Con só dezaoito anos, Edu Mariño Lago, veciño de Torroso, Mos, ten unha vida chea de actividades e inquietudes. Estuda primeiro de Ciencias Políticas en Santiago, toca a gaita e a percusión en diferentes grupos musicais, participa no mundo das rondallas e, ademais, desenvolve o seu propio proxecto como cantautor. Falamos con el para coñecer un pouco mellor as súas inquedanzas, os seus proxectos musicais e tamén a súa experiencia como estudante, nun momento no que a mocidade se enfronta a importantes dificultades para acceder á vivenda para poder estudar e construír o seu futuro.
Edu Mariño Lago, Torroso
«Quero impulsar a música en galego como cantautor e gustaríame traballar na política municipal»
Quen é Eduardo Mariño Lago?
Son Edu, un mozo de Torroso, en Mos. Teño dezaoito anos e agora mesmo estou estudando primeiro de Ciencias Políticas en Santiago. Ademais, son músico e participo en diferentes grupos, como o Grupo de Gaitas Ruada de Torroso e Os Manga Carballos. Tamén toco a gaita e a percusión na Rondalla de Torroso desde hai nove anos. Por outra parte comezo un camiño como cantautor e xa estou en conversas para volver reconstruír un proxecto en Candeán para volver darlle vida a súa rondalla que leva vinte anos desfeita.
Cantos proxectos¡ Desde cando tocas percusión e gaita?
Comecei coa percusión aos oito anos e coa gaita aos doce. A música sempre estivo moi presente na miña vida e é algo que me gusta moitísimo.
Fas actuacións ?
Si, fago actuacións cos grupos, os coñecidos bolos. Os ingresos destas actuacións axúdanme a sufragar parte dos gastos da universidade e dos desprazamentos a Santiago. Non son ingresos fixos, evidentemente, pero é unha maneira de conseguir algo de cartos facendo o que me encanta.
Cando iniciaches o camiño de cantautor?
Con este proxecto comecei hai tres anos. Empecei a compoñer e a sacar cancións, tanto en galego como en castelán, pero teño claro que quero impulsar a música en galego. Pouco a pouco foron aparecendo concertos. Xa actuei varias veces en Cangas, na Sala Rebullón…
De onde nacen as túas cancións?
Inspírome no que sinto, no que vivo e no que vexo ao meu redor. Gústame reflectir nas letras as miñas propias experiencias, pero tamén o que pasa na sociedade. Ultimamente estou máis metido nos temas de reivindicación social, así que as cancións van collendo tamén ese carácter.
Tes clara a túa aposta pola música en galego?
Si, quero impulsar a música en galego. É algo que teño bastante claro e que me gustaría seguir desenvolvendo e impulsando no futuro.
Onde podemos escoitarte?
Pódense escoitar as miñas cancións en YouTube e Spotify, buscando EduML. De momento vou publicando os temas individualmente, pero proximamente quero sacar un EP.
Por que Ciencias Políticas?
Eu sempre quixen estudar Xornalismo, pero na PAU non conseguín a nota necesaria para entrar. Como segunda opción tiña Ciencias Políticas, unha carreira que tamén ten bastante relación coa comunicación e co feito de estar exposto diante das persoas. Como a política sempre me gustou, decidín probar. Polo de agora estame gustando bastante.
Tes pensado continuar con Ciencias Políticas ou aínda contemplas volver ao Xornalismo?
Ao principio pensaba que podía cambiarme a Xornalismo máis adiante, pero como Ciencias Políticas me está gustando, seguramente quede. Ademais, ten bastantes saídas. Quizais faga algún máster despois, pero tampouco son unha persoa que planifique demasiado a longo prazo.
Supoño que vives en Santiago mentres estudas a carreira?
Non, non conseguín atopar piso, así que teño que ir e volver todos os días. Vou de luns a venres, dependendo dos horarios, en tren ou en autobús. É bastante tempo de desprazamento.
Está tan complicada a vivenda ?
Si, moitísimo. En Santiago hai arredor de 20.000 estudantes e a oferta de residencias é moi limitada, só hai 1.000 prazas. Hai moi poucas prazas para toda esa xente, así que a maioría ten que buscarse a vida. Ademais, cada vez é máis complicado atopar pisos completos para compartir entre varios amigos. Agora a oferta céntrase moito máis en habitacións individuais e sae moito máis caro.
De que prezos podemos estar falando?
Estiven mirando en diferentes páxinas e as habitacións andan arredor dos 400 ou 500 euros ao mes. É bastante caro. Nas residencias, polo que sei, os prezos son máis razoables, entre 200 e 300 euros, pero conseguir unha praza tampouco é doado. Hai que estar moi atento e facer a solicitude no momento preciso e con moita antelación.
Como afrontas os gastos da universidade e os desprazamentos?
Axúdanme os meus pais e tamén utilizo os ingresos que vou conseguindo coa música. Como xa dixen, non son fixos, pero as actuacións permítenme ter algo de independencia económica.
Cando remates os estudos, como ves o teu futuro? Preocúpache poder independizarte?
A verdade é que o tema da vivenda está moi complicado. Eu teño a sorte de que probablemente herde unha vivenda familiar, aínda que teño un irmán, pero se tivese que alugar ou comprar unha casa para independizarme, véxoo moi difícil.
E cara a onde che gustaría orientar a túa vida?
Eu sempre a considerei a música como un hobby pero este ano estiven preparando o acceso ao grao profesional. Dar clases é algo que sempre me gustou; de feito, o ano pasado xa estiven dando clases de percusión nun grupo. Se tes a formación profesional, tes máis facilidades para poder traballar nunha escola de música. Agora teño que facer seis anos de profesional no conservatorio e despois podería continuar co grao superior en Vigo ou dedicarme á docencia en escolas de música.
A miña intención é combinar a carreira musical coa carreira universitaria. Non quero renunciar a ningunha das dúas cousas.
Tamén, no futuro, gustaríame traballar na política, concretamente no ámbito municipal. Non me vexo necesariamente como alcalde, pero si traballando para a xente desde un concello. Interesaríame especialmente unha concellaría de Cultura ou de Deportes, porque son dous ámbitos que sempre me gustaron.
O da cultura xa sei de onde che ven, pero o deporte?
Eu era deportista, xogaba ao fútbol ata hai dous anos.
Xogabas, que pasou?
Deixeino por varias razóns. Por unha banda, a música xa me ocupaba bastante tempo e non podía compaxinalo todo. Ademais, ao final de tempada tiven unha lesión no xeonllo que me deixou unha dor crónica e que me dificulta volver xogar.
Entre a carreira, os desprazamentos, os ensaios, os concertos e a formación musical, queda tempo libre?
A verdade é que non demasiado. Sempre fun dos que estudan bastante á última hora porque ando metido en mil cousas. Ao final, entre as horas de clase, os desprazamentos e todas as actividades, tampouco queda moito tempo para estudar ou descansar.
