Soraya Domínguez Portela
Docente de ensino secundario
Membro do Consello Local do BNG do Porriño
Os resultados electorais de Inglaterra e de Francia móstrannos que están chegando novos aires na política internacional. Son novos aires produto da evidencia de que o populismo simplista non é un bo goberno. Palabras sen contido, formas despóticas bañadas de autoridade e fotos e máis fotos sen límite non son sinónimo de rexer con criterio.
Como contraste co dito, no Porriño estamos a vivir un momento no que a imaxe parece querer ocupar o lugar da xestión. Cada día erguémonos con Alejandro Lorenzo nunha nova foto, teña a ver o tema que se está a presentar con unha acción de goberno ou non a teña. Nesa febre da imaxe colocou como un dos seus centros de atención o sistema educativo.
A formación dunha ou dun rapaz é o resultado do compendio da suma de moitas forzas para conseguir ese fin. En primeiro lugar, está o esforzo da ou do estudante; logo está o traballo dos distintos equipos docentes de cada un dos seus anos lectivos, que sempre están para buscar aquelas alternativas ou liñas que mellor poidan axudar, de forma individualizada, a cada unha das e dos estudantes. E, finalmente, o crucial acompañamento e axuda da familia. Por iso, tentar simplificar todo isto nunha foto, ademais, interesada e así apropiarse, dalgunha maneira, dese esforzo é unha actitude, cando menos, reprobable.
Ultimamente, vimos como Alejandro Lorenzo levaba ó despacho da Alcaldía a diferentes estudantes que conseguiran algún tipo de logro, segundo o seu criterio. O primeiro dos casos tivo como razón de escolla unha cuestión racial: presentou un mozo como o primeiro estudante cigano que alcanzaba a formación profesional no noso concello. Segundo se nos indica no texto de acompañamento da imaxe, este estudante está no primeiro curso de FPBásica. Esta é unha liña formativa para a obtención da ESO que consta de dous anos lectivos. Ofértase a aqueles ou aquelas rapazas que así o desexen e que teñan o consello do equipo docente para facelo, pois consideraron que é a mellor opción para o seu caso. Como está no primeiro curso de dous, aínda non rematou esta formación, polo que non se entende a urxencia desta foto. Tampouco se xustifica porque signifique un fito dentro da súa comunidade. Antes de que chegase Alejandro Lorenzo á alcaldía, unha estudante cigana do mesmo centro educativo obtivo o título da ESO e ninguén lle fixo unha foto para expola de ningunha maneira innecesaria.
Na seguinte foto aparece unha moza polos seus resultados na ABAU. É porriñesa, mais non estuda no Porriño. É, por engadido, filla dun membro do equipo de goberno de Alejandro Lorenzo, o que espero que non regulase a súa escolla. En contrapartida, neste curso académico, cinco mozas e mozos estudantes dos centros do Porriño recibiron o recoñecemento como excelentes no acto oficial que a Consellería de Educación denomina MEGABAU. Alí van aquelas rapazas e rapaces que obtiveron unha cualificación sobresaliente no bacharelato e na ABAU. Tres destas persoas estudaron no IES Ribeira do Louro e dúas, no IES Pino Manso, os dous centros de secundaria non obrigatoria do Porriño. Este recoñecemento oficial non é suficiente para ser as e os escollidos para a foto? Esa foto ten algún sentido? Se o que desexa o alcalde é ter unha imaxe compartida coas e cos estudantes excelentes, teno moi fácil: o modelo xa está inventado. En diferentes concellos da nosa contorna, estes e estas alumnas reciben unha bolsa de viaxe ó estranxeiro para perfeccionar un idioma. É un exemplo.
A obtención do título da ESA na aula da UNED do noso concello nun tempo breve de preparación tamén foi criterio para unha nova foto. No IES Ribeira do Louro lévase anos e anos formando persoas adultas para a obtención deste título. Ata este curso, nese instituto desenvolvíanse tamén as probas por acceso libre para a obtención do título da ESO, é dicir, sen necesidade de asistencia a aulas regulares. En cada un deses anos lectivos, incluído o actual, alcanzaron esa titulación moitos e moitas fose vía cursando a formación presencial, fose presentándose ás probas libres. Por que este caso merece unha foto? É unha forma de desprestixiar unha formación e un centro que se creou no noso concello hai máis de 30 anos e que suma premios e recoñecementos constantes ó igual que todo o sistema público de ensino?
Se a xustificación destas fotos (e doutras que virán) está en facerlles un recoñecemento público ós éxitos persoais destas alumnas e alumnos, debemos recordarlle que, sexa cal for o criterio de escolla, vai ser sempre difícil de soster como un parámetro obxectivo. Hai numerosas mostras de excelencia que lle quedaron fóra da súa atención; por exemplo, neste curso académico hai tamén presenza porriñesa, por ser o seu lugar de residencia e tamén de estudos, dentro do grupo de adolescentes que gozarán das bolsas de Amancio Ortega para realizar un curso de bacharelato nos Estados Unidos de América. Pero a excelencia non o é todo.
Para moitas persoas, obter un título, sen alcanzar a referida excelencia académica, é un grande obxectivo e merecería mil fotos entón. Superar un contexto familiar complexo, problemas de saúde, situacións de inestabilidade emocional, dificultades cognitivas ou mil e un condicionantes é sempre, de per se, un logro excelso. Detrás de boas notas sempre hai esforzo; é innegable. Pero, ás veces, detrás dun aprobado, detrás de un conseguir vir todos os días ás aulas, de non renderse ou deixarse levar pola desidia ou a desmoralización é un esforzo maior; é un esforzo titánico.
O sistema educativo é moito máis complexo do que pode parecer dende fóra, dende un ollar externo. A sociedade debe tentar axudar e colaborar, pero sen querer levar protagonismo (ou coprotagonismo) ningún. O ollar debe estar sempre posto nas e nos estudantes e nelas e neles debe quedar.
