Helena Pousa
Estes días, na Casa Cultural da Comunidade de Montes de Camposancos, poden ver unha exposición sobre o Campo de Concentración de Camposancos. Nesta exposición titulada As Portas do Horror, financiada polo Ministerio de Memoria Democrática, poden coñecer o estarrecedor uso dado ao antigo colexio Apostol Santiago dos xesuítas, cuxa fermosa fachada branca olla a foz do Miño e Caminha, ao pé do cais onde atracaba o pailebote de Manoel Antonio da familia Candeira. O edificio que malamente resiste o paso do tempo foi nos seus inicios un colexio, máis ben a primeira universidade privada de España. Alí deu aulas, entre outros, o coñecido Baltasar Merino investigador da flora de Galicia, ou das plantas raras da zona do Baixo Miño, ou do estudo das borrascas que tantas vidas de mariñeiros salvou na Guarda. Alí estudaron Ramón María Aller e outras figuras importantes como o político Portela Valladares, Antón Losada Diéguez ou o médico de Tui, Alejo Diz Jurado, asasinado no 36. A partir de 1916, cando se trasladaron a Vigo, pasou a mans dos xesuítas portugueses, expulsados de Portugal, e aquí veu estudar Manoel de Oliveira onde quizais comezou a desenvolver a súa paixón polo cinema.
Na II República os xesuítas portugueses foron expulsados e o edificio pasou a ser usado como sanatorio ata que desde agosto de 1937 ata finais de 1939 funcionou como Campo de Concentración. Desde entón, ata 1941 foi prisión. Este fermoso lugar os fascistas transformárono nun campo de exterminio a medida que o foron enchendo con máis prisioneiros dos que alí cabían. Estímase que neses anos do terror pasaron por alí mais de 5.000 presos e presas, aínda que segundo os informes iniciais só tiña capacidade para 800. A este lugar chegan sobre todo asturianos e leoneses a partir de outubro de 1937 ao caer a fronte de Asturias. Moitas das persoas que tentaron fuxir en barcos son apresados e conducidos a Ribadeo e logo a Baiona, e desde alí en furgonetas a Camposancos. Un deses barcos foi o Arichachu en el trasladaron a moitos detidos desde Ribadeo, tal como relata o escritor Luís Álvarez Piñer. Entre os presos tamén ían moitas mulleres, unhas 180, algunhas con nenos e outras embarazadas, que pariron nese inferno de Camposancos nos fríos meses do outono. Delas pouco se sabe porque permaneceron pouco tempo no campo.
Os presos non os encerraban na parte que dá á fachada principal. Non, amontoábanos nas dependencias traseiras e entrábase por un portal que Uris Guisante e Víctor Santidrián denominaron como ‘a porta do inferno’. Hoxe todo o edificio está en ruínas e non se sabe que usos terá no futuro, pero os da Asociación RMH do Campo de Concentración de Camposancos e Fosa de Sestás queren que se declare Lugar da Memoria. Algo naturalmente imprescindible por ser un dos Campos de Concentración máis relevantes na historia da represión en Galicia e de España.
A Exposición percorre a través dos paineis varias cuestións relacionadas coa memoria do lugar. Comeza con un vídeo no que comentan algunhas cuestións relativas á historia do campo de concentración. Entre todas elas, chaman a atención as historias lembradas por Josefina Rodríguez, quen con máis de 90 anos relata lucidamente como ían axudar aos presos e a lavarlles a roupa e como eran testemuñas dos maltratos que recibían. Estas nenas lavandeiras con coraxe serviron de apoio afectivo a aqueles presos que botaban de menos as súas fillas e abrazábanas para sentir dalgunha maneira o calor paternal. Outro dos paineis está dedicado ás mulleres represaliadas como Concha Andrés encarcerada en Tui por ser esposa de Manuel Domínguez, que foi trasladado a Camposancos para cumprir a condena imposta, ou a Avelina Vázquez que se namorou dun preso e casaron.
Nos diferentes paneis vannos relatando tristes historias ocorridas neste cárcere, e ás veces coa axuda du QR podemos ampliar a información. Nuns explican a historia do edificio que foi reconvertido no denominado por B. Sotelino como o ‘Mauthausen da Guarda’, nun artigo sobre do interensantísimo documental Memorial de Camposancos.
