COUSAS DE SALVATERRA. Cabos soltos do crime de “Pancho”.

Xaque
Antón Lourenzo, veciño da Vila

Estimados lectores, o pasado mes de Xullo/25 produciuse a primeira presentación do libro “O Crime de Salvaterra, a luz 114 anos despois”. Trátase dun libro de investigación sobre un asasinato acontecido en Salvaterra na persoa dun líder agrarista, Francisco Rodríguez “Pancho”, da parroquia de Lourido o 02 de Setembro de 1911, morrendo o día seguinte polas múltiples feridas de bala que levou. Foi en palabras daquel entón, “O primeiro mártir do Agrarismo”. O libro aínda se pode arranxar na librería Terra de Salvaterra ou ben póndose en contacto có director deste xornal.

Pasados algúns meses da publicación, unha tarde recibo unha chamada dunha persoa descoñecida para min, inda que non da familia á que pertencía, víndome a decir que me quería facer algún comentario sobre o libro, é dicir sobre “Pancho”, máis exactamente sobre os vitimarios. Espertando en min moito interese, concordamos unha entrevista na súa casa, estaban ela e súa avoa nonaxenaria esta con unha memoria prodixiosa.

Non faí falta lembrar a cortesía e amabilidade coa que fun recibido pero así foi. Unha vez postos a falar do asunto, e outras moitas cousas, coméntanme un feito acaecido semanas despois do asasinato, na casa onde servía como mucama unha ascendente da familia, trátase da súa bisavoa, natural de Salvaterra, (a Sra. da fotografía é Rosa González Vaqueiro) quen a sazón tiña 14 anos, pura transmisión oral xenerosidade da familia.

Resulta que un bo día dos primeiros meses do ano 1912, (o xuízo celebrárase a primeiros de Xuño dese ano), chamaron a porta da casa onde servía Rosa González, ela abriu e, ¡oh sorpresa!, a que se presentou era coñecida dela, de Salvaterra, era nada menos que Balbina Fernández Porto, muller de José Ramón Alonso Álvarez e nai dos irmáns Alonso Fernández, os caciques vitimarios. Parece ser que a visita foi motivada para interceder ante o patrón da casa para que a sentenza fora benevolente co marido Jósé Ramón Alonso por razón de idade e que de condenar e levar preso a alguén, este fora o fillo Germán Alonso, principal acusado. Tal era a percepción que tiñan do crime cometido e de seren obxectivamente condenados.

Chegado este punto, vou recuar no tempo algúns anos, concretamente ó primeiro de Febreiro de 1891, ese día celebráronse no Estado español Eleccións de Deputados a Cortes. En Salvaterra, na mesa da parroquia de Lourido, entre outros foi Interventor o cacique José Ramón Alonso Álvarez, (páx. 57 do libro), mentres que na parroquia de Salvaterra foi Interventor, entre outros, Gumersindo Queimadelos Bugallo. Ámbolos dous formaban parte do entremado caciquil da restauración borbónica, durante a rexencia de María Cristina, onde se pode ver nas actas que os candidatos a Deputados gañaban por goleada, sen dúbida por efectos corruptos da Lei Electoral de entón, sobre todo o Artigo 29, que deu lugar o popular dito do “carallo vintenove”. É dicir que moitos anos antes do tráxico suceso, estes dous persoeiros xa se coñecían ben, ademais eran veciños de parroquia xa que Gumersindo Queimadelos Bugallo natural de Ponteareas, estaba casado na veciña parroquia de Arantei.

Gumersindo foi pai de varias fillas e dun fillo, (Arturo Queimadelos Barros, médico e que atendeu a Pancho na súa agonía). Entre as fillas, unha chamada Enma María Queimadelos Barros casou o 22 de Xaneiro de 1906 cun afamado político e avogado pontevedrés chamado Vicente García Temes, (Arquivo Diocesano de Tui). E precisamente no fogar dese casal situado na rúa Peregrina nº 08, era onde servía dende uns anos antes Rosa González, (que tiña fama de ser unha grande cociñeira).

Vicente García Temes era moi coñecido por esta bisbarra, así:

No xornal “O Regional de Monção” nº 520 de data18 de Marzo de 1912, páx. 3, decía:

“Domingo 17. Acompanhados dos nossos leaes amigos de Salvatierra os srs. D. Gumerzindo Queimadellos e de seu filho médico na villa fronteiriça e D. Victoriano Alonso, estiveram aqui hontem os snrs. Vicente Garcia Temes, advogado, D. Jacinto Otéro Blanco, D. Benito Ferreira, D. Perfecto Ortegoso e D. José Antunes, official de marinha mercante, todos de Pontevedra. Estes illustres gallegos representam na capital da visinha provincia a guarda-avançada do partido republicano, havendo já prestado excellentes serviços á República Portugueza por occasião do contrabando de armamento nos wagons em Pontevedra. Aos nossos sympaticos hospedes foi offerecido uma taça de champanhe pelo snr. João Antonio de Pino na sua casa dos Milagres, trocando-se enthusiasticas saudações. Os bons amigos de Portugal regressaram hoje mesmo a Pontevedra.”

No mesmo xornal nº 549 de data 13 de Outubro de 1912, recóllese:

“De passeio esteve aquí acompanhado de varios amigos pessoais e políticos de Puenteareias o ex ministro español D. Gabino Bugallal. En visita tambem estiveram hoje nesta vila regresando á noite a Pontevedra os nossos amigos snrs. Dr. Vicente Garcia Témes, D. Jacinto Otéro e D. José Antunes.”

De novo no mesmo xornal, nº 553, 11 de Novembro de 1912, aparece a breve nota:

“Esteve nesta vila o snr. Don Vicente Garcia Témes, ilustre advogado em Pontevedra.”

Ata aquí, podemos dicir, todo dentro do normal, un home que casou en 1906 cunha veciña de Arantei, con unha boa posición social e económica, relacionándose con amigos, familiares, políticos, caciques, etc., pero…

Pero, que ten que ver este home, Vicente García Temes, có crime de “Pancho”?

Pois resulta que o “patrón da casa” onde servía Rosa García, acabou sendo o avogado da acusación particular da familia da vítima, có resultado que xa sabemos, ¡¡a absolución dós vitimarios confesos!!

Salvaterra de Miño a 11 de Marzo do 2026.


Rosa González Vaqueiro no 1922

Primer comentario

Deixa a túa opinión