O BNG de Mondariz escolle a unha nova responsable local

Alba Sanjurjo

Aos que xa pasamos dos 50, e levamos toda unha vida na defensa dos intereses de Galicia, contribuíndo o mellor que soubemos e podemos, seguro que con moitos erros, a que a conciencia colectiva de sermos pobo galego poida seguir viva nas futuras xeracións do noso país, ilusiónanos, case diría emociónamos, ver como hai mozos e mozas que están dispostos e dispostas a tomar o relevo comprometéndose activamente na política. Unha delas é Alba, nova responsable local do BNG en Mondariz. E nós fomos coñecela

Alba Sanjurjo.

O BNG de Mondariz, sexa no goberno sexa na oposición, nunca vai abdicar das súas responsabilidades. “

Alba, queremos coñecerte un pouco

Pois son unha moza da Mariña, en concreto de Viveiro, teño trinta e catro anos e xa levo algo máis de tres vivindo, co meu compañeiro e a miña filla, en Mondariz.

Caramba, Viveiro non é que estea aí ao lado. Como é que chegaches a Mondariz?

Os camiños da vida foron os que me trouxeron ata aquí. Nós estabamos vivindo na Coruña, aquilo rematou e á miña parella xurdiulle a posibilidade de formarse en Vigo. Buscamos algo nas proximidades, ambos tiñamos claro que queriamos vivir no rural,e apareceu nas nosas vidas a marabillosa vila de Mondariz.

Tal como falas deduzo que estás contenta vivindo onde vives?

Si abofé que si o estamos .Non só eu, senón tamén as outras dúas persoas da miña familia

Que formación tes?

Fixen Administración e Finanzas e ao rematar Educación Infantil, os estudos sempre os compatibilicei con traballos na hostalería, supermercados, panadería.

E agora mesmo en que traballas?

Agora estou en situación de desemprego.

Cando e como comezou a túa relación coa política?

Con 18 anos comecei a sentir interese polos asuntos públicos. A analizar a realidade que me tocou vivir e a darme de conta de que non abonda con mirar para outro lado, nin sequera con protestar. Se queremos deixarlle un mundo mellor ás nosas fillas e fillos, no que teñan oportunidades suficientes para se converter en mulleres e homes independentes e libres ,é necesario implicarse.

E alí xa comezaches a militar?

Non, aos 18 anos comecei no activismo social. Un pouco máis tarde, arredor de hai 9 ou 10 anos iniciei a miña militancia política. Naquel momento histórico a situación do nacionalismo era convulsa, eu cheguei a Alternativa por Viveiro e pronto deime de conta de onde estaba a seriedade, o rigor e o compromiso co país : no BNG

Cando chegas a Mondariz, quen estaba de alcalde?

O compañeiro Xosé Emilio.

Como chegas a ser a Responsable Local?

Eu formaba parte do Consello Local. Levaba a área de Acción Feminista. No BNG de Mondariz xa existía daquela un marabilloso equipo, sólido, solvente e entregado ao ben común do noso pobo.

Por que dis que é un “ equipo serio”?

Porque ambas cousas son verdade. É un equipo artellado sobre o traballo en común, non sobre o hiperliderado de ningunha persoa en concreto, e desde logo a nosa seriedade é de tal magnitude que nunca abdicariamos das responsabilidades nas que nos sitúe a veciñanza de Mondariz. Pero coincidiu nun momento no que os referentes históricos do nacionalismo consideraban necesario un relevo xeracional, e os compañeiros e compañeiras honráronme coa súa confianza.

Como levas este nomeamento, non che deu un pouco de vertixe comezar a expoñerte publicamente?

Si,recoñezo que non estou afeita á exposición pública. Pero como che dixen antes: para construír unha Galiza máis xusta e un mundo mellor para os que veñen despois non podemos pornos de perfil e deixar que sexan outras persoas as que se impliquen.

Cales son as liñas de traballo máis importantes que tes previsto desenvolver?

Fundamentalmente: Multiplicar o contacto social. O BNG ten que estar en todos os sitios,en todos os colectivos, en todas as situacións de abuso ou inxustiza e ofrecer alternativas útiles, humanas e xustas que confronten co PP.

Como valoras a situación política de Mondariz despois da dimisión de todo un goberno e a chegada do PP?

É complexa. A dimisión do anterior goberno só pode ser valorada de maneira moi negativa. Unha irresponsabilidade absoluta cara os veciños e veciñas da vila, un feito inédito na historia do Estado Español, e que amosa que son merecedores de moi pouca confianza . Calis deulle as costas á sociedade de Mondariz. O BNG vai seguir traballando con serenidade para tratar de chegar a maioría social do noso pobo. As persoas que nos rodean que teñan a certeza de que o BNG é unha organización seria, responsable e sensata e que sempre vai a estar, tanto cando toque goberno como cando toque oposición.

Que expectativas observas na sociedade de Mondariz con relación ao voso traballo?

Unha importante onda de simpatía, que vai na liña da situación xeral do Bloque en todo o país. O PP vive dos nosos proxectos, non teñen nada que achegar que mereza a pena. Do anterior goberno, pois xa falamos. E o BNG no seu sitio: na defensa dos intereses de Mondariz, de Galiza enteira e de todas as causas xustas. Confío en que a maioría da veciñanza estea nesa liña tamén. Desde logo por ilusión e traballo deste consello local e desta responsable non vai quedar.

É moi pronto para penar en candidato ou candidata á alcaldía?

O BNG é unha organización democrática e as candidaturas electorais son decisións colectivas que teremos que tomar entre o conxunto da asemblea. Eu son unha militante máis e estou ao dispor do que digan os compañeiros e compañeiras. Pero faltan dous anos e o tempo pasa moi rápido. Ese debate terémolo pronto para poder comezar a traballar canto antes.