Lois Pérez Leira

Emigrar aos dous anos es partir ás cegas. A esa idade, un non ten recordos propios dos barcos, das maletas de cartón nin da paisaxe que se deixa atrás. Porén, a miña memoria de Vigo e da miña infancia non está baleira; construíuse na distancia, alimentada polos relatos constantes de meus pais na emigración. Para min, San Juan del Monte, Riomao e O Calvario non eran só barrios afastados, senón un territorio vivo que se coaba nas conversas familiares en Buenos Aires a través da banda sonora da súa xente: os seus alcuños.

​A historia de meus pais na emigración estivo marcada, como tantas outras, pola separación forzosa. Meu pai tivo que marchar rumbo á Arxentina deixando a miña nai embarazada en Vigo. Debido á distancia, el só me coñecía a través das fotografías que miña nai lle enviaba pacientemente por correo, vendo crecer ao seu fillo mes a mes nun pedazo de papel.

​Naqueles anos de posguerra, o apelido era un dato burocrático, pero o alcume era a verdadeira identidade, o ADN da veciñanza. Crecín escoitando eses sobrenomes que debuxaban a xeografía humana da miña infancia e que resoaban con forza na casa: Las Carreteras, Las Camisonas, Los Raros e Tito el Músico. Tamén habitaba naqueles relatos o recordo de meu tío Agustín, ao que lle puxeran o apodo de Tilín, e o recordo entrañable de miña avoa, María la del carpintero. ​Aquel contorno non era un lugar calquera; era a capital do noso mundo, un espazo de resistencia onde a traxedia da ditadura golpeou con extrema crueldade. É o caso de Los Lotos, unha auténtica familia mártir de San Juan, á que o franquismo destrozou fusilando a dous dos seus membros.

​A solidariedade veciñal, porén, lograba burlar fronteiras e océanos. Coñecín en presenza a Mucha La Morena, camareira nos barcos de pasaxeiros e nai da que anos máis tarde sería senadora do PSOE. Cada vez que o seu buque amarraba no porto de Buenos Aires, Mucha viña a vernos e traíanos un paquete grande con latas de anchoas, pemento moído e azafrán camuflado; pequenos tesouros da terra que burlaban a distancia.

​Toda esa mitoloxía de ausencias e relatos compartidos culminou o día da nosa chegada. Ao baixar no porto de Buenos Aires, sendo apenas un neno de dous anos que no entendía de mapas nin de distancias, un señor achegouse de golpe para abrazarme con desesperación. Eu asusteime porque non o coñecía; non podía comprender nese momento que aquel home que me estreitaba con tanta forza era, en realidade, meu pai, que por fin me vía en persoa máis alá das fotos. ​Eses alcuños e esas vivencias, escoitados na distancia, terminaron sendo las primeiras palabras da miña patria recuperada.