A Clínica xinecolóxica Camelias achégase aos 30 anos de vida sendo referencia de rigor e profesionalidade na medicina galega

María Teresa González Suárez Clínica xinecolóxica Camelias

Na cidade de Vigo, na Praza América número 2, nos edificios do Centro Comercial, está a Clínica Camelias de xinecoloxía e obstetricia ( 986238487). A clínica foi fundada en 1994 pola doutora María Teresa González Suárez, e na actualidade aténdea ela mesma xunto con outras tres xinecólogas. María Teresa é natural de Ourense pero leva desde nena vivindo en Vigo. Estudou a carreira de medicina en Santiago e fixo a especialidade de xinecoloxía en Madrid. Comezou a exercer a súa profesión en 1987, e eu que a coñezo desde os azuis e luminosos días da infancia voume permitir chamala Maite, para dicir que foi un pracer para min conversar con ela despois de tantos anos, e coñecer un pouco máis o seu traballo.

María Teresa González Suárez, médica xinecóloga de Vigo.

Por que quixeches estudar medicina?, Tiñas antecedentes na familia?

Non, non teño ningún antecedente familiar . E non sabería dicirche o motivo que me levou a este mundo. Só sei, que eu desde moi pequena xa tiven claro que quería ser médica.

Ti estudaches a carreira nunha época de especial efervescencia política, en plena transición. Que recordos tes da túa vida universitaria na Compostela da segunda metade dos anos 70 ?

Marabillosos. Eu comecei a miña carreira nun tempo de extraordinarias tensións sociais e políticas. No ano 1976, cando cheguei a Santiago, a universidade era un fervedoiro no que as inquedanzas por participar naquel momento de tanta transcendencia histórica eran máximas . Colleume tamén o 23 F en quinto de carreira. Recordo aos meus compañeiros pegados á radio mentres eu estudaba porque tiña un exame de cirúrxica ao día seguinte. En calquera caso a época universitaria é un momento especialmente bonito da vida, que só o valoras na súa xusta medida co paso do tempo.

En que ano terminas a carreira?

No ano 82, seis anos de carreira. Despois aprobo o MIR e voume a Madrid, ao hospital 12 de Outubro a facer a especialidade de xinecoloxía, que dura catro anos máis.

Por que escolliches xinecoloxía?

Porque me gustaba. É unha medicina especializada para mulleres, pacientes sas, no inicio da vida. Non no final da vida, como pode ser unha oncoloxía, con pacientes moi enfermos.

E neses catro anos de especialidade xa exerces?

Si, empezas como residente, traballas moitísimo, en urxencias e pasando consultas. Aprendes moi rápido. As cirurxías van progresivas, empezas con cousas pequeniñas, o primeiro ano, e logo segues avanzando.

Fixécheste médica-xinecóloga nunha época na que a represión moral do nacional catolicismo era abafante para todos, e en especial para as mulleres. Nas túas primeiras pacientes non notabas certo pudor ao ter que falar contigo das súas circunstancias íntimas?

Non, a verdade é que non tiven esa percepción. Instaleime en Vigo, abrín unha clínica na rúa Urzaiz, ao terminar a especialidade en Madrid. A clínica monteina cando naceu o meu primeiro fillo no ano 87. Eu fun a primeira muller en montar unha consulta privada de xinecoloxía en Vigo. Tamén traballaba para Fátima facendo cirurxías e partos en sanidade privada.

Que tal acollida tivo a túa primeira clínica?

Tivo unha acollida extraordinaria .Eu mesmo quedei moi sorprendida, á vez que agradecida do recibimento tan bo que tivemos. As mulleres que acudían á miña consulta dicían: “que ben, unha muller xinecóloga”. No hospital había máis médicas xinecólogas, pero en consulta privada externa ao hospital non. Estiven alí ata 1994, ano no que inauguraron os edificios da Praza América nos que teño a consulta na actualidade.

Como ten que localizarche unha paciente que queira ter cita na túa consulta?

Clínica Camelias é o nome da miña consulta. Teño unha páxina web da clínica www.clinicacamelias.com onde están os teléfonos e medios de contacto para solicitar unha consulta, e teño outra web miña que se chama María Teresa González Suárez. Na actualidade somos 4 as xinecólogas que traballamos na clínica, e estaremos encantadas de atender a calquera muller que necesite atención xinecolóxica e queira vir a coñecermos.

Cambiou moito a tipoloxía de pacientes nestes 35 anos que levas de profesión?

O que cambiou é que agora temos menos embarazos na atención privada. Nos anos 90, a atención pública nos embarazos era máis deficitaria. Agora é moi boa, avanzou moitísimo.

A partir de que anos é recomendable que unha nena acuda a xinecoloxía?

Se non ten problemas coa menstruación a partir do momento que empeza a ter relacións sexuais.

E cada canto tempo é bo facerse unha revisión xinecolóxica?

Aquí varía coa idade. Coas mozas falamos de métodos anticonceptivos e da vacina do virus do papiloma humano (VPH) que prevén o único cancro producido por un virus. Esta está no calendario vacinal, ten dúas dose e ponse aos 12 anos. Como profesional recomendo a todas as mozas que a poñan.

Na mediana idade debería facerse unha revisión anual para previr cancro de pescozo de útero e na menopausa seguimos coas revisións anuais e falamos de recomendacións e coidados de saúde.

Ata que idade tes pacientes?

Teño señoras de 80 anos. É bo seguir facendo unha revisión anual, ningunha franxa de idade está libre de ter un cancro de útero.

Dirías que temos unha de educación sexual suficiente para poder axudar aos mozos e mozas a manter unhas relacións sexuais responsables?

Ufff. Os mozos crense que o saben todo cun acceso ilimitado ás redes sociais e Internet e isto é un problema. Non saben utilizar o móbil para estar ben informados. Vénme á cabeza unha paciente moi noviña, que viu a facerse unha revisión. Ofrézolle información sobre métodos anticonceptivos e rexeitouma, díxome que non facía falta. 6 meses despois chegou embarazada á miña consulta.

A información sexual aos nosos mozos é deficitaria e está pervertida pola pornografía. Creo que este é un enorme problema cuxo consumo dificulta ter unha visión responsable e realista das relacións sexuais. A pornografía incita á práctica da violencia sexual. Esta forma de ter sexo é totalmente denigrante para as mulleres, e coloca tanto a nenas como a nenos en roles que non coñecen porque aínda non tiveron unha relación afectiva que leva ao comezo dunha relación sexual. Isto pervértelles completamente a idea do sexo.

Houbo épocas que dei charlas sexuais a adolescentes de 14 anos nalgúns colexios. A educación sexual debe ser moito máis relevante nos planos de estudo,do que o é na actualidade.

Entón, consideras que non é suficiente a información sexual que teñen os nosos mozos?

Teño dúbidas sobre isto, pero non debe de selo porque seguimos tendo embarazos non desexados e abortos en mozas moi novas. Eu aínda teño pacientes que non deixan de ser unhas nenas e que aínda teñen eses problemas

Rematamos Maite: Ti tes un fillo e unha filla. Algún dos dous fixo como a nai e tirou pola medicina?

Pois non, ningún dos dous.