Nas eleccións municipais do 2023 o PP co candidato Roberto Carrero á cabeza recuperaba a alcaldía de A Guarda. O inmenso desgaste do goberno socialista beneficiou exclusivamente aos populares, mentres que o BNG non puido acadar un concelleiro máis, só un concelleiro máis, que lle tería dado a alcaldía. O PP practicou cando gobernaba o PSOE practicou unha oposición moi dura, de desgaste continuo, prometendo solucións aos problemas estruturais que padece A Guarda. Pero a realidade é que, máis de dous anos despois de ter acadado a alcaldía, o resultado do goberno popular pódese resumir nunha soa palabra: Nada.
-Nada no que atinxe á limpeza da Guarda.
-Nada no que se refire ao transbordador con Caminha.
-Nada no que respecta á saída sur ao Porto
-Nada na finca de Finola.
-Nada novo na xestión económica.
-Peor que nada na xestión cultural.
-Peor que nada no trato equitativo ás persoas e colectivos que non identifiquen como amigos seus.
Nós conversamos con Anxo Baz, voceiro do BNG para coñecer como valoran os nacionalistas guardeses a situación política da súa localidade.
“Todas as promesas de campaña de Roberto Carrero quedaron en nada”
Como valoras a xestión do goberno de A Guarda no actual mandato?
A xestión non existe. O único que fai o señor Carrero é utilizar as redes sociais e a prensa “ amiga “, para tapar as súas múltiples eivas e innumerables carencias.
A Guarda está en estado de parálise?
Non. A Guarda está en franca regresión, o que é manifestamente peor.
Vós mantiñades serias diferenzas co goberno de Antonio Lomba. O actual alcalde faino, ao teu xuízo, peor que o anterior?
Son dificilmente comparables. O que si chama a atención é que o alcalde Carrero fai agora as actuacións que antes tanto lle criticaba a Antonio Lomba.
Por exemplo?
A reforma estética da Praza de Abastos.
Cando Roberto Carrero estaba na oposición utilizou de maneira recorrente vídeos nos que denunciaba a suposta falta de limpeza do Concello de A Guarda. Agora, máis de dous anos despois de que Carrero acadase a alcaldía, imaxino que a A Guarda estará como unha patena?
Todos os guardeses temos na memoria aqueles vídeos. E teño que dicir que a situación hoxe é bastante peor do que era naquel momento. Este asunto polo que me preguntas é un exemplo claro da regresión que padece o noso Concello, á que me referín nunha resposta anterior. Nese sentido paréceme oportuno engadir que na Guarda, a diferenza doutros concellos, non hai contedores de residuos orgánicos.
Cando o actual equipo de goberno tomou posesión, acusou ao anterior de deixar as finanzas do Concello pouco menos que en situación ruinosa. Esa acusación respondía á realidade?. E como valoras a xestión económica de Carrero e o seu equipo?
A valoración que fixo o PP do estado das finanzas do Concello cando chegaron ao goberno foi unha flagrante mentira, que tiña o obxectivo intencionado de confundir á opinión pública do noso pobo.
Sobre a xestión económica dicir que a falta de menos de catro meses para rematar o ano aínda non temos orzamento para o presente exercicio. O alcalde dixo que pretendía quitalos adíante. Non sei que sentido ten facelo cando queda tan pouco para que remate o ano. O desleixo e a propaganda son os termos que mellor definen toda a xestión do actual goberno, non só a económica senón tamén a de todas as demais áreas.
En relación ao transbordador para conectar A Guarda con Caminha avanzamos algo?
Neste asunto a política municipal foi botarlle as culpas a todos sen facer el absolutamente nada para tratar de arranxalo. Cando o lóxico sería que fose o propio alcalde o que tomase algún tipo de iniciativa para amañar o problema. Por outra parte o señor Carrero dinamitou todas as pontes institucionais que había co goberno de Caminha. O señor Carrero de maneira incompresible e irresponsable rompeu co Concello de Caminha.
No que respecta á saída sur ao Porto que fixo o goberno actual?
Nada,absolutamente nada. Agardo que no despacho da Xunta no que estea agochado o proxecto non haxa carunchos pois, se os hai, ese proxecto tan necesario para o noso pobo vaise perder para sempre xamais.
Cando vou a A Guarda aparco o coche onde podo. Ás veces non me queda outra que facelo en zona azul. E a verdade non resulta fácil saber como funciona .Está adecuadamente regulada a zona azul no voso pobo?
Esta pregunta fíxoa a nosa compañeira Bea Lomba no último pleno ordinario. Sorprendentemente o alcalde, que é o responsable de tráfico, non tivo a ben contestala Non sei se non quixo facelo, ou se, como me temo, non sabía respondela. Quedou en contestarnos por escrito.
E que vos dixo no seu escrito?
Nada. Aínda estamos agardando a resposta. As únicas contestacións por escrito son algunhas multas que lle están a chegar a distintos veciños que non saben o tempo real do que dispoñen para estacionar en zona azul.
Entón hai veciños que están sendo sancionados polo uso da zona azul?
Si, si que hai xente que ten recibido multas ao respecto diso. É que hai carteis que poñen unha cousa, hainos que poñen unha información diferente e tamén hai algúns que non poñen nada. Entón, que facer?.É imposible sabelo.
En relación ao asunto da apertura da rúa Baixo Muro, que ten que dicir o BNG?
Ben, esta é unha rúa do casco antigo que carece dunha accesibilidade adecuada. Para darlle solución ao que podería ser un grave problema para as persoas que alí residen é necesario mercar unha propiedade, que hai moito tempo está deshabitada, e suprimir unha parte do seu patio. Xa foi no ano 2012 cando o BNG tomou a iniciativa na corporación para amañar este problema. Semella, insisto semella, que o PP por fin vai facer caso ao que a nosa organización política leva tanto tempo demandando. Estaremos atentos para que en verdade sexa así.
Ti dirías que foi a acción política do BNG a que posibilitou que, presuntamente, o Concello vaia actuar nesa rúa?
A acción política do BNG e a presión veciñal.
Como esta a situación sanitaria na Guarda?
Esta mellor, pero estao grazas á presión veciñal. A Plataforma da Sanidade Pública tivo un papel esencial en que estea así. Somos conscientes tamén de que a propia situación aritmética do goberno da Guarda, ao PP fáltalle un para a maioría e ten que recorrer a Fariñas, fixo reaccionar á Xunta. Hai outras vilas con moi graves problemas nos seus centros de saúde, coa mesma presión social, ás que a Xunta ignora totalmente.
No espazo da finca de Finola este goberno vai facer algo?
Este goberno ten todo por facer. As súas promesas de campaña quedaron en nada. No espazo polo que me preguntas nin se fixo nada, nin nos consta que haxa intención de facer nada.
Como valoras a xestión das concellerías comunistas?
Imaxino que te refires a Fariñas. Ben, eu non creo que ese señor sexa comunista, pero vou responder dicindo que a xestión non existe. Limítase a levar o día a día como pode. Son concellerías dunha dimensión importante e o único que se fai é cubrir o expediente.
Que tal está a saúde interna do BNG da Guarda?
Estamos no mellor momento da nosa historia recente. O apoio social que percibimos nas rúas non para de medrar. Creo que o alcalde non é alleo a esta percepción. Notámolo no nerviosismo que desprende cada vez que fala con nós ou de nós.
Xa non queda moito para o vindeiro proceso electoral. Tes idea de repetir como candidato do BNG á alcaldía de A Guarda?
Eu son un militante disciplinado e asumirei o que decida, cando toque decidir, o conxunto da militancia do Bloque de A Guarda. Estou moi ben de ánimos, con moitos folgos e sexa no sitio que sexa seguirei colaborando co BNG porque teño a convicción de que o proxecto político do Bloque é o mellor para o noso pobo.
