Tino Lago
A principios deste mes recibín a chamada de Pilar Rodríguez, farmacéutica de Sanguiñeda e integrante da plataforma Defende Mos. Acudín á conversa con ela procurando liberarme da apriorismos pero confeso que sen moitas gañas, pois a evidente utilización que o goberno de Mos fai desta plataforma, un goberno de oportunistas que din o contrario do que dicían cando gobernaban eles en Madrid ao respecto do proxecto do túnel da A52 , e algunhas voces que desprestixiarían a calquera colectivo que representen, e que teñen falado en nome desa plataforma, facían que o interese que puidera ter en coñecelos se esvaecese case por completo.
Como non teño por costume vetar a ninguén ,agás a quen o seu comportamento previo me pareza suficiente como para non darlle cabida nas nosas páxinas, acudín á cita con Pili e despois de conversar con ela teño a certeza de que Pili, refírome a ela en concreto de momento, é unha persoa honesta que só pretende achegar o seu gran de area para facer mellor o mundo no que vive. En relación á miña valoración sobre a plataforma prefiro agardar a ver como se desenvolven os acontecementos para podela emitir de maneira rigorosa, e non caer no terreo da especulación.
Deséxolles sorte e acerto á hora de escoller as persoas que as representen.
Pilar Rodríguez Miralles, Membro da Plataforma Defende Mos.
“A nosa plataforma non está colonizada nin polo PP nin por ningún outro partido, o seu único obxectivo é a defensa de Mos.”
Cando se constituíu esta plataforma?
No ano 2007. Nesta ano fixeron un proxecto dun trazado do Ave, aquí foi cando comezamos a traballar como plataforma e conseguimos paralizar esa actuación.
Que fundou a plataforma ?
Exactamente non sei, cando xurdiu o problema do Ave pasou un coche con megáfono por Sanguiñeda que é de onde son eu, convocáronos nun pavillón para darnos información e aí comezou a miña implicación coa plataforma.
A plataforma esta constituída por veciños e veciñas de Mos?
Si, ou que non son de aquí pero teñen aquí os seus negocios.
De todas as parroquias?
Xente de varias parroquias de Mos que se uniu para defender o concello contra un trazado moi agresivo do Ave. Este trazado parouse pola acción social e aquí descubrimos que xa había un trazado aprobado para a autovía. Nese momento comezamos a loitar pola autovía e a pedir a liberación da peaxe que é o que seguimos pedindo agora.
Entón seguistes loitando desde o 2007?
Cando paralizamos o tema do Ave a cousa parouse un pouco. Agora estamos con este proxecto da autovía volvemos a organizarnos pero hai xente que xa non está na plataforma, outra faleceu, pero comezamos a organizarnos pedindo firmas en contra do proxecto
Quen formades parte da plataforma no momento actual?
Veciños e veciñas de todas, ou polo menos da maior parte, as parroquias de Mos
Fálame do trazado deste proxecto, ata onde vai e que afectacións tería para este concello.
O trazado comeza en Porriño, no Barrio da Malladoura ao que lle afecta a bastantes casas, ao chegar a Madeiras Iglesias desdóbrase, vai elevado por enriba da rotonda, e segue nun túnel, túnel que nos din os técnicos do Concello de Mos que non serve para nada, que os veciños de Mos terían que ir ata o final de Mos para poder collelo. Aquí vai directo ata o Seminario da Avda. de Madrid, non hai ningunha saída antes. O túnel sae por Bembrive, a Bembrive esnaquízao en dous, o desta parroquia de Mos si que é moi grave. As consecuencias deste túnel tamén son que vai afectar a varias traídas de auga.
De que parroquias?
Sanguiñeda, Pereiras, Petelos e algo a Tameiga tamén.
Cal é a parroquia máis afectada?
Sanguiñeda, o impacto visual sería moi grave coa ponte xigante por riba, ademais o entullo que saquen van tiralo aquí en Mos.
Pensades que esta novo trazado vai solucionar os problemas do tráfico?
Non, pensamos que non vai solucionar nada, non é necesario e prexudicaría moito máis que o beneficio aportado.
A solución é liberar a peaxe da AP9?
Non sei si será a solución pero penso que o primeiro que hai que facer e liberar a peaxe para comprobar se iso da resultado e se amaña parte do problema.
Á A55 hai que facerlle algo, esa autoestrada é terrible pero entendedes que a solución que formula o Ministerio de Fomento non é a adecuada, o primeiro paso razoable sería liberar a peaxe da AP9?
Si, probar coa súa liberación uns meses para comprobar se pode ser a solución e logo tomar outras medidas se isto non chega.
Cales son as accións que pensades seguir desenvolvendo desde a plataforma para concienciar á sociedade da vosa posición?
Estamos pendentes dunha reunión estes días para concretar os pasos a seguir.
Onde vos reunides?
Prestounos o concello un baixo detrás da casa reitoral, temos o apoio do PP e do BNG. En principio estamos argallando facer unha comparsa protesta, aínda temos que decidir se a facemos conxuntamente con Bembrive, colocación de pancartas, … Temos que facer mobilización social coa intensidade que poidamos para tratar de parar este proxecto.
Está o PP detrás desta Plataforma ?
Non. Rotundamente non. Eu e a miña amiga Amalia, que estamos xuntas nisto, non estamos con ningún partido, supoño que na plataforma haberá xente de diferentes cores políticas pero a Plataforma non está para iso, senón para defender o noso pobo e non está colonizada por ningún partido político en concreto.
Quen é o portavoz da vosa plataforma?
Non temos ningún en concreto, eu estou falando contigo, Amalia é a que manda escritos á prensa, Antonio saíu na radio, depende do que sexa estamos uns ou outros.
Polo que me comentas contades co apoio do Concello?
Si, e co apoio do BNG tamén. En canto ao PSOE pois este é un proxecto dun goberno seu e claro non o van combater.Ao respecto da posición dos socialistas quero dicir que as recentes palabras do ministro énchenme de esperanza en que tomen conciencia de que este non e un proxecto adecuado e que rectifiquen.
Que dixo o Ministro de Fomento?
Dixo que todos nos podemos equivocar que había que estudar todas as alegacións, que os de Bembrive presentaron alegacións importantes, tamén o fixo o Concello de Mos. Eu teño esperanzas de que este proxecto non saia adiante.
Eu non teño por costume mirar a outro lado nin ser neutral, entón vou dicir con claridade que a posición do Concello de Mos O do Concello de Mos carece da máis mínima honestidade intelectual, é puro oportunismo político .Cando o PP gobernaba en Madrid so respecto deste asunto dicían o contrario do que din agora
De feito no plan xeral de Mos teñen proxectado un túnel tamén.
