
O goberno da Xunta de Galicia vén de aprobar a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) para o proxecto da megacelulosa de Altri en Palas de Rei, un dos maiores despropósitos industriais da historia recente do país. A autorización deste complexo químico, que devorará recursos naturais a un ritmo insostible, é un exercicio de submisión descarada aos intereses dunha multinacional á conta do futuro dos galegos e galegas. O Partido Popular, con Alfonso Rueda á cabeza, confirma unha vez máis que o seu modelo de “desenvolvemento” se basea en entregar o noso territorio como unha colonia industrial.
Os datos son demoledores. A planta ocupará 366 hectáreas, demandará 1,2 millóns de toneladas de eucalipto ao ano e succionará 46.000 metros cúbicos de auga do río Ulla cada día, equivalente ao consumo de toda a provincia de Lugo. A isto súmase a vertedura de 30.000 metros cúbicos de augas residuais diarias, unha cheminea de 75 metros expulsando gases contaminantes, e unha afectación directa sobre espazos protexidos da Rede Natura 2000. Todo isto en plena Ulloa, unha comarca de gran riqueza natural e agrícola, e a carón do Camiño de Santiago.
Non é que o PP non o saiba. Sabeo perfectamente, pero non lle importa. A Xunta prefire seguir exercendo de brazo executor dun modelo extractivista que reduce Galicia a un sumidoiro industrial, onde os beneficios quedan en mans privadas e os impactos recaen sobre a sociedade.
A aprobación da DIA é a última mostra de que o goberno galego non está ao servizo do interese xeral, senón dos intereses das grandes empresas. O informe ambiental, cuxo contido completo permanece opaco, foi avalado pola Xunta con absoluta celeridade, mentres proxectos moito menos agresivos sofren bloqueos administrativos infinitos. A mesma administración que pon trabas ao desenvolvemento rural e a iniciativas sostibles non dubida en regalar licenzas cando se trata de instalar unha fábrica que, literalmente, vai beber e contaminar os ríos galegos.
Pero o máis insultante é que este proxecto se pretende vender como “verde” e “sostible”. A empresa non dubida en utilizar toda a linguaxe do lavado de cara ambiental para ocultar que, en realidade, estamos diante dunha industria altamente contaminante. A Xunta, cómplice na farsa, asina informes ambientais a medida, facendo oídos xordos ás denuncias de ecoloxistas, científicos e expertos que alertan do impacto irreversible sobre a biodiversidade, o ciclo da auga e a calidade do aire.
E mentres o PP galego abraza Altri con entusiasmo, o Goberno central do PSOE mantén unha posición ambigua e irresponsable. A empresa busca 250 millóns de euros de fondos públicos a través do PERTE de descarbonización industrial, e o Ministerio de Industria evita aclarar se se destinarán cartos públicos a esta barbaridade. O ministro Jordi Hereu afirma que a concesión de axudas “se avaliará con criterios técnicos”, sen desmentir en ningún momento que Altri poida beneficiarse dos recursos do Estado.
Esta indefinición é perigosa. Se finalmente se destinan fondos públicos á megacelulosa, será unha traizón a Galicia e unha demostración de que o Goberno de España non só tolera, senón que financia a destrución do noso territorio.
A boa noticia é que a sociedade galega non está disposta a aceptar este atentado ambiental sen loita. Plataformas como Ulloa Viva anunciaron unha batalla legal contra o proxecto e as protestas están en marcha en distintos puntos do país. A cidadanía xa demostrou coa loita contra ENCE que a mobilización pode torcer os plans do poder, e agora enfróntase a un desafío similar.
Altri non é progreso, non é emprego sostible, non é industria verde. É contaminación, expolio e destrución. É unha hipoteca ambiental que Galicia non pode asumir. O Partido Popular segue gobernando coma se o país fose o seu feudo particular, concedendo favores aos seus amigos empresarios en detrimento do ben común.
A pregunta agora é clara: deixaremos que Galicia se converta nunha factoría ao servizo de multinacionais ou imos defender o noso territorio?
