Tino Lago
O BNG do Condado Paradanta escolleu unha nova dirección comarcal que está liderada por Javier Viéitez, concelleiro en Salvaterra. El é natural de Alxén, ten 45 anos e traballa no sector da automoción. Javier é unha persoa tranquila, cun perfil integrador e amigo dos consensos como a forma máis adecuada para resolver os conflitos. Asume a responsabilidade con ilusión, e despois dunha longa conversa con el voume permitir facer algo que case nunca fago;especular co futuro, para dicir que o BNG acertou escolléndoo para un posto no que se require paciencia, man esquerda e habilidade para construír espazos de consenso. Teño a sensación de que vai facer un gran traballo.
Javier Viéitez.
“ Síntome na obriga moral de agradecer a toda a militancia do BNG, pasada e presente, o seu enorme traballo que permitiu construír unha organización tan sólida na nosa comarca”
Cando estreaches o cargo?
O 13 de Xaneiro. Puxéronse en contacto comigo e comentáronme a posibilidade de encabezar unha candidatura de integración e consenso. Non é algo que estivera nos meus plans, pero deille unha volta e decidín dar o paso.
Que criterios utilizastes para a confección da candidatura?
A integración e o consenso, dous conceptos esenciais para que unha organización política funcione correctamente. De feito cando se votou no local de Ponteareas foi aprobada case por unanimidade, tivemos o 98% de fotos favorables.
Levas algo máis de dous meses como responsable comarcal,imaxino que xa puideches facerche unha idea da saúde do BNG na Comarca?
Si, foron dous meses moi intensos , ateigados de xuntanzas que me están servindo para aprender moito. Estou descubrindo a potencia e a dimensión tan grande que ten o BNG nesta comarca, e a disposición positiva de todas as estruturas do Bloque en colaborar para facer máis fácil o traballo. A modo de síntese dicir que a nosa saúde é boa, iso é unha evidencia , pero temos unha ampla marxe para podermos mellorar.
Onde ves esa marxe de mellora?
Quixera chegar a moitas máis persoas da nosa comarca. O BNG é a forza máis útil para defender os intereses do pobo galego, e encantaríame que o noso traballo servise para que así o perciba a maioría social da veciñanza do Condado Paradanta. Por outra parte quixera aumentar o nivel de participación e de implicación no traballo do día a día da nosa base social, tanto de militantes como de simpatizantes.
Nas municipais do 19 os resultados foron magníficos para o nacionalismo na vosa comarca, pois acadastes 3 alcaldías: Ponteareas, As Neves e Mondariz. Porén no 23 o retroceso foi evidente pois só se gañou unha, Mondariz Balneario, pero se perderon as 3 anteriores. Como están os ánimos no momento actual?
Non foi unha situación agradable, desde logo. Cada unha desas tres alcaldías que perdemos ten unha casuística propia, e penso que habería que analizar localidade por localidade para determinar as razóns desas perdas. Agora, case dous anos despois, os ánimos están a tope e penso que estamos na mellor das disposicións para darmos a batalla con opcións realistas de recuperalas todas.
De todas maneiras nas municipais do 23 tamén houbo aspectos moi positivos: gañamos a alcaldía de Mondariz Balneario e avanzamos, nalgúns casos de maneira significativa, en Salvaterra, Salceda e O Porriño.
Xosé Manuel Rodríguez Méndez, o primeiro alcalde nacionalista das Neves, ven de anunciar que dá un paso atrás e renuncia a súa acta de Concelleiro. Como valoras esa decisión?
Xosé Manuel Rodríguez, alén de ser o primeiro alcalde nacionalista é o mellor alcalde da historia das Neves sen ningún tipo de dúbida. Por primeira vez nesa localidade traballouse, nos oito anos que gobernamos, cun plan e un modelo de vila que tratou de crear oportunidades laborais para as persoas que alí vivían, atraer a novos habitantes a vivir nas Neves e dotar ao Concello de servizos suficientes. Lamentablemente a colaboración da Xunta co goberno municipal foi ningunha.
A decisión de dar un paso atrás de Xosé e de Pilar é un xesto de xenerosidade pola súa banda, que eu valoro de maneira moi positiva.
Hai un relevo magnífico, entran dúas concelleiras novas, Rocío e Alba, que acompañarán a Óscar, e o BNG das Neves optará a retomar a alcaldía con posibilidades serias de éxito porque o goberno que ten agora as Neves é moi mellorable.
Ben, xa falamos das Neves e agora quero coñecer de maneira sintética a túa opinión sobre as outras localidades da Comarca
Ponteareas?
En Ponteareas a organización local, baixo o liderado de Cristina Fernández Dávila, está facendo un magnífico traballo de oposición. Están percorrendo a localidade parroquia a parroquia para constatar as necesidades e problemas da veciñanza e, fronte ao desgoberno actual, ofrecer solucións concretas e eficaces. Temos un novo responsable local, Xabier Prado e unha organización moi sólida. Neste Concello o goberno de Nava Castro foi unha terrible regresión que ameaza seriamente todo o bo dos gobernos de Pepe Represas e da propia Cristina Fernández.
Salvaterra?
En primeiro lugar quixera ter un oco para a memoria do compañeiro Tití. En Salvaterra estamos moi ben, facendo un enorme traballo de base, e con serias posibilidades de que Patricia Mariño sexa a vindeira alcaldesa do noso pobo. E parte desa boa saúde débese ao grande traballo desenvolvido polo compañeiro ao que antes me refería.
Eu milito no BNG de Salvaterra e podo dicir con absoluta rotundidade que o ambiente na agrupación local é extraordinario, e a conexión coa realidade social que temos é espectacular.
E que papel xoga o BNG de Mondariz no caos político que vive esa localidade?
Nós temos unha nova responsable local, Alba Sanjurjo, e tratamos de facer as cousas coa seriedade e o rigor habituais do BNG. A dimisión de todo o goberno local foi algo inédito, e desde logo non estiveron á altura. A veciñanza de Mondariz pode ter a absoluta confianza en que nós esteamos onde esteamos, no goberno ou na oposición, non imos abandonar as nosas responsabilidades.
Mondariz Balneario?
Para chegarmos a esa alcaldía houbo un inmenso traballo previo que quero valorar pois meréceno. Todos sabemos como gañaba as eleccións o anterior alcalde, e acadar esa alcaldía tivo un mérito extraordinario. En canto á acción de goberno non é que o diga eu, que tamén o digo,é que o que di a veciñanza é que César Gil e o seu equipo son un goberno extraordinario.
Arbo?
Nese pobo no que o BNG chegou a ter a alcaldía, agora non temos representación. Existiron distintas circunstancias que nos levaron a iso, que non paga a pena valorar pois son cousas dun pasado que o nacionalismo tivo a intelixencia de superar.
O líder do BNG de Arbo, Diego Prieto Gago, está facendo un traballo extraordinario. Non temos representación pero facemos máis política, e máis e mellor oposición que toda a oposición que si ten actas.
Non hai conflito nin problema en Arbo no que non estea Diego, e moito ollo con este pobo porque teño a convicción de que no 27 entraremos cunha forza moi importante.
Na Cañiza?
Nesta localidade non tiñamos, como sabes, organización local. Logramos o paso máis difícil que é montala e que estivera viva. Agora temos que crecer e lograr a penetración suficiente para acadar representación institucional. Temos unha magnífica responsable local, Trini Labaca, e temos confianza plena en que pronto haberá concelleiras e concelleiros do BNG na Caniza.
En Covelo é posible crecer?
Este é un caso peculiar. O alcalde Pablo Castillo, comprende ben a idiosincrasia do pobo galego e en certo modo ás veces pode parecer que usurpa o noso espazo. Pero non debemos esquecer que el un alcalde do PP, o mesmo PP, exactamente o mesmo, do alcalde José Costa. Nós temos dúas magníficas concelleiras que fan un gran traballo e temos moito potencial de crecemento que nos acabará dando moitas alegrías con seguridade.
E falando de crecer, que nos dis de Crecente?
Digo que o noso concelleiro Benigno, e o noso responsable local, Luis, teñen un mérito superlativo, pois o seu esforzo e implicación manteñen vivo o facho do nacionalismo nun pobo que ven padecendo ao longo da súa historia un tipo de goberno caciquil baseado no nepotismo contra o que é moi difícil competir.
No Porriño?
Nesa localidade o PP ten unha maioría abafadora iso é incuestionable. Nós subimos no 23, pero non subimos o suficiente. Agora ben, se nos molestamos en pasar do superficial ás profundidades da realidade veremos como o goberno do Porriño fóra do populismo, das festas e lupandas, dos bicos e das apertas, non ten nada que ofrecer para mellorar a vida da veciñanza.
No Porriño temos unha organización local moi potente, acabamos de escoller a unha nova responsable local, Menchu Pereira, e temos un grupo municipal de enorme solvencia. As cousas estanse facendo ben e son moi optimista co futuro do BNG no Porriño.
En Salceda a estratexia para crecer pasa por integrar a Movemento Salceda, ou por competir contra eles polo mesmo espazo?
Nin por unha cousa nin pola outra. A estratexia é tratar de facer ver á sociedade de Salceda que o BNG é a casa común do nacionalismo galego, que é unha forza útil para resolver problemas e que ten un proxecto de país. En Salceda nós imos ao noso, que é que o noso traballo avale o noso crecemento. Nese sentido considero moi importante a entrada na corporación do noso compañeiro Tano Guerra.
Acabamos Javi, moitas grazas
Se me permites quixera dicir para rematar que me sinto na obriga moral de agradecer o enorme esforzo e o grande traballo de toda a militancia do BNG presente e pasada. Especialmente quixera valorar a quen estivo antes ca min. Nunha comarca que tivo alcaldes como Jose Costa, Julio César Luengo, Pepe Castro, César Mera,Arturo Grandal…. ter construído unha forza nacionalista coa solidez e a solvencia que ten o BNG,en disposición de pelexar polas alcaldías de moitos destes concellos, ten un mérito superlativo e merece todo o meu respecto. Teño unha ilusión inmensa e vou tratar, humildemente, de estar á altura.
