable é que xa tiveran un modelo de vila en mente, un plan de traballo deseñado, e que comezasen a facer política para tratar de aplicalo. Pero non teñen nada.

Neste tres meses non avanzaron nada ao respecto de cales van ser as súas liñas políticas básicas en temas esenciais para Mondariz, como por exemplo a delicada situación económica ou o polígono industrial?

Non, nada de nada. Este goberno non é que non teña un modelo global de Concello, que non o ten, é que se baixamos ao terreo do concreto tampouco ten nada referente a ningunha cuestión particular. Só se limitan a recoller algúns proxectos que naceron no goberno que tiven a honra de presidir.

Por exemplo?

O parque empresarial, ou a renovación do campo municipal da Lagoa. Novidades que nos presentara este goberno non existen, polo menos de momento non se referiron a ningunha.

O asunto do soldo do alcalde como o arranxaron?

O alcalde vai ter unha liberación do 75% e polo tanto vai percibir esa porcentaxe de salario: o 75%.

Vaia, entón non vai ser alcalde a tempo completo?

Ben, el afirma verbalmente que lle dedicará á alcaldía o tempo que faga falta, pero oficialmente vai compatibilizar á alcaldía cos seus negocios particulares.

Non sei que dicir, que cousas máis estrañas acontecen na política local de Mondariz. Seguro que estou equivocado pero tampouco lembro outro caso parecido…

Ultimamente pasan cousas moi estrañas en Mondariz, si.

Como está a saúde do BNG de Mondariz?

A saúde do BNG de Mondariz é boa. Nós somos un proxecto político xa consolidado, firmemente chantado no país e que basea a súa praxe nuns principios ideolóxicos. Estes fundamentos que son os que moven a nosa acción política son independentes de calquera persoa. As persoas pasamos, as ideas permanecen. Na nosa localidade estamos ben. Temos corpo militante, estrutura e ilusión por chegar a acadarmos a confianza da maioría social dos nosos veciños e veciñas. E visto o que aconteceu e o que está a acontecer tense amosado con moita claridade que o BNG é a única forza que ten un proxecto e un modelo para Mondariz.

Podes dicir claramente que recuperar o goberno de Mondariz é a expectativa inmediata do BNG de Mondariz?

Agás algunha excentricidade, como a que vivimos en Mondariz, toda formación política aspira a gobernar, e o BNG de Mondariz non é ningunha excepción. Nós aspiramos a gobernar Mondariz si, claro que si. Asemade estou convencido de que un goberno do BNG sería o mellor para a nosa localidade.

As vindeiras municipais son no 27, aínda falta tempo co que non resulta fácil facer prognósticos, pero a decisión tomada por Alternativa fai que en Mondariz resulte case imposible pois sitúanos nun escenario descoñecido. Que previsións tes sobre como pode evolucionar o espazo da esquerda en Mondariz?

A esquerda de Mondariz está representada no BNG. É moi cedo para facer prognósticos pero como xa mencionei varias veces: o BNG é unha organización seria, solvente cunha traxectoria de rigor, contrastada ao longo da súa historia e Alternativa por Mondariz é o proxecto dunha persoa en concreto que xa amosou o que fai cando a situación se complica. Insisto:A esquerda de Mondariz está no BNG.

Onde vai estar Xosé Emilio Barros no 27?

Sempre que teña saúde, que agardo que si, no BNG de Mondariz con seguridade. O lugar que ocupe na organización decidirao o conxunto da militancia do bloque de maneira colectiva ,como sempre se fixo na formación política na que milito.