Nas últimas eleccións municipais todo parecía apuntar a que o BNG acadaría, por primeira vez na súa historia, a alcaldía da Guarda. A fin de ciclo socialista era evidente para calquera que se tomara a molestia de patear minimamente as rúas da localidade. Pero os dous concelleiros que perdeu o grupo socialista foron para os populares, o segundo por menos de 20 votos, e así ,con inmensas doses de fortuna, este concello caeu nas mans do PP tras asinar un estraño pacto cun concelleiro que presuntamente representa á ultra esquerda guardesa.
Cada vez que os camiños da vida me levan a parar na fermosa vila de A Guarda non podo evitar lembrar cun sorriso e certa tenrura, á localidade natal do voceiro parlamentar do PPdeG, Alberto Pazos, Redondela. Nesta localidade houbo un pacto de goberno no que o BNG investiu a unha alcaldesa socialista. Unha das condicións do pacto era que o BNG puidese dispoñer dunha persoa de confianza contratada. E o PP desenvolveu unha fortísima campaña contra ese pacto, acusando á alcaldesa de Redondela de “ comprar o seu posto” cos cartos do Concello. Si, o mesmo PP que na Guarda asina un acordo cun suposto republicano de ultra esquerda ao que lle dá cargo e soldo.
Na anterior edición da nosa publicación coñecemos a valoración da voceira socialista Fátima Rodríguez, acerca do estado das cousas na Guarda, e hoxe facémolo con Anxo Baz o líder dos nacionalistas.
Sobre Anxo quero dicir o mesmo que xa dixen algunha vez: non sei, porque non teño a capacidade de ver o futuro, se algún día será alcalde de A Guarda, pero si sei , porque coñezo ben as súas cualidades humanas e a súa valía intelectual, que se algún día a maioría da sociedade guardesa o distingue coa súa confianza nunca lla vai retirar.
“A Guarda ten un alcalde ausente,mentireiro e opaco”
1 ano e 3 meses despois de iniciado o mandato cal é a valoración do BNG sobre o goberno do alcalde Roberto Carrero?
A Guarda ten un alcalde ausente, limitado, non cumpridor, mentireiro e opaco.
Ausente por que?
Un alcalde debe de estar para atender á veciñanza sempre, e cando se trata de asuntos de certa relevancia non pode non estar de ningunha das maneiras. A administración municipal ten que estar para resolver os problemas que afecten á veciñanza e por poñer un exemplo: con algo tan sensible como os numerosos erros do catastro, o alcalde non pode tardar, como tardou, 13 días en recibir á comisión de afectados e afectadas.
Opaco por que?
Eliminou as retransmisións dos plenos desde que chegou ao goberno.
Mentireiro por que?
Seguindo co asunto do catastro: el prometeu que en 10 días tería lista unha oficina técnica para axudar á veciñanza con este tema. A día de hoxe ( 10/07), 20 días despois, aínda non sabemos nada da devandita oficina.
Hai numerosos exemplos en relación ao seu pouco respecto á verdade. Podería citar tamén que hai poucos días acabamos de aprobar con cargo ao remanente de crédito do orzamento do ano pasado, unha partida para mellorar a senda peonil entre o porto e a desembocadura do río Miño. É dicir o que manifestou sobre que non había cartos era falso. Si os había.
A suposta catástrofe na que este goberno manifestou atopar as finanzas municipais, cando chegaron, era entón unha mentira do PP?
Si, era unha trola. Cando manifestaron esa suposta situación catastrófica das finanzas do Concello, en realidade estaban a agochar as súas eivas e limitacións cunha mentira.
Explícanos como está a situación do conflito do catastro?
É unha actualización, que se está a facer, e que parece que se precisaba no sentido de que é necesario regularizar o que estivera irregular. Pero non se está a facer ben, hai numerosos casos nos que non se axusta á realidade. Coñecemos veciños aos que se lle duplica o número de metros que teñen, aos que lle poñen na súa propiedade fincas que non son súas….e numerosas incidencias que en ocasións obrigan a que haxa veciños que teñan que pagar do seu peto un topógrafo para que lles axude a amañar, facer reclamacións….
O volume de incidencias é numeroso?
Si, si que o é. O BNG achegouse ás parroquias e lugares e comprobou que son moitas as persoas que sofren este tipo de serios problemas. De feito á moitos veciños non lles é posible atopar un topógrafo porque os que hai están desbordados pola grande cantidade de erros e eivas que existen.
En relación ao que me contabas dos cartos do remanente para mellorar a senda peonil entre o porto e a desembocadura do río: por que se vai facer esa actuación?, en pleno verán está tan mal esa senda?
Si, está en moi mal estado. Non só esa senón máis infraestruturas. En xeral a actuación do goberno en relación co mantemento, limpeza e roces é moi deficiente. E no caso deste alcalde iso é moi grave pois cando estaba na oposición, ao carecer de proxecto de vila, botou man de maneira sistemática deste tipo de eivas.
Refíreste aos seus famosos vídeos?
Si, a iso me refiro. El é plenamente consciente das limitacións que ten unha administración municipal e cando estaba na oposición fixo o que fixo e agora estáselle volvendo en contra.
Como foi, ao tru xuízo, a recente festa da Langosta?
Esta é unha das festas máis importantes da Guarda. Hai tempo que funciona ben .Pero baixo o meu punto de vista debemos darlle un plus de calidade no sentido de que ,neses días, A Guarda está tan ateigada que hai xente que ven comer ou a gozar da festa e non pode facelo. O modelo de turismo de masas que só busca traer milleiros de persoas en datas concretas non é o modelo do BNG.
Ese modelo de turismo de masas afecta á calidade de vida da veciñanza de A Guarda nos meses de verán?
Si, indiscutiblemente si. E cada vez é máis notorio. Afecta en moitas cuestións, non só no día a día, que tamén, senón en aspectos moi graves como por exemplo o acceso á vivenda.
Para un mozo ou unha moza da Guarda que se queira independizar é complicado acceder a unha vivenda digna a prezos razoables.?
Dicir que é complicado é ser moi optimista. Non é posible atopar vivendas en alugueiro a prezos razoables, o que obriga a moitos mozos e mozas a non ter outra opción que marchar a vilas veciñas.
A conexión con Caminha por transbordador segue sen arranxarse?
Eu no último pleno pregunteille ao alcalde cantos veciños utilizaron a solución que el vendeu a bombo e prato ,o chamado “ Xacobeo transfer”, e non soubo contestarme.
En que consiste ese servizo?
Comezou sendo dúas lanchas eléctricas coa promesa de que unha delas ía cambiarse por unha embarcación máis ampla, pero as lanchas acabaron por marchar a agora temos dúas planadoras como poden ser as que traballan no río para a campaña da lamprea ou da angula.
Sabemos se este goberno ten a intención de facer algo na finca de Fínola?
Este goberno non ten proxecto de vila e en consecuencia tampouco desenvolve ningún plan para chegar a acadar obxectivos que non ten. Só se limita á xestión do día a día, e moi atento ao paso que lle marca ao BNG. Polo tanto das cousas que non lle interesa que se fale, porque carece de proxecto para elas, non fala. Esta finca pola que me preguntas é un dos asuntos dos que non fala.
De que outros asuntos non fala?
Do novo acceso ao porto, da conexión Caminha A Guarda ou do estado da sanidade por exemplo.
Como valoras o funcionamento das concellerías comunistas deste goberno do PP?
Vemos como agora, o concelleiro ao que te refires, saca peito da reforma do pavillón, algo polo que no seu día votara en contra. Por outra parte neste ano non moveu ficha no tema do auditorio municipal, e tampouco ten redactado un proxecto de reforma integral da piscina o que pon en risco unha subvención de 1.500.000€. Un ano en branco, peor que en branco diría eu. A renuncia a dúas subvencións, unha de memoria histórica e outra para cuestións lingüísticas , fala ben as claras de en que tipo de mans están esas concellerías.
Como está a saúde interna do BNG da Guarda?
Creo que no mellor momento da historia do BNG da Guarda, polo menos no mellor momento da súa historia recente. O PP tivo moita sorte , se nas últimas municipais tivera tido 18 votos menos tería perdido un concelleiro e non lle daría para ter a alcaldía.
Só 18 votos separaron ao BNG da alcaldía da Guarda¡¡¡ e non foi frustrante para ti?
Home, estar tan preto e non chegar decepciona, claro que si. Pero eu prefiro quedarme na visión positiva de que estamos no camiño correcto. O BNG é alternativa seria, solvente e rigorosa á falta de modelo e de proxecto do PP. Nós si o temos e seguiremos batendo sen pausa ata chegar a conquistar a maioría dos corazóns da sociedade guardesa.
