A Comunidade de Montes de Salcidos celebra a vida

A primeira fin de semana de Outubro, o sábado 4 e domingo 5, a Comunidade de Montes de Salcidos celebrou a súa festa cultural e gastronómica, dando continuidade a unha iniciativa xurdida o ano pasado cando se inaugurou o parque do monte Torroso.

O indiscutible éxito da celebración do ano 2024, levou a que a xunta directiva da Comunidade de Montes apostase por darlle unha dimensión máis grande á festa deste ano. Tanto é así que foron dous días,o ano anterior foi un só día de festa, ateigados de todo tipo de actividades, música,poesía, xogos… Neste sentido quixera salientar o concurso de escultura en Pedra no que participaron algúns dos máis importantes canteiros do país. Todos os participantes desenvolveron obras de enorme calidade, e estou seguro de que o xurado non o tivo nada doado para escoller ás tres esculturas premiadas, que poden ver na imaxe que figura na parte inferior desta reportaxe. Dámoslle os merecidos parabéns a todos os artistas que nos deleitaron co seu talento, e dámosllos un pouquiño máis especiais ao noso colaborador, Marcos Escudero, gañador do segundo premio coa escultura que aparece na parte superior dereita da imaxe.

É obrigado igualmente destacar o inmenso talento das dúas persoas que participaron na exhibición de talla con motoserra .Foi realmente abraiante como dun tronco dun piñeiro pode xurdir unha peza tan fermosa en poucas horas de traballo. A música e a poesía non podía faltar, así pois os dous días de festa foron amenizados con grupos musicais como por exemplo os “Cazacús”, un conxunto de rock bravo emotivo e intenso,os gaiteiros “Entre o Mar e o Río”, o grupo de folk “ Deixandar”…

Na parte máis elevada do monte foi inaugurado un monumento que levaba gravado un poema de Koki, o grande poeta do Baixo Miño. Nas súas emotivas palabras Koki, non se podía esquecer de Palestina e, apelou a exercermos a solidariedade activa e continua ata que o estado xenocida de Israel cese dunha vez de asoballar ao pobo palestino.

Houbo comida e bebida a prezos populares , e a festa gastronómica coroouse o domingo cun espectacular porco ao espeto doado por un comuneiro especialmente xeneroso. A presenza institucional non faltou. O alcalde Roberto Carrero estivo apoiando aos comuneiros acompañado por dous membros do seu goberno:Isidro Lomba e Isabel Guisande. De feito o secretario da comunidade de montes agradeceu nas súas palabras o apoio do Concello para poderen ter celebrado o evento. Porén, a nós non nos queda máis remedio que lamentar profundamente a actitude de Isidro Lomba, concelleiro de obras, quen se negou a fotografarse con Tino Lago, director deste medio de comunicación. Este exemplo de sectarismo é un caso máis que non fai outra cousa que dar a razón á nosa liña editorial: O PP polariza á sociedade en amigos e inimigos, impide o desenvolvemento social xusto e igualitario , e debe ser combatido democraticamente coa forza da palabra e da razón en todos os sitios nos que goberne. A continuación unha pequena reportaxe fotográfica do evento.