Desde As Silveiras queremos subliñar a urxencia e a importancia de que existan espazos propios de encontro e debate feminista. Espazos onde pensarmos xuntas sobre as múltiples formas que adopta a desigualdade, a violencia e o control patriarcal, e onde tamén imaxinarmos colectivamente unha vida máis xusta para todas nós. Referímonos a lugares de reflexión política compartida por mulleres, promovidos desde o movemento feminista e coa vontade de permaneceren abertos á diversidade de voces e experiencias que o compoñen.
Esta necesidade fíxose especialmente visible no Congreso do activismo feminista galego celebrado en Teo os días 27 e 28 de setembro. Nel reunímonos numerosas mulleres organizadas en distintas asociacións feministas —algunhas delas tamén vinculadas a partidos políticos— cun obxectivo común: afondarmos colectivamente nas cuestións máis relevantes que nos afectan como mulleres e como suxeito político.
Falouse, entre outros temas, das raíces ideolóxicas do feminismo e do debate arredor do seu suxeito político, da construción histórica do masculino e do feminino, desde a filosofía aos medios de comunicación; da opresión das mulleres polo patriarcado relixioso; da situación actual das mulleres trinta anos despois da conferencia de Beijing; da violencia estrutural contra as mulleres —incluída, por suposto, a prostitución—, e tamén da urxencia dunha coeducación real con perspectiva feminista.
Un dos eixes centrais do congreso foi a relación entre as mulleres e a política, entendida nun sentido amplo: non só como participación das mulleres nos partidos e nas institucións, senón tamén como as políticas públicas sobre as mulleres que se deseñan e aplican no día a día.
Neste contexto, lamentamos profundamente a ausencia da segunda forza política de Galicia, que, tras ter confirmado a súa participación na mesa sobre política, decidiu finalmente cancelar a súa asistencia. As organizadoras recibiron unha explicación de tipo ideolóxico que provocou perplexidade e malestar entre moitas asistentes.
Desde a nosa asociación consideramos que este tipo de decisións, máis alá do contido concreto das súas xustificacións, evidencian unha preocupante falta de vontade para escoitar, compartir e debater co movemento feminista organizado. O feminismo é unha forza social e política imprescindible para a transformación democrática da sociedade. Se non se escoita o feminismo, se se foxe do debate, estase relegando unha parte fundamental do pensamento crítico e estáselle virando as costas á metade da humanidade.
E unha cousa temos clara: as feministas imos seguir falando, debatendo e pensando xuntas. Porque ese pensamento colectivo é, hoxe máis ca nunca, imprescindible. Por isto, agradecemos fondamente a Terra Feminarum, como organizadora, e ás demais asociacións colaboradoras, por sementaren este espazo de encontro. Sabemos que deste traballo colectivo nacerán novos debates, alianzas e camiños compartidos.

1 Trackback / Pingback
Comments are closed.