Anxo Baz, portavoz do BNG da Guarda
Mentres guardeses e visitantes aínda nos resistíamos a despedir un cálido e pracenteiro mes de setembro de 2024, algo se argallaba en Madrid, que de ir adiante, condicionará para sempre o xeito de vivir, traballar e desfrutar na nosa vila.
E mentres as últimas raiolas de sol filtraban tinturas vermellas e azuis entre os barquiños e as terrazas do porto da Guarda, alguén no afastamento dun ministerio madrileño, iniciaba as consultas previas para a instalación dun parque eólico mariño na costa da Guarda.
Lonxe queda aquela resolución do ano 2009, na que o Parlamento Galego, por unanimidade de todos os grupos políticos da cámara, aprobaba que Galiza ficase libre da eólica mariña polo seu impacto negativo para a pesca.
Hoxe, semella que pouco ou nada importa, que o tres de maio de 2023, o Parlamento Europeo aprobase unha resolución onde se determinaba que os caladoiros históricos e tradicionais específicos dos mariñeiros deberán estar libres da eólica mariña.
Pouco ou nada semella importarlle a Madrid, a depredación, o saqueo e a desfeita que a instalación desta infraestrutura supón para a pesca, o turismo e o futuro das familias guardesas.
Que mellor consulta previa á avaliación de impacto ambiental deste parque, que a testemuña dos mariñeiros de Viana do Castelo, que informan a quen os queira escoitar, da desaparición do banco de peixe, trala instalación dos tres muíños na súa costa. Que máis probas se precisan para entender que a eólica mariña e a defensa do sector pesqueiro non son compatíbeis?
Porque outra vez Galiza, exportando o 38% de enerxía eléctrica producida con fontes renovábeis, ten que cargar co compromiso non asumido por outros territorios? Porque duplicando xa os obxectivos marcados pola Unión Europea en produción de enerxías renovábeis para 2030, temos que soportar un atentado ao noso sector pesqueiro, a nosa paisaxe, a nosa biodiversidade, a nosa economía?
“Pinzón”, “Volanteiro”, “Celta”, nomes bonitos e emblemáticos, cheos de entidade e significado histórico para un país rico e traballador como o noso, son hoxe utilizados intencionadamente desde a frialdade dos despachos madrileños, co silencio cómplice da Xunta de Galiza, para engordar aínda máis os grandisimos beneficios das multinacionais enerxéticas.
Cando iniciamos o percorrer dun novo ano 2025, cargado de proxectos persoais e colectivos, coa certeza de poder levalos adiante nun dos lugares máis bonitos e ricos que nos podería ter tocado vivir, alguén baixo etiqueta do verde, pretende arrebatarnos A Guarda tal e como todos e todas a coñecemos. Alguén, desde unha perspectiva colonial, traballa para converter A Guarda en algo que sexa calquera cousa menos mariñeira, acolledora, natural e autosuficiente.
E temos que ser nós, como pobo, quen defendamos unha vez máis, este mar que nos deixaron en herdanza e do que tantas xeracións de guardeses e guardesas viviron. Temos que ser nós, quen esixamos xustiza, dereitos e equidade para a salvagarda dos nosos montes, das nosas serras e agora tamén do noso mar.
Xustiza, dereitos e equidade para un país que hai tempo que cumpre cos obxectivos marcados na creación de enerxías renovabeis, para un país e un pobo que ten que deixar de poñer a outra meixela cando ve que outros pretenden abusar del con auténtico descaro. Xustiza, dereitos e equidade para un país que xa no 2009, dixo alto e claro, e por unanimidade, Galiza libre da eólica mariña.
