O Día das Letras Galegas constituíuse en 1963 pola Real Academia Galega para homenaxear a aquelas persoas que destacasen pola súa creación literaria en idioma galego ou polo súa defensa da lingua e da tradición da nosa cultura. Cada ano dedícase a unha persoa diferente, escollida pola Real Academia Galega. Como requisito para poder ser homenaxeada ou homenaxeado é que teñen que pasar alo menos dez anos desde o falecemento
A data de celebración é o 17 de maio, débese a que en tal día como este, en 1863, publicouse en Vigo o primeiro exemplar da obra “Cantares Gallegos”, de Rosalía de Castro, que marcaría o inicio do “Rexurdimento” ou renacemento cultural de Galicia. Este día é festivo en Galicia e as rúas do país énchense de diferentes celebracións culturais para render homenaxe á persoa elixida.
A Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandereiteiras de Mens (Malpica). É unha representación colectiva, como xa se fixo na elección dos trobadores da ría de Vigo en 1998, cos que se rendeu homenaxe á poesía medieval. Coa elección de 2025 quérese recoñecer a importancia da poesía popular oral, que acompaña a nosa sociedade desde sempre. A música foi da man da poesía nas súas primeiras manifestacións, e aí temos a referencia da nosa lírica medieval, no pergamiño Vindel e Martin Codax e mais coa notación musical en todas as Cantigas de Santa María. Pese á prohibición da lingua galega nos textos escritos a partir do século XVI, a poesía oral mantívose viva ó longo do tempo, canda a lingua, fóra das canles oficiais e case por completo da letra impresa.
E foi fundamental no rexurdimento da literatura galega e no seu desenvolvemento posterior: a obra fundacional da nosa figura máis sobranceira, Rosalía de Castro, os Cantares Gallegos, bebe directamente da poesía popular.
As mulleres foron figuras centrais na creación, preservación e transmisión da cultura: tense dito que as pandeireteiras son símbolo de resistencia, apoderamento e sororidade. Cantadoras, tocadoras e bailadoras fortalecían os vencellos comunitarios no ocio colectivo, inconscientes, probablemente, da súa forza emocional e política, como apunta a musicóloga Beatriz Busto.
Nun momento en que a lingua galega presenta as cifras máis baixas entre a xente máis nova, o interese por estes grupos e polas diversas manifestacións que levan asociadas contribuirá tamén á difusión oral da lingua en que están creadas: asistimos agora a novas foliadas, a cantos de taberna, á irrupción espontánea de xente bailando nos concertos de música tradicional… Cómpre volver ás raíces para seguir botando gromos, e compre ter máis grupos coma As Tanxugueiras ou Fillas de Cassandra, que coa súa versión moderna da música tradicional están facendo que a xente nova teña gañas de volver tocar a pandeireta ou saír a bailar baile galego nas festas populares.
Con entusiasmo reaccionou a sociedade galega a esta a proposta da RAG, como recoñecemento ás nosas devanceiras é o á nosa memoria, á nosa historia como pobo e ao mantemento da nosa lingua, desde a alegría da música e a celebración.
As mulleres elixidas para tal fin, non sen moitas dificultades para acadar información pois o carácter anónimo propio da transmisión popular: as mulleres non eran coñecidas alén dos límites das súas aldeas, agás as Pandeireteiras de Mens e de Eva Castiñeira; os grupos que se constituían nin adoitaban recibir nome nin se axustaban a formatos fixos; non buscaban gabanzas máis alá da súa contorna. Por iso, de novo o labor de recollida e difusión de diversas editoriais foi crucial para coñecer algunhas delas. Enténdase, pois, que non están todas as que son, senón que se buscou unha mostra representativa destas figuras que coidaron, arrequeceron e transmitiron esta tradición centenaria.
Adolfina Casás Rama (1912–2009) e Rosa Casás Rama (1914–2005).

A s dúas naceron na Vila da Igrexa (Cerceda) e morreron en Culleredo e na Coruña, respectivamente. Son tía e sobriña, cantadoras e pandeireteiras, con sona na contorna. Sabemos das súas circunstancias persoais polo labor de Richi Casás, neto de Rosa e sobriño neto de Adolfina, que, como músico, deu a coñecer as súas voces.
Ambas, fillas de solteira, criáronse xuntas e aprenderon a cantar no seo da familia. Viviron en condicións de moita pobreza, pero eran mulleres xenerosas que compartían todo o que tiñan, fortes e creadoras de ledicia, en palabras de Rafael Casás. A súa habilidade para o canto facía que fosen requiridas para cantar nos traballos comunais e nas foliadas, pois eran recoñecidas por estes saberes pola xentes do lugar. A carencia económica non implicaba ausencia de instrumentos: pandeireta se a había, se non, pratos, cuncas ou testos de potas, calquera utensilio servía como elemento de percusión. Cos cambios acaecidos no medio rural, Rosa emigrou a Suíza e a Nottingham, en Inglaterra, na década de 1960. Volvéronse xuntar na década de 1980, onde recuperaron o seu xeito de cantar e tocar, agora nas celebracións familiares. Foi nesa época cando coñeceron a Dorothé Schubarth, que recolleu o seu canto para o Cancioneiro popular galego (1982). A investigadora destacou delas a súa variedade de melodías, a orixinalidade das coplas e a capacidade de improvisación. Máis tarde, a Central Folque editou o libro-cedé Fuliada na Vila en 2020, de Richi Casás.
Eva Castiñeira (1925-2008).

Naceu no lugar de Agranzón, en Muxía. De ben nova, con só oito anos de idade, xa cantaba nos bailes e romarías con outras dúas pandeireteiras veciñas da bisbarra e mais coa súa irmá Engracia. Coma moitas mulleres do seu tempo, emigrou á Coruña para traballar no servizo doméstico e asentouse no barrio de San Pedro de Visma.
A principios de 1980 traballaba na casa de Tino Maceiras, un dos socios da discográfica Ruada, que se decatou do seu talento musical e comentoullo a Rodrigo Romaní, tamén membro de Ruada, fundador e integrante de Milladoiro. En 1981, a voz de Eva Castiñeira quedou rexistrada, canda as interpretacións de Florencio López Fernández, o cego dos Vilares, no álbum Recolleita, un traballo etnográfico coordinado por Pablo Quintana. Ese mesmo ano, Milladoiro convidou a Eva Castiñeira a participar nun concerto celebrado no pavillón de deportes da Coruña. Converteríase deste xeito, canda a súa irmá Engracia, na primeira pandeireteira en subir a un escenario cun grupo folk. Despois virían tres novas tocadoras, Felisa Segade, Cristina García e Pilocha Rivas, no álbum de Milladoiro Galicia no país das maravillas en 1986, gravado no estudio dublinés Windmill Lane.
Comezaba así un novo ronsel que se proxecta ata as Tanxugueiras, pasando por Leilía, grupo que lle dedicou á memoria de Eva Castiñeira o seu disco Consentimento en 2012, dende a consciencia de que, coma tantas mulleres creadoras e artistas, non obtivera en vida o recoñecemento merecido. Unha homenaxe á muller galega, como creadora, conservadora e transmisora da tradición oral galega.
Outras pezas que lle debemos a Eva Castiñeira son o “Valse de Agranzón”, orixinalmente “Valse corrido”; que ten interpretado Xabier Díaz; “Ao pasar pola Coruña”, incluído por Luar na Lubre no disco Mar maior en 2012, e cantado tamén por Pinto de Herbón nos tempos do rock bravú e en concerto con Manu Chao; ou a chamada “Jota de Eva”, que Leilía incluíu, cantada por ela mesma, no devandito disco de homenaxe.
Manuela Lema (1913-1993), Teresa García Prieto (1914-1979 e Prudencia (1905-1993) e Asunción Garrido Ameixenda (1915-2007), Pandeireteiras de Mens.

As Pandeireteiras de Mens, tamén chamadas As Vellas de Mens, foron un grupo de labregas da parroquia malpicá que lles deu o nome: Prudencia Garrido Ameixenda e a súa irmá Asunción, do lugar de Asalo; e Manuela Lema Villar, Adela Rey Torrado (1920-2016) e Teresa Lema Varela (1924-2019), do lugar de Mens. Adela e Teresa finaron hai menos de dez anos, o que impide que poidan ser formalmente mencionadas na candidatura no Día das Letras Galegas 2025. Outros compoñentes foron Teresa García Prieto (1914-1979), Teresa da Cambada, formante do grupo nos seus primeiros tempos, e mais Jesús do Redondo e Alfonso de Beán, bailadores; este último, fillo de Prudencia.
Cando algunha xa superaba os 80 anos, viaxaron por Europa e América coa súa música formando parte, a partir de 1972, da Agrupación Folclórica Aturuxo, tras contactar con elas o seu director artístico, Manuel Cajaraville Pensado. Foron informantes do Cancioneiro popular galego, estudáronse os seus bailes e cantos no libro Debullando folklore de Manuel Cajaraville e puxéronse como exemplo de tocar a pandeireta co puño pechado no libro Os segredos da gaita de Xosé Lois Foxo.
A historia das Velliñas de Mens foi rescatada nunha obra de Beatriz Busto Miramontes, musicóloga e antropóloga social. No seu relato e estudo etnomusicolóxico –titulado Pandereiteiras de Mens de a Central Folque, en 2021– refírese a elas como a cabeza visible e audible do rexurdimento moderno da música bailable de tradición oral en Galicia; e conta como as cinco veciñas de Malpica de Bergantiños aproveitaron as oportunidades que o folclore, que outrora enchía de coplas e baile as rogas, agora lles presentaba para viaxaren e viviren experiencias que se supuñan pouco adecuadas para a súa idade e orixe. Elas, pola súa parte, fixeron patente que, ademais dos gaiteiros, cumpría ter en conta as mulleres e o patrimonio oral que representaban.
Parafraseando a propia Busto, as Pandeireteiras de Mens foron mulleres, labregas, vellas, vestidas de negro, do rural, que accederon a un lugar visible e público, a un escenario, naqueles anos setenta. Situaron na escena o que estaba fóra do canon, por non representaren os modelos urbanos e burgueses, por seren mulleres, por non seren novas. Supón unha reivindicación en clave feminina: con elas comezou o proceso de plena conciencia de mirar para o patrimonio oral feminino e visibilizalo.
Unha gran labor destas mulleres rurais ás que lles temos que agradecer a transmisión da nosa cultural tradicional, sen elas non sería posible. Unha ben merecida homenaxe para todas elas.
Fonte texto e fotos: Real Academia Galega.
