Décimas para Palestina

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xoán Alonso. Correspondente de A Nova Peneira en Euskadi
Xoán Alonso. Correspondente de A Nova Peneira en Euskadi

Eu sinalo co meu dedo
sen complexos, sen temor
para denunciar o horror
e que non nos venza o medo.
Que se escoite o noso berro,
a forza do noso alento
empurrado polo vento;
Netanyahu asassino,
viva o pobo palestino!
Con el o meu pensamento.

Eu sinalo ao xenocida
cos meus versos afiados
porque o ficar calados
é como entregar a vida,
a esperanza, a ferida,
a sede de liberdade.
Temos como sociedade
obriga de denunciar,
resistir e non calar
ante o horror e a crueldade.

Eu denuncio e sinalo
aos que sementan a terra
con armas, sangue e guerra.
Eu acuso e non calo,
vós sabedes do que falo
e non hai quen o soporte;
da sede, da fame, a morte
condea dos palestinos
imposta por asasinos
que deciden a súa sorte.

Podedes pintar o chan
para borrar as bandeiras,
con pintura ou con mangueiras
ou ben ca palma da man
finxindo que aí non están.
Pero estades trabucados,
non imos ficar calados,
submisos e obedientes
mentras centos de inocentes
están sendo masacrados

Podedes pintar a estrada,
por supremo mandamento
pero non deter o vento
nin a rabia amoreada
da xente apelotonada
cando chegan os ciclistas
sinalando aos terroristas,
denunciando ao xenocida,
famento de sangue e vida,
asasinos sionistas.

Podedes pintar o chan,
ocultar o xenocidio,
os crimes, o homicidio
como outros países fan.
Por aquí non pasarán
xenocidas, nin fascistas,
tampouco equipos ciclistas
que do demo van da man
por una anaco de pan
dos sicarios sionistas.

Por moito que lles amole
a matanza é innegábel,
en Inglés, galego ou bable
canda cousa ten un nome.
Áchase intocábel o home
polo demo arrengado
mentres o pobo agoirado
perde a vida na fuxida.
Condeen xa ao xenocida
e ao seu maldito aliado.

Sempre pensa o xenocida
que el é o mesías na terra
con dereito tanto a guerra
como a quitala vida
sen que ninguén llo impida.
E outra vez a mesma historia.
Danza o home sen memoria
cos seus pés ensanguentados,
sangue dos aniquilados,
e volta xirar a noria.”

¡Como pode ser posíbel
tanto sangue inocente
que tingue a auga corrente
e enturba o soño apracíbel!
O crime torna horríbel,
o asasino exculpado,
envolto, oculto, arroupado
por dirixentes mundiais
que agochan tras dos cristias
a vergoña do aliado.

Fuxe o pobo atacado,
sen ningunha equipaxe
guindando unha mensaxe,
un pranto desesperado.
Fuxe o pobo agoirado
diante dos ollos do mundo,
mundo que xa non é mundo
e perdeu a súa palabra
nesta matanza macabra,
neste desvarío profundo.

O veredicto é rotundo;
culpábel de asesinato.
Non procurren máis relato,
non dubiden un segundo.
O criminal nauseabundo
con sangue lava as mans,
e os mortos cubren o chan,
e as ruinas cubren aos mortos,
homes, mulleres e orfos
sen que ninguén bote man.

Os orfos da santa terra
ollan a cámara e rin
aínda que non teñan fin
os estalidos da guerra.
E cada ollar encerra
medo a seren abatidos.
Os orfos rin sorprendidos
cos ollos desorbitados
e os beizos empoeirados
dos fogares destruidos.