O Concello debe asumir con fondos propios a parte da obra executada fóra de prazo que ía ser financiada cunha subvención da Deputación de Pontevedra
O goberno municipal aprobou en solitario unha modificación de crédito na que case a metade do seu importe vai destinada a consignar os 188.289,52 € que se perderon
“Estes 200.000 euros únense aos case 80.000 que tivo que asumir o Concello de Nigrán por non xustificar en prazo a obra de Chandebrito” indicou Xavier Rodríguez
As eternas e inacabadas obras de mellora e remodelación do Parque da Ramallosa remataron tendo consecuencias económicas para o Concello de Nigrán, ao ter que asumir este a parte da actuación executada fóra de prazo e, polo tanto, non xustificada en tempo, e perder case 200.000 euros da subvención que a tal efecto tiña concedida a Deputación de Pontevedra.
En abril de 2025, por resolución de alcaldía, foi adxudicada a obra a ORESA, a mesma empresa que formaba parte da UTE á que se intentou favorecer inicialmente na licitación do contrato do lixo. O proxecto tiña un prazo de execución de 31 semanas que foi reducido a 23 na oferta da empresa, para recibir a máxima puntuación neste aspecto e levarse o contrato aínda que despois fose incumprido.
Un contrato que segundo esa oferta da empresa que lle permitiu gañar a licitación tiña que estar rematado en outubro do 2025 e que, pese a que a Deputación prorrogou ata en dúas ocasións o prazo de execución ata estendelo ata maio de 2026, a empresa foi incapaz de cumprir. Agora, a consecuencia é que o concello ten que facerse cargo da parte da obra realizada fóra de prazo e asumir os 188.289,52 euros perdidos da subvención mediante unha modificación de crédito.
Con todo, o problema é que isto é unha cuestión recorrente. O ano pasado este goberno xa perdeu o dereito ao cobro de varias subvencións por non xustificalas en prazo, o que motivou que eses fondos tiveran que ser aportados polo concello. Especialmente significativa foi a mellora de camiños e ampliación da rede de saneamento en Chandebrito, unha obra chea de problemas que se eternizou e supuxo a perda de 77.903,27 euros por non xustificar en prazo parte da obra.
É evidente que o goberno de Nigrán ten un problema coa execución das obras, que xa se iniciaron neste mandato coa obra sen fin da remodelación da rúa Otero Pedrayo, e que proseguiron con outras obras de saneamento nas que xa se perderon subvencións por non executalas en prazo.
A responsabilidade é dun goberno consentidor dos incumprimentos que non impuxo ningunha das penalidades previstas nos contratos pola demora inxustificada na súa execución, polo que “o alcalde convértese en cómplice da alteración das propias licitacións ao permitir o incumprimento dun dos criterios de adxudicación” en palabras do portavoz municipal do BNG, Xavier Rodríguez.





