Pronto van a facer dous anos dende que se iniciou a operación de exterminio de Israel en Gaza sen que ningún país da chamada comunidade internacional, agás Iemen, faga nada ao respecto. O Goberno de España recoñeceu o Estado Palestino, pero iso non deixa de ser máis que un xesto simbólico, xa que a pesares diso as relacións co estado de Israel continúan con total normalidade. O feito de que un contrato de compra de armas a ese estado fora anulado non é practicamente relevante cando se manteñen polo menos outros corenta ademais de todo tipo de relacións comerciais e diplomáticas con ese estado criminal.
Co xenocidio do Pobo Palestino aínda en marcha, Israel intensificou o seu expansionismo ocupando territorio de Siria despois de promover xunto cos Estados Unidos e a UE, de xeito máis ou menos directo, a caída do goberno de Al Assad para poñer no seu lugar aos antigos terroristas do ISIS, agora reconvertidos en “dignos mandatarios”. E por se fora pouco, levou adiante unha nova agresión a Irán co bombardeo dese país nun suposto “ataque preventivo”. Logo da resposta firme por parte de Irán, Estados Unidos bombardeou dúas centrais nucleares Iraníes, agravando aínda máis a situación en Oriente Medio e demostrando que os gobernos de Estados Unidos e Israel son un perigo para a seguridade dos pobos. E todo isto co seguidismo dunha UE incapaz de marcar unha política internacional propia.
O goberno dos Estados Unidos, exercendo de facto coma mando en xefe de todos os estados integrados na OTAN esixe aos países membros o aumento do gasto militar para contribuír a esa organización, algo que é aceptado sen máis polos membros da UE a pesares da evidencia dos pésimos resultados de seguir a política marcada polos Estados Unidos: a UE, xunto con Ucraína e Rusia, é unha das principais afectadas pola guerra entre estes dous últimos estados. Unha guerra promovida e alimentada por Estados Unidos coa colaboración dunha Unión Europea que fai coma que ignora quen estoupou realmente o Nord Sream II.
Ante estas esixencias de aumento do gasto militar, a UE non ten problema mesmo en modificar as regras fiscais para que o gasto militar non compute con respecto aos límites de débeda e déficit. Un déficit que si computaría se fora adicado a gasto social, demostrándose unha vez máis que a finalidade da UE non é o beneficio dos pobos que a integran se non o enriquecemento duns poucos.
A este respecto a UE aprobou o plan “Rearmar Europa”, no que se contempla o aumento do gasto militar en 800.000.000.000€. Este rearme de Europa, ademais de pretender dar resposta ao espantallo da ameaza de Rusia e continuar coa destrución da Ucraína, xustificábase paradoxicamente nunha suposta independencia militar da UE ao mesmo tempo que se permanece nun organismo liderado polos Estados Unidos coma é a OTAN.
No que respecta ao aumento do gasto militar en España, o Goberno vendeu coma unha vitoria o feito de convencer a Mark Rutte para que España non teña que chegar ao 5% do PIB no 2035 en gasto militar, pero o certo é que no Cúmio da OTAN celebrado o pasado mes de xuño, o que manifestou Pedro Sánchez foi que “non creía necesario ir máis alá do 2%” para cumprir coas obrigas coa OTAN ante uns membros escépticos. Isto quere dicir dúas cousas: unha, que o compromiso de España coas esixencias da OTAN é indiscutible e outra, que no caso de verse forzado, o Goberno de España subirá o gasto en defensa o que se lle esixa. E de feito Mark Rutte xa está a falar do 3,5%. Non esquezamos que neste mesmo ano o Goberno de España aprobou un gasto adicional a sumar ao orzamento do 2025 de 10.471.000.000€ para chegar ao 2% do gasto en defensa.
Neste contexto de fortalecemento do imperialismo dos Estados Unidos e a OTAN e do belicismo da UE faise imprescindible, baixo pena de vernos arrastradas a unha espiral de aumento da violencia e recorte de dereitos sociais, o rexurdimento do movemento pola paz.
