COUSAS DE SALVATERRA, Árdelle a casa a Ángela Pazo de Arantei, de Moreira

Antón “Xaque”

Salvaterra de Miño, 09 de Febreiro do 2026

O certo é que vivía na freguesía de Arantei, pero non sabemos si era orixinaria da freguesía de Moreira, Ponteareas, (e non sería nada fora do común, que tivera as súas orixes na freguesía monçanense de Moreira).

A pobre muller, pobre, tivo a mala fortuna de que lle ardeu totalmente a súa casa. O suceso tivo repercusión na prensa da época e transcendeu, como non? a o país onde tantos galegos residían emigrados, Arxentina.

Repasemos algúns xornais da época, a ver que dicían:

– O 19 de Setembro de 1926, El Pueblo Gallego de Vigo daba a nova: “O día 16 ás doce, iniciouse un incendio na casa habitada pola súa propietaria, a veciña desta parroquia Ángela Pazo alcumada “Troula”. O toque de alarma, dado polas campás, acudiron o lugar do sinistro os veciños da parroquia e veciñas, co propósito de sufocar o lume, pero este tomou tales proporcións que en pouco máis dunha hora consumiu por completo o inmoble. Solo puideron salvar algúns efectos domésticos e evitar que as lapas prenderan na casa contigua, propiedade da veciña Josefa Filgueira. A Sra. Ángela é una pobre muller que ten o marido na América e que se adica a venda de peixe a domicilio. A destrución da modesta vivenda deixouna pouco menos que na miseria….”

– El Tea, (xornal de tendencia agrarista) do 03 de Xullo de 1927, dicía, “…leemos no decenario El Eco del Condado, (xornal editado polo abade de Fornelos da Ribeira de tendencia clerical), de data 10 de Abril pasado, como noticia de Arantei, que os fillos desa parroquia residentes en Bos Aires, xiraran a Sra. Ánxela Pazo, 1600 Pesetas, (uns 6000€ de hoxe), pra axudala a reconstruír a casa que lle fora destruída nun incendio, produto que segundo “El Eco”, obtiveran os mencionados veciños nun festival (sen máis). A falga da verdade non pode ser maior. Coñezo o asunto e quero, por medio do “El Tea” informar con sinceridade os veciños dese Distrito da verdade, para dar a cada quen o seu e darlle a voz de alerta para que non se deixen enganar”.

“O saberse en Bos Aires a triste noticia do incendio e das súas fatais consecuencias, varios veciños de Arantei e socios da Sociedade Unión Progresista do Distrito de Salvaterra de Miño en Bos Aires, puxeron a noticia en coñecemento da Comisión Directiva de esta e solicitaron fixera o posible por axudar a infortunada muller. A Comisión da Unión resolve no acto por unanimidade organizar un festival a beneficio de cuxa organización encargouse a C. D. agregando á mesma as persoas que asinaban a carta de solicitude, todos eles de Arantei e socios. Dito festival realizouse o día 25 de Decembro de 1926 no Orfeón Español, dando un resultado líquido de 649 pesos moeda nacional. É digno de aplauso o entusiasmo que os veciños de Arantei demostraron, o mesmo que todos os demais socios da entidade organizadora pois solo así se pode obter un éxito tal”. Asina M. P. Couto, Bos Aires, Maio de 1927.

– Polo xornal agrarista, prohibido na Galiza, “Acción Agraria”, sabemos en que consistiu ese festival, “con moito entusiasmo véñense realizando os traballos referentes á organización do festival artístico e baile familiar que esta entidade debe realizar o sábado 25 de Decembro do 1926 no Orfeón Español, a total beneficio da veciña de Arantei Ángela Pazo, da cal demos conta no noso número anterior, de seguido damos a coñecer o programa a desenrolar: 1.- Enano de Riego, pola orquestra. 2.- O Cadro Social de Declamación “Aires do Miño”, dirixido polo consocio Sr. José Pazos, porá en escena o xoguete cómico nun acto, orixinal de Julio Firtuoso, titulado Academia de “Declamación”. 3.- Aires Españoles, pola orquestra. 4.- O sainete nun acto e tres cadros orixinal dos Sres. E. de Rosa e A. Discépolo”.

Asemade esa Sociedade puxo en coñecemento a outras asociacións irmás parecidas de Bos Aires, como se pode apreciar na carta que se reproduce de seguido:

S. U. P. del D. de S. de M. en B. A. Secretaría Cerrito 585

Buenos Aires, 06 de decembro de 1926

Sr. Presidente de la Sociedad “LA ANTORCHA DE CRISTIÑADE”, (idénticas cartas ás Sociedades de FORNELOS, CALDELAS, ENTIENZA, NOGUEIRA e SALCEDA).

Da nosa consideración: Despois de saudalo e polo seu intermedio aos demais membros desa C.D manifestámoslle que a presente ten por obxecto solicitar o concurso desa prestixiosa institución para o festival que esta Sociedade realizará a noite do 25 do corrente no Orfeón Español a total beneficio da veciña Ángela Pazo de Moreira, da parroquia de Arentei, pertencente ao noso Distrito de Salvaterra, a quen fai aproximadamente dous meses queimóuselle a casa na citada parroquia, quedando na indixencia e sen teito en que acubillarse porque o seu estado de pobreza non lle permite construír outra.

O produto líquido que se obteña na referida velada será destinada a reconstruírlle a casa á mencionada veciña, e tratándose dunha obra humanitaria como esta, non dubidamos que esa institución, que pertence ao mesmo partido xudicial, prestaranos o seu concurso, a cuxo efecto lle participamos que fixemos rifas de $0.20 en talonarios de $ 1 cada un, sendo o valor das entradas o seguinte; palcos con 4 entradas $ 10 cada un, cabaleiros $ 2 cada un, damas $1 cada un, e con moito gusto remitiremos a esa Directiva a cantidade que dunha ou outra teña a ben pedirnos.

En espera das súas gratas noticias respecto diso, enviamos un fraternal saúdo a esa Entidade. Pola C A.:

Secretario: Núñez. Presidente: Manuel Puente.

Tamén a Sociedade Unión Progresista do Distrito de Salvaterra de Miño en Bos Aires, diríxese o 09 de Febreiro de 1927 a Señora Ángela Pazo de Moreira de Lima (xa nos aportan outro dato, Lima), de Arantei, Salvaterra de Miño, nos seguintes termos:

“Da nosa consideración: Un núcleo de veciños desa parroquia e socios desta Sociedade, tendo coñecemento da desgraza que lle ocorreu a Vde. o incendiárselle a casa, solicitou da Comisión Administrativa desta Sociedade a realización dun festival pra arranxar fondos con que socorrela e levantar de novo a casa, solicitude a que esta Comisión Administrativa accedeu de inmediato, pois esta Sociedade está sempre disposta a socorrer os seus asociados en Bos Aires e ás familias no Distrito.

O festival ó que nos referimos foi celebrado o día 25 de Decembro de 1926 e arroxou un saldo líquido de 646.51 pesos, que o cambio actual ascende a cifra de 1.593 Pesetas, cantidade que xunto coa presente seralle entregada en man polo noso representante nesa Sr. Manuel Mariño Méndez (que acabou sendo alcalde na 2ª República), a quen lle rogamos se sirva outorgarlle o recibo correspondente para o Arquivo desta Sociedade”.

Asina a carta o Secretario Núñez, sendo Presidente nesa altura Manuel Puente, de Oleiros.

Primer comentario

Deixa a túa opinión