O 25N e a violencia que non cesa

Silveiras Asociación feminista

Achégase un novo 25 de novembro e, como cada ano, volveremos ver titulares, actos e campañas institucionais que repiten as mesmas mensaxes de condena da “lacra” da violencia machista. Pero, mentres todo se concentra nun só día, a realidade é teimuda: a violencia contra as mulleres persiste —e nalgúns ámbitos mesmo se agrava— ao longo de todo o ano.

Os datos máis recentes así o indican: en 2024, os xulgados españois rexistraron 544 denuncias diarias por violencia de xénero. Nos xulgados galegos tramitáronse 21 denuncias diarias, cun total de 7.760 denuncias durante o ano. Preto de 105.000 mulleres españolas están hoxe baixo o seguimento do sistema VioGén, onde Galicia é a quinta comunidade autónoma con máis casos activos de vítimas de violencia de xénero: máis de 6.000 mulleres. Especialmente preocupante é o repunte da violencia entre menores: en 2024, a Fiscalía tramitou no conxunto do Estado 3.283 causas por delitos contra a liberdade sexual cometidos por menores, e os casos de malos tratos no ámbito da parella ou exparella entre adolescentes medraron un 10%. En Galicia, tramitáronse 131 medidas de protección ou ordes cautelares para menores.

Porén, as estatísticas oficiais apenas captan a punta do iceberg dunha violencia estrutural que se manifesta en múltiples formas. As feministas estamos fartas de repetir que a violencia machista vai moito máis alá do ámbito da parella e impregna toda a sociedade e todos os ámbitos nos que se desenvolve a vida das mulleres: acoso sexual en espazos públicos ou de lecer, agresións sexuais en grupo, pornografía que normaliza a dominación, control a través do móbil ou das redes nas relacións afectivas, difusión non consentida de imaxes, ameazas, coaccións afectivo-sexuais, explotación sexual e trata. Cada unha destas manifestacións forma parte dun sistema patriarcal que constrúe a desigualdade como marco relacional e cultural. E fronte a todo isto, as campañas dun día e os compromisos de manual resultan claramente insuficientes.

A violencia cotiá é cambiable e muta segundo o contexto. Pode ser explícita e brutal, ou discreta e insidiosa, camuflada baixo o que se presenta como “normalidade”. Vístese de amor romántico, de celos, de bromas ou de costumes que ninguén cuestiona. Perpetúase nos comentarios, nas miradas, nas decisións económicas, nos espazos laborais, nas redes sociais. E o máis grave é que moitas destas formas de violencia nin sequera se recoñecen como tales. Asúmense como parte da vida, como o prezo inevitable de ser muller nunha sociedade que aínda nos quere en posición de subordinación.

Desde As Silveiras denunciamos a hipocrisía dun sistema institucional que se viste de morado e proclama a súa preocupación un día ao ano, mentres o resto do tempo recorta recursos, banaliza os discursos e tolera o negacionismo da violencia machista nos espazos públicos. Non queremos máis minutos de silencio: queremos políticas efectivas, coeducación feminista, medios de comunicación responsables, xustiza con perspectiva de xénero e unha sociedade que deixe de mirar para outro lado.

A violencia contra as mulleres non é un problema privado nin unha suma de casos illados. É un problema político e estrutural que interpela a todos os poderes e a toda a cidadanía. Cada feminicidio, cada agresión, cada acto de control, cada acoso, cada silencio cómplice son expresións dun mesmo sistema de dominación. Por iso, este 25 de novembro, cando regresen os xestos baleiros e as frases de manual, lembraremos que a nosa loita non cabe nun eslogan nin se resolve nun día sinalado. Seguiremos mobilizadas para que a violencia machista non quede sepultada pola rutina mediática e a indiferenza institucional. E seguiremos berrando que non queremos ser valentes, senón libres.