O dramaturgo David Gun gaña o IX Torneo de Dramaturxia de Galicia

Cangas, 26 de xuño de 2025

Xa se coñece o nome da persoa gañadora da novena edición do Torneo de Dramaturxia de Galicia, que se celebrou na noite do martes 24 de xuño no Auditorio Municipal de Cangas. O texto premiado é “Superego te absolvo”, do dramaturgo David Gus, e foi interpretado sobre o escenario polos actores Sergio Macías e Sergio Alfonso.

Neste IX Torneo competían tamén os textos “As Carolinas”, de Iván Caloto e interpretado por Mundo Villalustre e Roberto Leal; “Comendo terra”, da dramaturga Marta Lado e coas actrices Casilda Alfaro e Sonia Rúa na interpretación; e “Divina-mente”, da autora Amantia Coello e interpretado por Iria Piñeiro e Graciela Carlos. Un ano máis, Esther Carrodeguas fixo de mestra de cerimonias deste combate entre dramaturgos e dramaturgas baténdose na procura do voto do público.

David Gus, nacido en 1980 en Vigo, é titulado en Arte Dramática nas ramas de dirección e de dramaturxia. Actor, monologuista, director, dramaturgo e profesor de teatro, Gus é cofundador de compañía Teatro Lope de Vigo xunto con Julián Rodríguez e Marta Lado. Ten no seu haber numerosas obras como actor ou autor como ‘A Illa de Rubik’, ‘Vaya par de dos’ e ‘Vaya par de tres’, ‘A-Lia-2’ (Coautoría con Eva Abal) e ‘A-Lia-2 2.0’ (Coautoría con Déborah Vukusic), ‘Madame Julie’, ‘Paradoxo’, ‘Homelet’ ou ‘Unha nova odisea’, entre moitas outras.

O Torneo de Dramaturxia de Galicia é unha aposta firme da MITCFC para dar a coñecer a nosa dramaturxia, creando un nexo directo entre autoras/es e público. Este proxecto, pioneiro en Galicia, conta coa imprescindible colaboración de DramaturGA, a primeira asociación profesional da dramaturxia galega. Os torneos de dramaturxia son unha idea orixinal de Jordi Casanovas desenvolvida conxuntamente co Festival Internacional Temporada Alta de Girona.