Comité Antifascista da Louriña

Paulo Vila

Juana Capdevielle foi unha brillante intelectual nacida en 1905 e asasinada en 1936. Ela era unha pedagoga de enorme solvencia e desempeñou un papel moi importante na educación pública durante a República. Estaba casada con Francisco Carballo, gobernador civil da Coruña, que foi tamén asasinado poucos días antes ca Juana.

Juana foi asasinada, torturada, e presuntamente violada por un grupo de fascistas que a levaron da casa na que se refuxiaba e a asasinaron salvaxemente nunha cuneta. O asasinato de Juana é un exemplo de como a brutalidade fascista reacciona ante a luz da intelixencia e a liberdade. Pois como Juana, máis de 100.000 casos de asasinatos extraxudiciais ateigan as cunetas, camiños e corredoiras do estado español. Toda esta barbarie foi causada non polo azar nin por xeración espontánea, foi causada polo fascismo. Xa que logo calquera colectivo que leve o epígrafe de “antifascista” vai ter a nosa simpatía e aquí as súas páxinas para expresarse cando considere. Ante o fascismo non se pode ser indiferente, nin mirar a outro lado. Millóns de persoas sufriron e sofren no mundo a barbarie do fascismo, e como di o noso entrevistado de hoxe” “ a única maneira de pasar por esta vida sendo un ser humano decente, é ser antifascista”, palabras que subscribimos e compartimos absolutamente.

Na comarca da Louriña funciona desde hai algúns anos un colectivo denominado “ Comité antifascista”, e nós fomos coñecelos. Falamos con Paulo, un dos membros fundadores .El e un mozo de Tameiga de 33 anos de idade que nos atendeu con moita amabilidade.

Paulo Vila, membro fundador.

A maioría da sociedade aínda non é consciente do perigo que supón o fascismo”

Cando nace o comité e por que motivo?

Nacemos no verán do ano 2020 perante ao auxe do fascismo que nese ano comezouse a experimentar no estado español, en coincidencia coa eclosión da organización VOX.

Nese momento un grupo de persoas decidimos organizarnos para amosar explicitamente a nosa oposición á barbarie que representa o fascismo.

Nacedes dalgunha organización política en concreto?

Non. Somos un colectivo transversal formado por persoas con militancia política e por outras que non a teñen. O que nos une é a nosa radical oposición ao fascismo. Consideramos que perante a eclosión de colectivos e persoas que representan o mesmo espazo político que foi responsable dunha das etapas máis terribles da historia da humanidade, non se pode mirar a outro lado.

Calquera persoa que sinta a necesidade de expresar a súa oposición ao fascismo pode colaborar con vós?

Estariamos encantados de que sexa así.

Que ámbito de actuación abranguedes?

A comarca da Louriña, especialmente Mos e O Porriño.

Cales son as vosas principais liñas de actuación?

O noso campo de actuación fundamental é a rúa. Facemos actividade de denuncia do fascismo e do imperialismo, en todos os contextos que podemos. O noso obxectivo é concienciar a quen non estea concienciado de que ante o fascismo non cabe a equidistancia, pois incluso os equidistantes corren o risco de seren devorados pola besta.

A gravidade do actual xenocidio sionista contra o pobo de Palestina, fai que esteamos especialmente centrados na denuncia de algo tan terrible. De feito facemos unha ou dúas concentracións mensuais para expresar a nosa rotunda condena a agresión sionista e a nosa total solidariedade co pobo palestino.

Onde facedes esas concentracións?

No Porriño, fronte o concello.

Se algún lector ou lectora tivera interese en participar, como tería que facer?

Anunciámolas vía redes sociais. Só estar atento ou atenta ás nosas redes, e cando anunciemos a próxima achegarse e sumarse. As mobilizacións encádranse nas que organiza a coordinadora galega de solidariedade con Palestina.

Local físico tendes?

Non.

Como vos financiades?

Autofinanciámonos. Todo o material de propaganda é artesanal e caseiro.

Xa, pero os carteis e as faixas, por moi caseiras que sexan, hai que pagalas

Si, claro. Cada un de nós achega o que pode. Non estamos nisto nin para facer negocio nin por ningunha outra razón que non sexan os principios.

Que pulsión maioritaria percibes nas rúas da Louriña en relación ao fascismo:Simpatía,antipatía ou indiferenza?

Eu creo que a ampla maioría da sociedade aínda non é consciente do perigo que supón. Cómpre realizar moito traballo político para tratar de mudar aos poucos esa situación.

Non é nada fácil, iso que dis. Chegarlle á conciencia dunha soa persoa é moi complicado, e facelo a un nivel que teña incidencia social é unha tarefa hercúlea

Son consciente abofé. Pero nós somos moi teimudos.

Ti es de Mos, que relación tendes coas tres forzas políticas que teñen representación no concello?

Co BNG temos unha relación cordial, temos diferenzas pero prima a cordialidade. De feito compartimos loitas comúns como a solidariedade con Palestina ou a oposición ao imperialismo. Co PSOE non temos relación algunha. Entendemos que son traidores á clase obreira. Se coincidimos nalgún acto saudámolos de maneira educada, pero non existe ningún tipo de relación política. E co PP simplemente dicir que son os nosos inimigos. E ao inimigo hai que derrotalo. O goberno de Mos e a súa alcaldesa en particular, son para nós a antítese do que pode significar a política decente.

O futuro para o comité, cal é?

A nosa intención é coller a máxima forza posible para podermos concienciar a moita xente da nosa comarca de que ser antifascista é a única maneira de pasar por esta vida sendo un ser humano decente.