Entrevista á propietaria de Pipa & Pope, Marín
En Marín atopamos Pipa & Pope, un espazo de coidado animal que vai moito máis alá da estética. A súa propietaria converteu este establecemento nun lugar de respecto, empatía e benestar para os nosos compañeiros de catro patas. Con doce anos vencellada a este proxecto —sete deles como dona—, foi quen de reinventar un negocio co seu propio xeito de entender a profesión: sensibilidade, formación continua e un compromiso honesto cos animais e as súas familias humanas. Nesta entrevista cóntanos como naceu Pipa & Pope, os valores que defende e a paixón que move cada corte, cada baño, cada mirada compartida cun peludo que entra pola porta.
De onde xorde a idea de Pipa & Pope?
Pipa & Pope xorde dunha idea que xa estaba en marcha, pero que co tempo fun facendo miña. Levei anos traballando neste proxecto, primeiro como perruqueira na sombra e despois como voz organizadora. Ata que un día me propuxeron facelo meu, asumindo a dedicación e o esforzo que isto implica.
Que tipo de servizos lle ofrecedes ao cliente?
Os servizos van desde un sinxelo corte de uñas ata tratamentos de recuperación dérmica. Ofrezo o que o cliente precisa, falándoo sempre co dono para detectar as necesidades e propoñer as mellores opcións. Nos baños temos desparasitación, hidratación, tratamento con ozono… No corte, traballamos con máquina, tesoira ou stripping. Facemos deslanados, arranxos estéticos e funcionais… todo orientado ao benestar do peludo.
Cal foi o maior reto á hora de comezar?
O máis difícil foi cambiar a imaxe que a xente tiña de Pipa & Pope. Había un concepto de perruquería que non coincidía coa miña filosofía, que para min pon por diante o benestar do animal. Cando collín as rendas, o meu primeiro obxectivo foi ese: o peludo é o cliente principal, é o que realmente importa.
Ten algún significado especial o nome do negocio?
O nome xa existía e decidín non cambialo. Coñecín a eses dous peludos mentres traballaba alí, antes mesmo de imaxinar que acabaría sendo a responsable do negocio. Pipa era unha bulldog francés preciosa e cariñosa, e Pope un schnauzer miniatura espectacular a quen lle fixen moitos cortes. Mantiven o nome por eles, pola súa memoria, porque simplemente eran únicos.
Que tipo de produtos utilizades?
Utilizamos produtos que van desde champús suaves, como os de bambú con aloe, ata bases con clorhexidina. É dicir, segundo o estado do peludo e o resultado que queremos acadar, adaptamos os produtos, pero sempre buscamos os mellores que temos ao noso alcance.
En que che cambiou a vida abrir este establecemento?
Este proxecto cambioume a vida porque descubrín que estou completamente enganchada a este traballo. Aínda que estea cansa, cando vexo un can pola rúa penso no que lle faría falta. Tamén me fixo ver o descoñecemento que existe sobre o que realmente facemos os perruqueiros: non só cortamos o pelo, senón que realizamos unha inspección integral do benestar do animal. Observamos se ten feridas, alerxias, as uñas, os dentes, as orellas, os ollos, os pés… todo. Levo vinte anos na profesión, trece en Pipa & Pope, sete como propietaria. En todos estes anos detectei lesións das que os donos non eran conscientes, fixen advertencias por intuición baseadas en pequenos detalles: cegueiras, xordeiras, ganglios inflamados, tumores… Non me considero a mellor a nivel técnico, pero estou orgullosa de seguir formándome e de dar o mellor de min en cada servizo, sempre que mo permitan. Iso si: nunca realizo un servizo que poida prexudicar ao peludo, nin a curto nin a longo prazo. Non raparei nunca un pomeranian nin bañarei un can en plena muda. Este negocio ensinoume que o que me importa non é o diñeiro, senón o vínculo. Encántame recoñecer os peludos pola rúa, chamalos polo nome, que me movan a cola cando se despiden, ou chamar aos donos días despois para saber se están ben. Encántame ver como cambian os costumes: hai quen entra só pola porta, quen sobe só á mesa, quen che ofrece as patas para secalas… Non podería facer outra cousa. Sabería, pero non quero.
Adoro ser perruqueira canina.
