Tino Lago e G.Figueiredo
O pasado venres 27 de febreiro celebrouse a inauguración da casa da cultura de Amoedo. O resultado do evento non se pode cualificar doutra maneira máis que dun éxito rotundo. A asistencia foi masiva, o acto foi precioso e a casa é realmente un lugar fermoso que reúne todas as condicións para ser un espazo no que a sociedade de Amoedo poida socializar, e transmitir ás xeracións futuras as características máis significativas que conforman a súa identidade colectiva.
ANP estivo presente na celebración da inauguración deste espazo cultural e alén da música, moi bonita, a comida de balde, espectacular, quixera salientar un aspecto que me chamou poderosamente a atención: A emoción, a profunda emoción que desprenderon as palabras do discurso que pronunciou Miguel Míguez o presidente da Comunidade de Montes. Nas súas palabras Miguel fixo referencia a distintos episodios de conflitos desagradables no camiño que tiveron que atravesar os comuneiros e comuneiras para chegar ata a a situación actual. Episodios que a el lle afectaron emocionalmente .As súas palabras finais chamando á concordia e a traballar todos xuntos e xuntas en prol do ben común da comunidade, subscribímolas plenamente e facemos votos para que se fagan realidade
Desde o noso medio de comunicación dámoslle os parabéns a toda a CM en xeral, e á súa directiva en particular, polo traballo colectivo que levou a que puideran rematar esa preciosa casa. Nós falamos con Miguel , pero antes de deixarlles coas súas palabras quixera dirixirme a el para dicirlle que quen traballa honestamente en prol do beneficio da comunidade, poderá cometer erros e acertos, pero sempre, sempre sen excepción, está no lado correcto da historia.
Miguel Míguez, presidente da Cultural e da Comunidade de Montes de Amoedo.
“O monte ben xestionado pode ser unha fonte de riqueza e unha barreira contra os incendios”
Miguel, de onde es ti?
Nacín en Ventosela, Redondela, pero dende os dez ou once anos crieime en Amoedo. Vivo entre Amoedo e Vigo.
A que te dedicas?
Profesionalmente tiven unha empresa de construción que puxen en marcha fóra, en Canarias, e que me deu moita experiencia. Pero decidín volver por mor dunha enfermidade grave do meu pai. Aos 59 anos enfermou gravemente, e estivo cinco anos loitando. Aquel episodio de tanta gravidade e sufrimento fixo que reformulara a miña vida e que tomara conciencia da necesidade de dedicar o tempo ás cousas realmente importantes.
Antes de continuar quixera darche os parabéns polo resultado final da obra. A casa cultural quedou realmente preciosa. Foi moi difícil o proceso para chegar ata aquí?
Moitas grazas. Ben, como todo na vida houbo todo tipo de momentos, máis fáciles e máis difíciles. Aínda estamos co xardín que é o que nos falta, pero si, este sitio e moi bonito.
Que proxectos tedes para o xardín?
Queremos que a nosa casa sexa un espazo de uso tanto no seu interior como no exterior. Trataremos de consolidar a programación cultural e atraer eventos como concertos e monólogos tanto no interior como no exterior do recinto. A idea é que este espazo sexa autosuficiente e dinamice economicamente a parroquia. Se se fixo un investimento tan grande, hai que darlle uso. Acaban de darnos a noticia de que vai tocar Antonio Orozco, estamos en conversas con Touriñán…
Alén dos concertos e monólogos que outros servizos pode ofertar esta casa da cultura á veciñanza?
Agora estamos implantando cursos de ioga, pilates, actividades de lectura… Queremos que sexa un punto de encontro e un espazo vivo para á veciñanza. Tamén puxemos en marcha un proxecto chamado “Mercalibro”, para fomentar a lectura no rural e deixar un pouco o estímulo dixital. Recibimos a doazón de máis de seis toneladas de libros. Os exemplares en mal estado reutilizámolos para facer briquetas de biomasa, aproveitando tanto os libros que non valen coma as follas do monte.
Que receptividade tivo na veciñanza de Amoedo a inauguración da casa da cultural?
Tivo boa acollida pero as circunstancias non foron as mellores. Eu asumín a presidencia no ano 2019. Atopamos unha situación moi complicada. A casa cultural estaba practicamente abandonada, entraba a auga, era un auténtico desastre. O monte tamén estaba descoidado e había débedas. Ademais, viñamos dunha etapa moi dura polos incendios de 2017, cando esta zona estivo en perigo real. Vivimos momentos angustiosos, con vivendas ameazadas polo lume e sensación de abandono. Aquilo marcou un antes e un despois.
E como tratastes de reverter a situación?
O primeiro foi actuar no monte e botar á Xunta de Galicia fóra. Tiñamos claro que había que cambiar o modelo, que o monte ten moito que ofrecer e postos de traballo que xerar. Apostamos por manter arredor dun 60% de superficie madeirable, pero introducir un 40% de froitos secos. Plantamos máis de mil castiñeiros e unhas 7.600 abeleiras. Tamén fixemos unha pequena plantación experimental de pistacho, que está funcionando sorprendentemente ben. O rural non pode vivir só de subvencións nin de discursos. Hai que xerar actividade económica, aproveitar os recursos e implicar á xente. Eu creo firmemente que, se explotamos o monte de maneira intelixente, poderiamos reducir moito o paro na zona. Temos un nicho de mercado enorme por diante.
É rendible un modelo así?
A curto prazo non. Hai que pensar a medio e longo prazo, e alí non só é un modelo rendible, que indiscutiblemente si que o é, senón que fornece unhas bases sólidas para que o siga sendo de maneira continuada no tempo. O rural require investimento e paciencia. Pero eu estou convencido de que un monte ben xestionado pode xerar emprego e evitar incendios. As plantacións funcionan como barreiras naturais contra o lume. Ademais, diversificas e non dependes só da madeira.
Houbo reticencias por este modelo dentro da comunidade?
Si, sobre todo porque estamos falando dunha poboación maior, acostumada a facer as cousas doutro xeito. Calquera cambio xera medo, e ao principio houbo reticencias.
Como financiastes as obras?
As obras financiámolas con axudas do GDR e da Xunta de Galicia.
Que tal son as relacións con Luciano Otero, o alcalde?
Son boas e ás veces non tan boas. Eu estou bastante decepcionado coa loita partidista en xeral. Creo que se me intentou anular en certos momentos, como se fose un inimigo político, cando o único que intento é facer cousas positivas, sumar e construír. Creo que o importante é sumar, non dividir. Incluso houbo un intento de moción de censura contra min por parte do antigo alcalde do PP.
Sufriches presións?
Si. Mesmo chegaron a meterse coa miña familia. Houbo momentos moi duros. Chegaron a queimar o camión grúa e a pala escavadora, a situación fíxose moi dura a nivel persoal e familiar.
Ante esta situación, cres que tes o apoio da maioría da Comunidade de Montes?
Si, creo que si. Nas votacións quedou claro. Sempre hai medo ou reticencias en algúns sectores, pero eu síntome apoiado pola maioría do pobo. Nas votacións o apoio foi maioritario e moi claro. Iso deume forza para continuar.
Como andas de estrés e ánimos despois destas situacións tan duras que describes?
Pasei por unha etapa de estrés extremo, con problemas de saúde serios que me levaron á UCI. Mesmo presentei a miña dimisión o ano pasado, pero a reacción do pobo fixo que reconsiderase a decisión. Sentín o apoio da maioría e iso axudoume a seguir.
Agora estou mellor, aínda que non foi doado. Cando as responsabilidades pesan tanto e hai tensión constante, pasa factura. Pero agora síntome con máis ánimo.





Primer comentario