Análise da liga de fútbol de primeira división: O valor do propio

Édgar Martínez Philippon director das Escolas Deportivas de Salvaterra

Édgar Martínez Philippon. Director deportivo e adestrador das ED Salvaterra

A falta de tres xornadas para o remate da 1ª División, coa resaca do “clásico” e cun Celta rumbo firme cara Europa, se poden sacar varias conclusións sobre a influencia da canteira e a impotencia, as veces, da carteira.

Alá polo mes de agosto cando arrancaba a tempada, o Real Madrid aterraba os seus detractores, cun conxunto tan envexable como inalcanzable para o resto de equipos da máxima categoría nacional, e tamén en Europa.

O recente Campión de liga e Champions comezaba unha nova era galáctica coa chegada de Kylian Mbappé, que facía máis forte se cabe ao conxunto da capital, mentres o seu máximo rival viña dunha desfeita deportiva, económica e estrutural.

Pois ben, logo de oito meses de competición as cousas son ben distintas e non queda outra que recoñecer que os cartos non sempre son sinónimo de éxito; por unha banda temos a un Barça a piques da bancarrota que ten o doblete na man, a un Madrid en ruína deportiva coas arcas cheas, e a un Celta emerxente co xusto pero con moitísimo valor humano e facendo enorme o significado de EQUIPO.

Nunha era dominada polo mediático, polo todo ou nada, por pelexar polas mellores fichaxes(case sempre de fóra)… en resumo, nunha era onde o menos importante semella ser o propio xogo, teñen que vir os da casa a resolver a papeleta en tempos de austeridade e dificultade á hora de facerse con servizo de xogadores de renome.

No caso do Barça, unha canteira que suma, suma moito, xogadores que noutra situación estarían aínda no Barça “B” ou no equipo xuvenil, hoxe son Campións de Liga, de Copa, e recentemente eliminados en semifinais de Champions.

Pero se existe un equipo que bateu forte na liga, un equipo revelación que ten a súa afección namorada, ese é o Real Club Celta.

Sería de necios non recoñecer o que supón, o que significa para os seus seguidores que un equipo tan “autóctono” estea moi preto de clasificarse para Europa. A día de hoxe se atopan no 7º posto con 49 puntos, xogando con rapaces, cos da casa, dirixidos magnificamente por Claudio Giráldez.

Podemos entender esta clasificación como un dato, ou podemos darlle a magnitude que leva implícita tendo en conta o adestrador que o precedía, os cartos que supuxo e a presa que tiña o equipo por rematar sufrindo a tempada 23/24.

Era momento de tomar decisións e o Celta apostou por Claudio, e Claudio apostou por rapaces da canteira, por un estilo propio e unha valentía competitiva que logo de 35 xornadas xa é unha realidade.

Equipos como o Sevilla, histórico e acostumado a Europa, atópase na loita polo descenso, mentres que o Valencia parece que se resiste a quedar fora da competición Europea, aínda que non o ten nada doado.

Mentres tanto, o Atlhetic Club de Bilbao, marca o liderado dos “mortais”, sempre fiel ós seus valores, cunha idiosincrasia que os fai únicos.

O final de tempada deixa cabida a unha reflexión, e é que nun tempo onde o táctico está tan igualado e o físico resulta tan importante, o aspecto técnico ten que adaptarse as dúas primeiras aniquilando calquera indicio de creatividade… ten que ser o talento da canteira semella ser a solución obrigada para moitos, e ás veces, é a mellor solución.