Unhas instalacións dignas para o GES

Xavier Rodríguez Nigrán BNG
Xavier Rodríguez BNG de Nigrán

O Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) é un servizo mancomunado decisivo para a seguridade de todos os miñoranos. Están cando aparece un lume, cando ocorre un accidente de tráfico ou en calquera sinistro que supoña un risco. E este grupo tan decisivo para as nosas vidas, ten que soportar unhas instalacións que non só son indignas dun servizo de emerxencias, senón que non deberían acoller ningunha actividade laboral polo perigo para a integridade física dos seus traballadores.

Ademais diso, o GES do Val Miñor é un servizo con só 12 traballadores cos que se fan quendas de 2 efectivos cando, como mínimo e por seguridade, deberían ser de 3. Un número escaso mesmo para mobilizar o número de vehículos dos que dispoñen, pero sobre todo claramente insuficiente para facer fronte ás posíbeis emerxencias da poboación habitual do Val Miñor, 45.000 habitantes que se ven triplicados en época estival.

Para poder cubrir as quendas con máis efectivos estase a recorrer ás horas extras voluntarias, no canto de reforzar o servizo con novas contratacións, tal como está establecido xa no convenio asinado en 2018 que contemplaba que en 2021 deberían incrementar seis efectivos até acadar 18 traballadores/as. Se a esta situación se lle suman baixas, permisos ou vacacións, as quendas chegan a ser dunha soa persoa ou, no peor dos casos, o servizo pecha por falta de persoal, como xa ten pasado moitas veces.

A esta situación hai que lle engadir as derivadas da non solución do caso de acoso sufrido no seo do GES agora xudicializado, sumado á paralización do proceso de estabilización dos postos de traballo, ambos os dous asuntos dilatados varios anos no tempo pola inacción reiterada da Xunta de Goberno da Mancomunidade formada polos alcaldes dos tres concellos do Val.

Por outra banda, a propia localización da sede, a carón dun instituto onde en determinados momentos se concentra gran cantidade de vehículos, cun acceso estreito, supón un atranco engadido para toda a veciñanza do Val Miñor, ao incrementar potencialmente os tempos de resposta ante unha emerxencia. Por esta razón o BNG leva demandando dende fai varios mandatos que a Mancomunidade do Val Miñor aborde, co necesario concurso das outras administracións, a construción dunhas instalacións axeitadas para o GES pero, a pesar de aprobar as mocións que neste sentido se ten presentado, ningunha acción seria se realizou para materializala.

O feito de ser un servizo mancomunado pero que ocupa parte dunha edificación do Concello de Nigrán está provocando que ninguén se faga cargo do seu mantemento, co deterioro acelerado das dependencias.

O goberno municipal de Nigrán non debera eludir a responsabilidade que ten. Ante a falla de unhas instalacións propias, o GES ocupa un inmoble do concello compartido con outros servizos municipais, e como titular do edificio é tamén responsábel das actividades que se desenvolven nel. O persoal de emerxencias traballa entre paredes descunchadas, goteiras, elevada humidade e fungos. O falso teito veuse abaixo recentemente por segunda vez podendo ter causado un accidente grave. A instalación eléctrica está deteriorada e transitan por escaleiras sen pasamáns.

Non se trata de mirar para outro lado, trátase de que se por desgracia ocorre un accidente, o Concello de Nigrán, como propietario das instalacións, será tamén responsábel del.

Recentemente foron aprobados os orzamentos municipais e, ante a escasa cantidade consignada para inversións reais, o goberno de Nigrán gabábase do amplo remanente de tesouraría que permitiría acometelas. Pois ben, aí ten un destino para parte dese remanente. Acondicionar un inmoble da súa titularidade onde é un perigo que se estea exercendo calquera actividade humana.