Crecente non para de decrecer

Luis López BNG Crecente

Despois de toda unha vida de goberno da familia da dereita, os indicadores deste Concello son enormemente preocupantes. O descenso do número de habitantes é estratosférico, dunha gravidade superlativa. No ano 1998 en Crecente estaban censadas 2.979 persoas, e no ano 2023 o número de habitantes censados é de 1.978. En tan só 25 anos, un cuarto de século, o 33% dos habitantes do pobo, un de cada tres, xa non vive alí. No concello de Crecente goberna unha familia desde 1979. Desde ese ano e ata o ano 2007 o alcalde foi Julio César García-Luengo Montero, quen cedeu o bastón de mando ao seu fillo Julio César García-Luengo Pérez, alcalde desde o ano 7 ata o momento presente. Ambos alcaldes son do PP.

Crecente é un paradigma do modelo social nepotista e caciquil que ven padecendo Galicia desde a noite dos tempos. O PP non goberna pensando no ben común das maiorías sociais. O PP goberna para manter os privilexios dos privilexiados. O seu modelo social é pernicioso e debe de ser combatido coa forza da palabra e autoridade moral da razón. Crecente é o exemplo perfecto de a onde nos levan os gobernos do PP: ao abismo. Nós conversamos con Luís López, responsable local do BNG para coñecer a valoración dos nacionalistas sobre a situación da política local.

Luis López, responsable local do BNG de Crecente.

O despacho do alcalde é como a consulta do médico. Todo o mundo que precise amañar un problema ten que pasar por aí”

Queremos coñecerte un pouco Luis?

Eu nacín en Crecente,teño 58 anos. Estudei Telecomunicacións e traballei toda a miña vida no sector da electricidade.

Cando e como comezou a túa relación coa política?

Desde hai moito tempo, máis de 30 anos. Comecei pola influencia de varios familiares que tiñan simpatías polo nacionalismo. Eu vivín e traballei moitos anos fora de Crecente,naqueles tempos a miña relación co bloque limitouse ás simpatías. Na época da pandemia puiden volver ao meu pobo, e aí xa colaborei de maneira moito máis estreita ata que hai un par de anos fun escollido responsable local.

Fuches algunha vez nunha lista electoral?

Si, fun de número 5 nas últimas municipais. Na lista que encabezaba o noso compañeiro, e actual concelleiro Benigno López.

Como está a saúde da agrupación local do BNG de Crecente?

Somos unha agrupación pequena, Crecente é un pobo pequeno. Pero dentro das dificultades que para unha organización como o BNG supón traballar nun pobo como Crecente, somos unha agrupación moi digna, sólida e solvente, que traballa con moita ilusión para coñecer as necesidades reais da veciñanza, trasladalas alá onde temos representación e ofrecer alternativas útiles e realistas.

Podemos dicir que o Concello de Crecente funciona como unha monarquía hereditaria?

Ben, o que podemos dicir é que a alcaldía de Crecente pasou de pai, Julio César García-Luengo Montero, a fillo, Julio César García-Luengo Pérez.

Julio César García-Luengo Montero foi un alcalde cacique?

A súa alcaldía funcionaba coa presunta creación de redes clientelares, o suposto carrexo de persoas maiores a votar era común, e os problemas de censos inflados habituais. En relación ao tema dos censos electorais en Crecente vivimos un fenómeno moi curioso; que consiste en que a medida que se aproximan as eleccións locais o censo vai aumentando, e unha vez que o proceso electoral remata o censo volve baixar.

Por outra parte a participación nas eleccións municipais no noso Concello sempre é moito máis alta que a do resto de procesos electorais.

A forma de administrar do fillo é idéntica á do pai?

Os tempos cambiaron. A forma de administrar do fillo non é tan descarada como a do pai, pero hai cuestións que son moi semellantes. Nese sentido quixera salientar os problemas recorrentes cos censos electorais.

Que situación aritmética ten a corporación de Crecente?

O noso Concello debido ao descenso no número de habitantes baixou o número de concelleiros, pasou de 11 a 9. O resultado das eleccións do 23 foi de 7 concelleiros para o PP un para o BNG e un para o PSOE. Nós quitamos máis votos có PSOE e somos segunda forza.

Hai cancha para que o nacionalismo poida crecer?

Si, sen dúbida si que a hai.

En Crecente vive xente nova?

Vivindo permanentemente moi pouca.

Esa xente pódese captar para o nacionalismo?

Non é fácil porque a maioría só veñen as fins de semana. Nós estaremos encantados de recibir a calquera, novo ou vello, que vexa no BNG un instrumento útil para mellorar a vida das persoas.

Que habería que facer para que poder crecer?

Nós temos constancia de persoas que simpatizan co BNG pero que teñen medo de ser identificados coa oposición ao goberno do PP. E ese é un problema moi serio. Ten en conta que o propio Concello é o 3º maior contratante de todo o noso pobo. O noso obxectivo é traballarmos a longo prazo para irmos mudando as formas de relación entre a administración local e a veciñanza, de maneira que cada persoa poida defender o que queira, e posicionarse con quen queira con liberdade.

O goberno local trata de maneira diferente aos veciños e veciñas segundo os identifique como amigos ou non amigos?

Aos que identifica como amigos danlle todo tipo de facilidades. Cos que identifica como non amigos, non é que fagan nada ilegal, pero van polo libro e se poden tardar un mes en amañarlles o problema, tardan un mes. O despacho do alcalde é como a consulta do médico. Todo o mundo ten que pasar por aí cando quere que lle arranxen calquera problema.

Alén da relación entre os administrados e a administración, cales son os principais problemas de Crecente?

O esencial é o despoboamento. Desde os anos 90 do século pasado Crecente perdeu máis do 50% da súa poboación. Este é o tronco dos problemas, sobre o que crecen outros como por exemplo: a inexistencia de servizos suficientes, a escaseza de oportunidades laborais, a mala situación da sanidade ou os graves problemas de mobilidade.

O goberno de Crecente fai algo para tratar de reverter os graves problemas estruturais que padece Crecente?

Non, non fai nada. Limítase a ir xestionando o día a día como poden.

Sobre o asunto da mobilidade quero preguntarche pola opinión do BNG sobre un plan de mobilidade intercomarcal dirixido a varios dos Concellos da zona, tanto de Galicia como de Portugal, e que foi elaborado por un veciño de Crecente, Pablo Weimar. Coñecédelo? Que valoración vos merece?

Coñecémolo, si. Estamos absolutamente de acordo co seu contido,e apoiarémolo en todos os sitios que poidamos apoialo.

Por que non se fixo realidade de momento?

Polo que eu sei houbo problemas entre as distintas administracións. Insisto en que para BNG ese é un plan moi interesante tanto para Crecente como para os concellos veciños, e apoiámolo absolutamente.

Que posición ten o alcalde de Crecente ao respecto?

Creo que se sumou a última hora pero sen moito entusiasmo, e fíxoo cando constatou que todos os demais concellos o apoiaban. Estaría ben que se quedase el só atrás cando o proxecto partiu dunha persoa de Crecente¡.

Rematamos Luis; que percepción maioritaria observas na sociedade de Crecente sobre o voso traballo político?

O BNG de Crecente trata de interactuar o máximo posible coa veciñanza. Queremos coñecer de primeira man as súas necesidades e problemas e tratar de ofrecer alternativas realistas para solucionalos. Nese sentido o que observamos no pobo é unha onda de simpatía cada vez maior, que estou convencido vai provocar un crecemento significativo de apoio popular.