Soprarei e soprarei e a túa casa derribarei

Marta Rodríguez Márquez Secretaria do PP de A Cañiza
Marta PP A Cañiza

Outubro é un mes “dez”. O cambio de estación, as choivas, as riadas, o vento, os furacáns, os caleiros rotos, as tellas nos capós dos coches, follas e ourizos dos castaños cubrindo as estradas, árbores arrincadas ocupando os carrís das autovías, hortas desfeitas, a froita de tempada podre… se estás lendo isto, de seguro xa colliches a ironía.

Despois de tanto incendio, parece un “chiste” toda a auga que leva caído, así, sen máis. Sen que ningún helicóptero ou avioneta tivera que achicar ningunha balsada de auga.

Entre lumes e temporais, as nosas vivendas xa sofren o seu. Se abriches a carteira primeiro e tes un bo seguro, xa vas contento. Resignado, pero contento. Se non, a carteira terala que abrir despois.

A natureza, que non perdoa.

Pero iso non é todo. Outubro é un mes que moitos de nós non queremos que se apure en chegar. E que ata nolo anuncia o concello, xa no mes de Setembro! Quen non recibiu esa mensaxe no teléfono móbil? “O vindeiro día “x” do vindeiro mes de Outubro, cargaráselle na súa conta bancaria o recibo correspondente ao IBI”. Marabilloso! De repente un calafrío de pracer percorre o noso corpo coa emoción. Aquí a segunda ironía. E volta a abrir a carteira!

E este ano con suplemento!, para cubrir as falcatruadas de catro coitados sen ningunha mala idea. Terceira ironía.

Xusto cando máis revalorizada está a vivenda no noso concello! Se mercaches unha vivenda hai dez anos e a vendes agora, podes gañar ata un cincuenta por cento máis! Cuarta ironía.

É normal esa revalorización espectacular: abren cada día máis locais, a hostalaría medra exponencialmente, ao padrón municipal xa case non lle quedan follas para seguir anotando xente (de forma legal eh! nada de amaños para sumar votos nas eleccións, ou para outros menesteres…), as rúas nunca estiveron máis limpas e os servizos son moi variados e baratos… Quinta ironía.

E mentres, nós, ti e máis eu, coma os tres porquiños. Esperando agochados nun recuncho, mentres o lobo do señor rexedor municipal, vai polas portas das nosas casas, berrando: ¡ soprarei e soprarei, e a túa casa derribarei!

De todas formas, podedes estar tranquilos, porque Outubro tamén é o mes no que se van a aprobar máis subidas de taxas municipais no pleno da nosa vila. Téñeno que facer rapidiño, non vaia a ser que se lles pasen os prazos e non poidamos seguir contribuíndo a tempo con todas as melloras que se están levando a cabo en cada recuncho do término municipal. Sexta ironía…

A verdade é que non podemos estar en mellores mans, e aquí remato coa última ironía polo de agora, porque deixando os contos infantís a un lado, a realidade é que levamos un ano pagando máis impostos ca nunca, incluso taxas novas que nunca antes se tiñan pagado, nun momento no que a vivenda se atopa nunha fase de depreciación sen precedentes, por mor da falta de servizos (que xa nin punto limpo temos!) e da falta de mantemento total das nove parroquias, entre outros moitos motivos.

Xa non pagamos impostos e taxas para manter e mellorar servizos nin infraestruturas. Agora facémolo para tapar as artimañas do goberno local, que se queixa permanentemente dunha situación económica nefasta, que casualmente afecta a todas as instancias, exceptuando os soldos destes gobernantes traballadores e involucrados coas necesidades dos veciños e que tan ben nos amparan. Ironía? É moi probable…

Contra as desgrazas dos desastres naturais non podemos facer nada, pero… tendo lobos sopradores de petos, aínda queda alguén a quen lle guste que lle sigan contando contos? Ironía? Asegurada.