O Apagamento

Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

“Nun mundo tan singular, que vivir só é soñar, e a experiencia ensíname que o home que vive, soña o que é, ata despertar.”

Calderón De La Barca.

O pasado luns 28 de abril , no que parecía ser un luminoso día primaveral normal, a península ibérica sufriu un apagamento xeral que a tivo, dependendo das zonas, máis de 12 horas sen subministro eléctrico. O incidente aconteceu ás 12:30, e no que á nosa área de influencia se refire, o sur da provincia de Pontevedra, non foi ata arredor das dúas ou tres da mañá do martes cando se restableceu o subministro. Na miña casa en concreto, na cidade de Vigo, chegou ás 3:15 da mañá. Noutras zonas do estado a luz volveu moito antes. Por exemplo ás 20:30 da tarde escoitaba unha emisora de radio na que informaban de que nese momento acababan de recuperar o subministro da luz nos seus estudios, en pleno centro de Madrid. Galicia foi das últimas zonas do estado en recobrar a normalidade, o que resulta moi curioso e é , ou polo menos parece ser, un indicio da nosa condición de país colonizado. Como é posible que Madrid, que non produce electricidade, recupere o subministro eléctrico sete horas antes que o noso país, que si a produce e fornece de electricidade a outras comunidades do estado?

O episodio inédito dun apagamento xeral en toda a península fíxonos tomar conciencia unha vez máis, e xa van varias nestes últimos anos, da nosa extrema fraxilidade, e de que, como describía o grande autor Barroco que abre este artigo en “ La vida es sueño”, a vida é un breve suspiro,unha pinga de auga no medio da inmensidade do océano, un soño ínfimo no tempo infinito do que podemos despertar en calquera momento.

Nos momentos nos que non nos é posible vivir o día a día cotiá, dámonos de conta do tesouro que supón a normalidade:poder ver a luz, poder comer todos os días, poder ler, poder camiñar, interactuar con outras persoas… en definitiva, vivir com normalidade, sempre que sexa nunhas condicións de mínima dignidade, é o auténtico agasallo con que a ese prodixio da casualidade, que somos cada ser humano, nos premia o soño da vida, ata que chegue o inevitable despertar e todo se acabe.

Non teño nin idea do motivo polo que se produciu o apagamento. Pero sospeito que se unha semana despois, que é cando escribo este artigo, non se deron aínda as explicacións necesarias e suficientes é porque o incidente debeu de ser de extrema gravidade. Así mesmo sospeito tamén, que o apagamento non foi máis ca unha consecuencia a maiores do problema real ;que é o que orixina as guerras, a pobreza e os diversos conflitos que fan que noutros lugares do mundo a normalidade sexa unha permanente tortura. Ese problema, esa peste que azouta á humanidade non é outra que o capitalismo.

O capitalismo é un sistema de organización social que precisa o crecemento económico perpetuo para poder funcionar. Se hai crecemento económico as empresas teñen beneficios, necesitan producir máis e xa que logo teñen que contratar a máis persoal. En consecuencia as taxas de desemprego diminúen, e semella que todo funciona máis ou menos ben.

Pero o capitalismo non é viable no tempo, porque o crecemento perpetuo é total e absolutamente imposible. A actividade económica consiste na fabricacións de bens e na produción de servizos que se venden para obter beneficios. Para poder fabricar calquera cousa son necesarias materias primas e fontes de enerxía, que non son infinitas. Ambas teñen un límite físico claro e definido, o planeta terra.

Que pasará cando se comecen a esgotar?: pois que entraremos nunha espiral de guerras e conflitos diversos para controlar o que quede, que se agocharán co verniz da democracia ou da liberdade. Estamos xa nesa fase da historia?.Non o sei, pero non o desboto.

En calquera caso se non é agora será con seguridade no futuro, pero o capitalismo vai levar inexorablemente á extinción da especie humana e probablemente á morte do planeta terra. Agardo que a humanidade sexa capaz de decatarse antes e de construír algo parecido ao socialismo. No caso contrario nun futuro non moi lonxano nin haberá humanidade, nin haberá planeta.