Dende o grupo municipal do BNG-Foro Forcarei vemos con preocupación as últimas decisións tomadas de xeito unilateral polo PSOE en Forcarei.
Vimos de pedir que se estableza horario de atención ao público dous días á semana da arquitecta contratada, publicando o mesmo para coñecemento e uso da veciñanza do servizo contratado.
Esiximos igualdade co resto de traballadores municipais e que se leve control de rexistro horario, rexistro que por outra banda é obrigatorio por lei e para dar cumprimento á adxudicación.
É tamén equivocado ao noso entender non pedir orzamento para este servizo a ningún autónomo do concello de Forcarei, pedindo só a empresas de outros concellos.
Consideramos desatinado o escrito dirixido á comunidade de montes de A Madalena en contestación á solicitude de uso conveniado do circuíto para os días 9 e 10 de maio para a celebración dunha proba de motociclismo.
É inadmisible que un concello pida datos económicos a unha comunidade de montes, é unha intromisión equivocada. As comunidades de montes deben dar contas aos seus comuneiros, que son os que son soberanos para controlar a súa directiva, xamáis un concello debe ao noso entender entrometerse no funcionamento das comunidades que dinamizan as aldeas, en todo caso as asambleas de esas comunidades son quen debe velar por elo.
Consideramos igualmente equivocado a contratación mediante convenio da xestión do ximnasio. Dende o BNG queremos saber se se ofreceu ao anterior concesionario as mesmas condicións en tempo para evitar o seu peche ou se pola contra, nunha negociación sen publicidade, se melloraron as condicións a un novo empresario.
É unha contratación inxusta, que perxudica á veciñanza e que só favorece a un empresario en detrimento da anterior concesionaria, a cal prestaba un servizo modélico.
Dende o BNG esiximos que se potencien as empresas con sede en Forcarei e que se dea un trato en IGUALDADE nas contratacións públicas.
Preguntámonos por qué esta saída non se ofreceu en decembro ao anterior concesionario mantendo unha maquinaria e instalacións excelentes.
Por último, lamentamos que dende o PSOE se esté a priorizar adxudicar en exclusiva o plan concellos a negociar un orzamento municipal que dea saída e estabilidade a toda a veciñanza.
Adxudicar o plan concellos deixa moi pouco marxe para negociar uns orzamentos, condenando a asociacións, proveedores e veciñanza en xeral a un novo calvario por ausencia de contas actualizadas.
Dende o BNG invitamos tamén ao PSOE a reconsiderar unha actuación que está levando a xestión municipal a disfuncións que en nada benefician á veciñanza, que xestione en tempo as distintas actuacións necesarias e que o faga con transparencia, en igualdade e dando oportunidades ás empresas e autónomos do concello.
Roberto Jorge Correa
Concelleiro do grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego
