A asociación Alén Nós de Redondela: 28 anos tecendo país

asociación Alén Nós de Redondela
Tino Lago e Marcos Santos

Alén é unha fermosa palabra que pode ser empregada tanto con función de adverbio como de preposición. Nos dous casos ten un significado parecido que non todo o mundo ten capacidade para poder facer efectivo, xa que non todos os seres humanos posúen a capacidade para ver alén , para ollar máis alá das características ou circunstancias persoais. Así pois teño observado con abraio , perplexidade e estupor como unha parte salientable das persoas tenden a universalizar o particular facendo categoría da súa propia visión da realidade, ou o que é peor: dos seus propios intereses persoais.

E si, Alén Nós existe un país que se chama Galicia. Alén Nós existe unha comunidade de persoas que compartimos un certo grado de conciencia colectiva artellada arredor dunha lingua, unha historia, uns costumes, unha tradición, unha cultura e un espazo físico común. É o que os teóricos do romanticismo alemán chamaron “Volksgesist”: a nación independente das distintas conxunturas políticas.

A nación galega foi forxada ao longo de centos de anos por xeracións anteriores á nosa que viviron, morreron, sufriron, gozaron, riron, choraron e amaron en Galicia e en galego. A conciencia colectiva de sermos un pobo de seu foi fraguada desde a noite dos tempos e existe na psique colectiva das e dos galegos, incluso no subconsciente dos que renegan dela que tamén piden un viño ou un queixo do país.

Cando a un país como o noso os camiños da vida o levan a se integrar nun estado que como o español se constrúe de maneira asimétrica, pondo a unha das nacións que o integran por riba das outras, e é sometido a unha brutal presión política, que en ocasións chegou a superar en quilómetros de distancia as fronteiras do disparatado ao trataren de vender que en Galicia se impón o idioma galego, pode correr o risco de que desapareza. Pode acontecer que a vontade colectiva de constituírmos unha mesma comunidade quede reducida á insignificancia. En Galicia aínda non chegamos a esa fase grazas á imparable forza da sociedade civil organizada, grazas a colectivos como Alén Nós de Redondela cuxo traballo, compromiso e lucidez penetra no máis profundo da alma de A Nova Peneira e fainos erguer de maneira metafórica a nosa copa para brindarmos por 1.000 primaveras máis para Alén Nós.

A asociación foi fundada en 1996 e foi presidida ata o ano 2000 por Xosé Couñago. Nese ano e nos 23 seguintes o seu presidente foi Roberto Jablonki. Na actualidade a directiva da asociación está presidida por Sonia Álvarez á que acompañan na xunta directiva: Andrés Couñago,Óscar Benavides, Victor Fuentes , Gonzalo Balo e David Martínez.

Os fins da asociación son:

a) A defensa do patrimonio arqueolóxico e a arquitectura popular, a súa divulgación e colaboración coas entidades públicas e privadas para a súa conservación.

b) A promoción da cultura popular rescatándoa do esquecemento e revitalizando aquelas manifestacións que polo paso do tempo foron esmorecendo pero que aínda permanecen vivas na memoria das xentes.

c) Edición de publicacións e folletos de carácter divulgativo.

d) Organización de exposicións.

e) Divulgación da música polar galega.

f) Propiciar a creación dun museo etnográfico en Redondela e a reconstrución dos muíños para dedicalos a exposicións permanentes…

Malia que á hora de valorar ás persoas e circunstancias que se me cruzaron na viaxe da vida eu son seareiro, moi seareiro, de Kant “ A moralidade non depende do contido dos actos senón da vontade dos suxeitos axentes” todos temos o noso corazonciño e gústanos que o noso traballo dea resultados. E abofé que no traballo de Alén Nós non faltaron os resultados. Así por exemplo:

-Museo Monte Penide

-Creación da Festa dos Fachos e Recuperación do Monte da Peneda

-Creación do Museo Etnográfico de Redondela.

-Salvar da piqueta ao Cemiterio dos Eidos. O alcalde Xaime Rei quería trasladalo a Mañó e no lugar construír un parque

-Distintos estudos e traballos sobre a toponimia das comarcas das terras de Redondela.

A incansable forza de vontade de Alén Nós levoulles a insistir en numerosas ocasións para poder teren unha xuntanza de traballo coa administración local de Redondela, que semella que se concretará nos próximos días. As preocupacións de Alén Nós, que pretenden tratar co goberno de Redondela son moitas e moi diversas:

-Pór en marcha un traballo de toponimia iniciado n 2012 e aparcado polo desleixo dos sucesivos gobernos

-Adaptar os pictogramas dos edificios públicos á ordenanza municipal, a Lei de Normalización e ao propio estatuto de Autonomía

-Tratar de recuperar a web de Monte Penide Prehistótico

-A posibilidade de que o Concello edite para a súa difusión a partitura musical “ A REBORAINA”

-A reposición da placa instalada polo Concello no ano 1987 na fachada da Capela de San Simón “ A Mendinho poeta do amor……….” que seica está na actualidade na sancristía da capela

-O coidado e conservación do cemiterio dos Eidos

-Ser informados do estado da construción do Museo de Historia e Etnografía de Redondela

-Tratar de que o Concello se implique coas comisións de festas co propósito de promover a posta en valor da nosa cultura e dos nosos sinais de identidade en cada celebración parroquial.

E así, como a viaxe de Ulises a Ítaca , enfrontándose a continuos obstáculos e pedras no camiño, é o eterno camiñar de Alén Nós e de todas as persoas e colectivos que amamos ao país galego: unha viaxe na que a meta é que a conciencia colectiva de sermos un país de seu poida seguir vivindo miles de anos máis nas futuras xeracións do noso pobo: o pobo galego.