O Monte veciñal en man común é unha figura xurídica de enorme importancia no país galego. Nesta forma de entender a relación dos pobos coa terra , a propiedade dos montes non corresponde a ningún particular, senón que é unha propiedade colectiva, da veciñanza da entidade de poboación na que estea situado ese monte. A orixe da propiedade común dos montes non está moi clara, probablemente veña do período xermánico( o reino Suevo de Galicia), pero o que si se pode afirmar con certeza é que esta figura xurídica aparece rexistrada no S XIII no corpo normativo que posteriormente se chamou” As sete partidas de Alfonso X”, co que a súa procedencia ten que ser anterior a esa época e seguramente se perda nas brétemas da noite dos tempos.
A finalidade dos Montes Comunais é moi clara: O Ben Común. Están para que toda a veciñanza poida sacar partido dos seus recursos naturais.
A relevancia dos Montes comunais é especialmente significativa no sur de Pontevedra pero moi importante en todo o noso país, tanto é así que en Galicia existen arredor de 3.000 comunidades de Montes que abranguen sobre 700.000 hectáreas de terreo e atinxen a aproximadamente medio millón de propietarios e propietarias. Un de cada 5 cidadáns e cidadás de Galicia é comuneiro ou comuneira. Esta forma de entender a relación das persoas co seu entorno: O monte é para o ben común de todas e de todas, é algo que nunca se debera de perder, pois é ética e economicamente mellor para as maiorías sociais que se se permitise a entrada de especuladores e grandes propietarios.
Non é discutible que é máis xusto que os recursos naturais dun pobo beneficien aos veciños e veciñas de onde estean, que a calquera fondo de inversión que lle pretenda obter un lucro económico privado.
Xa que logo as comunidades de Montes en xeral, e aquelas que non se vendan aos intereses económicos de ninguén en particular, sempre terán do seu lado a este medio de comunicación.
E entre as Comunidades de Montes que merecen apoio, polo seu compromiso co ben común, polo amor á súa comunidade, polo seu respecto polo espazo natural, por estar firmemente chantadas neste país e polo seu traballo enorme en cantidade e en calidade, un lugar destacado no podio ocúpao a de Salcidos no concello da Guarda.
O pasado sábado 5 de outubro, nun día de intensa chuvia, de forte vento e de desagradable frío que convidaba a calquera cousa menos a subir ata o monte, máis de 100 persoas asistiron a un evento que celebrou a Comunidade de Montes de Salcidos co gallo de inaugurar un parque inclusivo no Monte Torroso.
Eu asistín ao acto que nin por asomo agardaba fose da dimensión que foi. Abraiado e nalgún momento ata emocionado contemplaba como no medio das brétemas do día outonal , case invernal, chegaban máis e máis comuneiros e comuneiras. Persoas de todas as idades : maiores,moi maiores, novas, moi novas e tamén nenos e nenas. Si, a semente que ha de agromar para que os montes comunais de Salcidos poidan lucir 1.000 primaveras máis eternamente comunais.
O acto foi moito máis que a inauguración dun parque: foi a expresión colectiva dun pobo que berrou con orgullo: O monte é noso, foi dos nosos avós e avoas e seguirá sendo das fillas dos nosos fillos.
E o evento en si foi absolutamente precioso, pois constou dun recital poético de poetas de primeiro nivel como Marga Doval, Manuel Caride ou o noso amigo e comuneiro de Salcidos , o grande Francisco Álvarez Koki e unha actuación musical dun dúo local, Edu e Toñi, que fixeron as delicias de todas as persoas que alí estabamos.
O día rematou cunha espectacular comida, amenizada por un grupo de música tradicional, na que o porco ibérico foi o protagonista principal e na que é obrigado salientar a xenerosidade do comuneiro, tesoureiro da comunidade, Xabier Vicente, un dos que sempre está , un dos que nunca falla e polo tanto un dos imprescindibles.

Nós conversamos con Benito, o secretario da Comunidade de Montes. Velaí van as súas palabras para pechar esta reportaxe.
Benito Lomba Secretario da Comunidade de Montes de Salcidos.

“ Toda a xunta reitora da Comunidade de Montes está profundamente agradecida e emocionada pola resposta do pobo de Salcidos”
Cal foi o motivo de terdes construído este parque?
Ofrecerlle unha alternativa de nivel ás persoas , tanto veciñas como visitantes, que decidan visitarnos para gozar do seu lecer neste fermoso monte. Houbo distintas propostas e finalmente decidímonos por este proxecto, que foi elaborado pola enxeñeira Maruxa Lago á que toda a xunta reitora queremos recoñecer o seu traballo.
Cales son os criterios fundamentais que presidiron esta actuación?
Non só nesta, senón en todas:O respecto á contorna e a sensibilidade ecolóxica.
Alén deste parque descríbeme a modo de exemplo algunha outra actividade relevante que desenvolvera esta xunta reitora?
Plantamos 80 árbores autóctonas
Que árbores?
Sobreiras, acivros, érbedos…..Tamén trataremos de manter a todas as plantas autóctonas. E asemade fixemos unha charca para anfibios de 120 metros cadrados na que xa hai ras, sapos e tritóns. A verdade é un espectáculo precioso nas tardiñas nas que hai bo tempo.
Por que lle chamades parque “inclusivo”?
Pois porque está a adaptado para que igualmente o poidan utilizar as persoas con discapacidade. Tamén quixera salientar que está todo feito con materiais reciclados. Incluso os muros de pedra que fixemos son con pedras recicladas
Hoxe vai moita brétema e non se pode apreciar, pero teño a sensación de que as vistas desde aquí deben de ser moi bonitas?
Son máis que bonitas. Son espectaculares. Convido a quen non as coñeza a que se achegue a coñecelas porque paga a pena.
Malia que o clima non acompaña en absoluto a asistencia é impresionante. Eu estou abraiado
Toda a xunta reitora da CM estamos emocionados e moi agradecidos pola resposta do pobo de Salcidos, si, indiscutiblemente si. A propia construción do parque non sería posible sen o traballo xeneroso dos comuneiros.
Supoño que alén de traballo tamén faría falta financiamento. Como se puido financiar?
A parte máis importante foi unha subvención de máis de 60.000 € do GDR.
A subvención pedístela vós?
Si, e foi grazas ao proxecto que nós fixemos , que nós presentamos e que obviamente tivo que lles resultar atractivo.
Foi difícil facer o proxecto?
Foi máis difícil levalo a cabo. Como pasa en todo este tipo de cousas; sempre van aparecendo distintos atrancos polo camiño.
Dicías que a parte máis importante do financiamento foi o GDR , e o resto?
O resto financiouno a CM.
Apoiouvos en algo o concello?
No asfaltado da pista que leva ata aquí, si.
