Pontón reivindica os gobernos honrados do BNG nos concellos fronte ao descrédito do bipartidismo pola corrupción

Encontro nacional de municipal do BNG

Máis de 40 anos xestionando institucións públicas e nin unha soa persoa condenada por corrupción; somos diferentes e a moita honra”, recalca

Aposta por redobrar esforzos a nivel local para avanzar no proxecto municipal do Bloque co horizonte posto nas eleccións de 2027

Unha gran parte da sociedade galega está mirando cara ao BNG con esperanza”, alega no encontro nacional municipal celebrado en Santiago

Santiago de Compostela, 21 xuño 2025.

A portavoz nacional, Ana Pontón, reivindicou os gobernos honrados do BNG nos concellos fronte ao descrédito dun bipartidismo no que aflora a corrupción e apostou por redobrar esforzos a nivel local para avanzar no proxecto municipal do Bloque co horizonte posto nas eleccións de 2027.

No encontro nacional municipal que reuniu en Santiago a alcaldes e alcaldesas, concelleiras e concelleiros, e responsables políticos dos concellos de todo o País, Pontón remarcou a clara diferenza do BNG en relación a outras formacións políticas.

“Nós non somos como as demais forzas, non somos como ese bipartidismo español que se di estrutural e baluartes do sistema; nin somos, nin queremos ser como eles”, subliñou, para recordar a continuación que nos seus máis de 40 anos de historia o Bloque non tivo ningún caso de corrupción.

“Somos diferentes, si, e ademais de moitos outros feitos diferenciais, o BNG non participou nunca nin participa agora das prácticas golfas e corruptas tan características do PP, do PSOE e da monarquía”, alegou para incidir en que así o demostran os feitos. “Mías de 40 anos xestionando institucións pública deste País e non hai nin unha soa persoa do BNG condenada por corrupción; somos diferentes e a moita honra”, sintetizou.

A líder nacionalista referiuse aos “lamentables episodios” que se están a vivir na política estatal e nos que aflora a “indecente corrupción” que, neste caso, perpetran supostamente cargos públicos do PSOE, pero que antes xa protagonizaron tamén “o Partido Popular ou a monarquía”.

Prácticas intolerables que dan pé a un descrédito xeneralizado da representación pública, colaborando a estender “a perigosa idea de que á política e aos cargos públicos vaise por intereses escuros e perversos” e poñendo “na sospeita continua a quen, coa mellor intención, trata de contribuír desinteresadamente a que os seus veciños e veciñas teñan máis oportunidades de futuro”, advertiu.

Unha idea que, subliñou, só serve para que “nada cambie, para que a cidadanía baixe os brazos e que busca que os de sempre sigan facendo o de sempre” e fronte á que situou a alternativa “clara e diferente” do Bloque.

Neste contexto, puxo en valor “o traballo honrado e desinteresado” das e dos alcaldes e alcaldesas e concelleiras e concelleiros da formación nacionalista, aos que agradeceu o seu compromiso e entrega á hora de mellorar a vida das súas conveciñas e conveciños, pese ás dificultades que, ás veces, isto implica tanto no goberno como na oposición.

Un labor que desenvolven dende o amor por Galiza e sen renderse ante muros que parecen imposibles de derrubar xa que “renderse non forma parte do ADN do BNG”, tal e como exemplificou na defensa, tamén dende o local, da lingua ou da protección do territorio e do medio ambiente pelexando contra a instalación da macrocelulosa de Altri, unha batalla que dixo se vai gañar “polo ben e polo futuro do País”.

“Temos unha base sólida para poder construír o futuro, unha base que nos fai ser optimistas sobre as nosas posibilidades de avanzar nos concellos, de dentro de dous anos, ter máis concelleiros e concelleiras, ter máis gobernos municipais e ter máis alcaldes e alcadesas”, apuntou ante o reto de “dar un gran salto adiante” nas próximas eleccións locais de 2027.

Reto que emprazou a afrontar dende a obriga de darlle unha resposta acaída, de ofrecer a oportunidade a toda a sociedade galega para cambiar a política municipal alí onde o Bloque aínda non o fixo, de darlle opcións para que poida optar polas mellores listas do BNG co obxectivo de transformar en positivo os concellos.

“Temos dous anos de traballo por diante para, aplicando as medidas necesarias en cada caso, que permitan aos nosos veciños e veciñas ter a opción real de contar con gobernos BNG, que é o mesmo que ter gobernos honrados, eficaces, avanzados e a medida das necesidades dos nosos concellos e da nosa nación”, afondou. “Hoxe, unha gran parte da sociedade galega está mirando para o BNG con esperanza e con altas expectativas, non a podemos defraudar”, resumiu.

Por iso, animou a traballar dende o local para incorporar “coa man tendida” a esa parte máis dinámica da sociedade galega que está comprometida co País no “proxecto común” que representa o Bloque para todos e todas as persoas que levan a Galiza “na cabeza e no corazón”.

“O BNG é a alternativa real fronte ao PP e somos a gran esperanza desa maioría que soña con outra Galiza posible e esa Galiza tamén se constrúe desde os concellos; non nos poñamos límites e Galiza nunca terá límites”, apuntou.

Discriminación histórica no financiamento dos concellos

Pontón tamén avanzou que o Bloque seguirá a denunciar a “discriminación histórica” que sofren os municipios galegos e que exemplificou no feito de que, mentres que ao concello de Madrid, o Estado lle transfire máis de 700 euros, a media dos concellos galegos limítase a 200 euros.

“Esta debe ser a famosa solidariedade madrileña da que tanto nos falan e por iso se poñen tan nerviosos cando demandamos ter a chave dos nosos cartos e poñer fin a un centralismo que é letal para Galiza e para os nosos concellos”, denunciou.

Unha crítica que estendeu á Xunta, cun goberno do PP que “leva 16 anos encasquetándolle aos concellos competencias” que lle son propias e que están asfixiando aos entes locais, o que exemplificou no mantemento dos colexios, nos servizos sociais especializados ou no Servizo de Atención no Fogar, ámbito este último onde a situación é tan grave que, advertiu, “ na maioría dos concellos, unha persoa maior ten que esperar a que outra faleza”.

Nesta liña, reprochou ao titular da Xunta, Alfonso Rueda, que só financie o SAF con 12 euros a hora cando custa 25 euros e non fixera aínda nada para incrementar o financiamento do servizo como anunciara hai un ano.

“Non ten cartos para mellorar o SAF, pero gasta 6.000 euros diarios en publicidade, esas son as prioridades do Partido Popular”, recriminou, para denunciar a continuación que, ademais, aplica un “caciquismo 2.0” no reparto dos recursos destinados aos concellos, dado que o 75% destes fondos os distribúe “de maneira arbitraria e partidista”.

Un “modelo antidemocrático” que urxiu a cambiar por un novo no que os municipios teñan os recursos que necesitan e estes sexan distribuídos de maneira igualitaria, transparente e obxectiva, “goberne quen goberne”, porque “iso é democracia”.

A portavoz nacional rematou a súa intervención facendo un recoñecemento expreso a todos os cargos municipais do BNG e, singularmente, ás mulleres que deron un paso adiante para integrarse en listas electorais, ser concelleiras ou cabezas de lista e, neste sentido, apostou por incorporar máis mulleres nas listas, con máis candidaturas encabezadas por mulleres, e dar máis forza se cabe ás políticas de igualdade nos concellos. “Porque o futuro escribirase coa M de muller e coa I de Igualdade, porque o futuro será feminista ou non será”, concluíu.