Uxía Rocha Cuña, unha moza de Zamáns.
Neste segundo chanzo da xeira de conversas que teremos con mozos e mozas galegas para coñecermos a súa visión do mundo, hoxe falamos cunha moza galega para coñecer a súa realidade e, a través dela, achegarnos tamén á realidade da súa xeración.
A súa historia é a dunha rapaza que quere formarse, traballar, aforrar e, algún día, poder ter unha casa propia na que poder construír pedra a pedra o seu lugar no mundo. Nada especialmente extraordinario, se non fose porque para unha persoa de 20 anos conseguir un emprego sen experiencia, pagar unha vivenda ou simplemente desprazarse para estudar pode converterse nunha carreira de obstáculos na que non se dea albiscado a meta final.
“Non é que non queiramos traballar, é que non nos dan a oportunidade. E cando nola dan, moitas veces é abusando”
Comecemos polo principio Uxia. Quen é Uxía Rocha Cuña?
Teño 20 anos, nacín no 2006 e son de Vigo, de Zamáns, onde vivín toda a vida. A miña nai é de aquí e o meu pai é da Ramallosa. Crieime en Zamáns.
E a que te dedicas actualmente?
Agora mesmo estou estudando polas tardes en Ponteareas un ciclo superior, aínda que este ano só estou facendo algunhas materias. Ao mesmo tempo traballo un par de días á semana cun matrimonio maior, axudándolles coas compras, coa limpeza e demais. E cando xorde algunha oportunidade polas tardes tamén coido nenos pequenos.
Que estás estudando?
Un ciclo superior de Control de Calidade na Industria Alimentaria.
É algo que che gusta?
Si. O ano pasado fixen outras materias e as prácticas, que duraron un mes, e gustáronme moito. Por iso decidín seguir estudando.
Para que serve exactamente o teu ciclo?
A grandes trazos, trátase de comprobar que un alimento que se vai consumir estea en perfectas condicións, que non teña ningunha bacteria prexudicial para a saúde. Tamén se analiza a auga.
En definitiva, trátase de que os alimentos que imos comer estean nas mellores condicións posibles.
Ves neste sector unha saída profesional para o teu futuro?
Si. A min gústame non facer sempre o mesmo. Cada día é algo novo porque un alimento pode traer unha variedade de cousas moi grande.
Permitirache vivir dignamente traballar no sector?
Depende das circunstancias. Pero si, considero que me podo desenvolver ben nese sector. Ademais, sempre hai onde escalar. Podes empezar simplemente como técnica de laboratorio e ir progresando.
Como imaxinas a túa vida dentro duns anos?
Por agora gustaríame seguir traballando e estudando. Pero mentres non teñas experiencia todo é complicado porque non collen a ninguén.
Cando acabe de estudar gustaríame facer as prácticas e atopar un traballo relacionado con isto. E traballar, traballar, traballar. Posiblemente tamén facer unhas oposicións de inspección ou algo polo estilo.
E aforrar para poder ir vivir soa. Non simplemente de alugueiro, senón traballar durante moitos anos e poder aforrar o suficiente para ter unha vivenda en propiedade.
Falemos precisamente da vivenda. Como ves a situación para a xente nova?
Para a xente nova é moi difícil. Xa é complicado conseguir un traballo porque moitas veces póñenche como requisito ter experiencia mínima dun ano. E logo din que non queremos traballar. Pero tampouco nos dan oportunidades.
Con 20 anos pídenche experiencia, pero se non te contratan non podes coller experiencia para acceder ao mercado laboral.
E se tes a sorte de conseguir un traballo e vas buscar un alugueiro, se non compartes piso con amigos ou con xente que coñezas, é moi difícil poder pagalo ti soa.
Ti mesma tiveches que marchar fóra para estudar. Como foi aquela experiencia?
O ano pasado estiven estudando fóra, en Ribeira. Foi complicado asumir todos os gastos de vivir fóra da casa. Eran gastos bastante elevados e eu non podía permitirmo.
Menos mal que os meus pais si puideron botarme unha man. Se dependese só de min, non podería ter ido estudar fóra.
É dicir, estudar fóra tamén depende moito da capacidade económica da familia.
Si. Hai becas para ciclos e universidade, pero non o cobren todo e eu tampouco puiden acceder a unha. No meu caso, foron os meus pais os que tiveron que sufragar os gastos para que puidese estar alí.
Agora estudas en Ponteareas. Como te desprazas?
Vou e veño en autobús, pero os horarios son complicados. Para ir a Ponteareas teño que ir primeiro ata O Porriño para coller o autobús e ata alí teñen que levarme meus pais, os meus curmáns ou quen estea dispoñible.
E para volver, como saio ás nove da noite, xa non hai autobús pero hai rapaces que viven por Ramallosa que me achegan ata aquí. Compartimos os gastos da gasolina e demais, pero claro, dependes doutra persoa.
Estás sacando o carné de conducir, verdade?
Si. Estou sacando o carné, pero ter que levar o coche ata Ponteareas e traelo suporía moito máis gasto. Hai xente que está gastando entre 150 e 200 euros ao mes en gasolina para poder estudar. Está carísimo.
Os teus traballos permítenche sufragar os teus estudos?
Por agora si. Os meus estudos pódoos pagar co que gaño. Pero o carné, obviamente, é coa axuda dos meus pais, porque agora mesmo eu non podería permitirme sacalo.
Que opinas da idea moi estendida de que a mocidade non quere traballar ?
Sempre hai persoas e persoas, pero a maioría da xente que coñezo está estudando e á vez traballando ou buscando traballo.
Eu creo que non é que non queiramos traballar, moitas veces é que non nos dan a oportunidade.
E cando nola dan, ás veces é con contratos abusivos. Por exemplo, vas traballar oito horas, pero despois dinche que tes que quedar dúas horas máis. Se che dan a oportunidade de traballar, case sempre é abusando.
Iso sucede en calquera sector?
Si. Coñezo xente que traballou na hostalaría e que tivo contratos abusivos, nos que a hora de saída nunca era a que poñía o contrato, sempre era máis tarde. E ás veces os días de descanso nin existían.
Pero non sucede só na hostalaría. A miña parella estivo cobrando ata hai moi pouco catro euros por hora, dez horas ao día, sen contrato, traballando de fontaneiro nunha obra.
Hai abusos en moitos ámbitos, sobre todo aproveitándose da falta de experiencia.
Na túa contorna coñeces máis casos de mozos nesta situación?
Si. Coñezo xente que está na universidade e cuxos pais teñen que facer dous traballos para poder pagarlles a estancia fóra. E incluso eles teñen que traballar alí para poder sufragar os gastos.
Por iso creo que ese mito de que a mocidade non quere estudar, nin traballar, nin facer nada é mentira.
Pensas que a situación económica da familia condiciona moito as posibilidades dunha persoa nova?
Si, totalmente. Para min ten todo que ver coa situación social. Eu agora mesmo non me podo permitir determinadas cousas e outras persoas si.
Depende da familia na que nazas.
Tes un irmán da túa idade. Tamén está a vivir unha situación parecida?
Si, ten a miña idade e está estudando para as oposicións de bombeiro. E está na mesma situación ca min ou incluso peor, porque non atopa un traballo que poida compaxinar coa preparación das oposicións.
Está traballando a través dunha ETT, e ás veces chámano dun momento para outro. Poden chamalo ás oito da mañá para entrar ás nove. Así non tes ritmo de vida nin unha rutina.
Uxía, para rematar: que cres que deberiamos facer como sociedade para cambiar esta situación que lle estamos a deixar as vindeiras xeracións?
Creo que habería que facer máis comunidade entre a xente. Non deberiamos ser tan independentes, senón apoiarnos máis entre todos.
Non ser tan individualistas e facer comunidade coa xente. Se nos apoiamos uns nos outros podemos conseguir máis cousas.

