Anselmo Táboas, concelleiro do PSOE en Pazos de Borbén

Anselmo Táboas, concelleiro do PSOE en Pazos de Borbén
Tino Lago

Despois do histórico, e moi necesario, cambio de goberno en Pazos de Borbén nas eleccións do ano 2023, Luciano Otero accedía á alcaldía deste concello nun goberno en minoría, pois ten 4 de 11 concelleiros. Non houbo acordo para integrar ao concelleiro do BNG nin ao do PSOE, e chegando á metade do mandato o goberno vai zafando como pode, nunha situación aritmética complicada,e con bastantes máis tensións das que serían desexables coas outras dúas forzas de esquerda da corporación municipal. Nós conversamos con Anselmo, o concelleiro socialista. El é un veciño de Nespereira, que leva pouco tempo na política activa e que se confesa moi ilusionado con esta etapa na súa vida, convencido de que Pazos si necesitaba un cambio pero decepcionado polo tipo de goberno que, ao seu xuízo, está a desenvolver AV. Antes de deixarlles co contido da nosa conversa quixera expresar unha opinión persoal referente ao titular da entrevista:Se foi así, tal como Anselmo o manifesta, e non teño ningún motivo para dubidar das súas palabras, é unha proba manifesta da necesidade de reconducir as relacións entre AV, BNG e o PSOE porque o PP , por hixiene democrática, non debe de volver gobernar en Pazos de Borbén nunca xamais.

O PP, nas negociacións de investidura, ofreceume a alcaldía de Pazos e un posto de traballo na Deputación”

Queremos coñecerte Anselmo, de onde es ti, a que te dedicas e como chegaches á política?

Eu son natural de Nespereira teño 46 anos, estou casado e teño un fillo de case 20 anos. Traballo nunha empresa de frío en Mos e sempre me interesou a política. Desde moi novo fun simpatizante e votante do PSOE e desde algúns anos son afiliado tamén. Inicialmente afilieime directamente en Ferraz e non formaba parte de ningunha agrupación en concreto, ata que contactaron comigo os compañeiros e compañeiras da agrupación local de Pazos.

Vaia, es da mesma parroquia dos dous últimos alcaldes?

Pois si, e asemade somos veciños,vivimos os tres nunha contorna de arredor de 300 metros.

Cando es o candidato do PSOE nas eleccións do 23 era a primeira vez para ti? Ou xa tiñas experiencia previa?

Foi a primeira vez para min, nunca antes fora en ningunha lista electoral.

Como levas a compatibilidade entre a vida familiar, profesional e política?

É complicado, realmente difícil. Nunca pensei que a política absorbera tanto tempo, que por outra parte é de maneira totalmente altruísta pois non cobramos nada.

Ben, cobrarás as dietas de asistencia aos plenos?

Si, pero dóoas integramente á agrupación local.

Integramente?

Si.

A política era o que esperabas?

Ten partes boas e partes malas. Coñeces xente moi interesante pero tamén te sitúa en dinámicas complexas de ter que tomar decisións que noutros contextos non tomarías.

Cando chegas ao Concello o PP levaba un feixe de anos gobernando. Ti cres que Pazos necesitaba nese momento un cambio?

Si, sen dúbida que o necesitaba. Levaban moito tempo e asemade non estaban facendo nada, era un PP durmido.

E polo tanto apoiaches a investidura de Luciano Otero?

Si, pensamos que o cambio sería para ben pero non o foi.

Tiñas dúbidas sobre apoiar a Luciano como alcalde?

O que tivemos foi negociacións tanto co PP como con AV.

Co PP por que? Dirixíronse eles a ti para que os apoiaras?

Si, e fixéronme propostas moi interesantes.

Que propostas?

Darme a min a alcaldía e un posto de traballo na Deputación.

Vaia, acabas de deixarme estupefacto. Podo publicar iso?

Si.

Quen estaba por parte do PP nesa reunión na que che fan esa oferta? Persoas do PP de Redondela? Do PP provincial?

Non, eran persoas do PP de Pazos.

Ti, evidentemente non aceptaches?

Non, non aceptei. Eu estou en política por principios non por interese persoal.

Como foron as negociacións con AV?

Non foron nada fáciles, de feito non chegamos a ningún acordo de investidura. Démoslle o voto afirmativo a cambio de nada porque, como che comentei antes, tiñamos claro que Pazos precisaba un cambio.

Non che ofreceron entrar no goberno?

Si, pero non aceptamos.

Por que motivo non aceptastes?

As liñas políticas que nos propuxeron non eran do noso agrado. Posiblemente nas metas si que había coincidencias, pero o camiño para chegar a esas metas non era o noso.

Ben, e con case a metade do mandato esgotada como valoras estes dous anos da alcaldía de Luciano Otero?

Algo máis de traballo faise, é verdade, pero Pazos non mellorou absolutamente en nada.

Pazos non mellorou absolutamente en nada?

Non, en nada. Este goberno segue facendo contratacións a dedo, igual có anterior. Os amigos contratados, son distintos pero se segue contratando a amigos como se facía antes. As depuradoras seguen máis ou menos igual, as infraestruturas continúan mal, o transporte continúa a ser deficiente, non se mellorou nada nin no que respecta ao centro de día nin no que se refire á gardería.

E o polígono?

Algo avanzou, pero iso xa ven do PP. O alcalde está en minoría, precisa do noso voto e do voto do BNG, necesita un talante adecuado para crear consensos e chegar a acordos con nós. Pero por desgraza non ten ese talante. A proba da súa evidente falta de talante está en que en todo o ano 24 e no que levamos do 25 só tivemos unha reunión de arredor de 5 minutos.

De quen é a responsabilidade de que a estrada de Nespereira estea aínda sen amañar?

Tanto do alcalde como da Deputación, a responsabilidade é compartida. Os veciños están pagando as consecuencias de que ambas administracións estean enfrontadas.

Ti tiraches unha nota de prensa, moi dura, na que afirmabas que en todo o que queda de mandato non ías apoiar nada deste goberno. Cal foi o motivo?

A finais do ano 23 fixemos un acordo para darlle o noso voto afirmativo nun pleno a un recoñecemento extraxudicial de crédito e a un plan de obras. Nós para apoiar ao goberno exiximos que se mudaran as políticas de contratación. Despois dun ano agardando constatamos que nada cambiou: este goberno, igual có anterior, segue contratando a dedo e segue contratando aos amigos. Un ano esperando, creo que é unha marxe de tempo máis que razoable, e polo tanto este é un goberno que nós non podemos apoiar.

Algún exemplo desas supostas contratacións a dedo?

Ten un asesor externo que no ano 2024 facturou 50.000€ ao Concello. A maneira de traballar nun mudou en nada con relación á do anterior alcalde.

Se a cambiara poderías reconsiderar o teu criterio de non apoiar nada deste goberno?

Non me ofrece confianza.

Xa, pero se el te chama, séntase contigo e chegades a un consenso tanto nas formas de traballo como nas liñas políticas a seguir, pola túa banda habería posibilidade de reconducir as cousas?

Si, pola miña parte totalmente. Non habería problema e nós botariamos unha man no que fixera falta. Eu estou disposto a cambiar as cousas. Agora ben, tería que cumprir o pactado, desde logo.

Como percibes que a sociedade de Pazos está a valorar o teu traballo?

A nós cústanos moito ter visibilidade. Na política local hai como unha especie de polarización, e nós en Pazos sempre fomos minoritarios. En calquera caso traballamos con ilusión para que a veciñanza poida percibir que os socialistas estamos aquí para axudar a mellorar as cousas.

Acabamos Anselmo, como estás de de ánimos e cales son as túas expectativas políticas para o futuro inmediato?

De ánimos estou moi ben, conservo a ilusión intacta. É unha honra para min representar aos e ás socialistas de Pazos no Concello, e seguirei facéndoo o mellor que poida e saiba para tratar de axudar ao conxunto da veciñanza de Pazos.

Para o futuro quero que a agrupación local creza.Ter un PSOE forte e solvente en Pazos é a mellor maneira de enfrontarse con éxito aos problemas e necesidades do noso pobo. E eu, se os meus compañeiros e compañeiras o estiman oportuno, teño a intención de repetir no 27 como candidato socialista á alcaldía do noso Concello.