O pasado 5 de novembro, o Tribunal Supremo emitiu unha resolución que pon de manifesto os abusos da empresa STELLANTIS VIGO en materia de conciliación da vida laboral e familiar. A resolución, que confirma a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, non só declara a inadmisión do recurso presentado por Stellantis, senón que tamén reafirma o dereito incondicionado das traballadoras e traballadores á modificación da xornada por estes motivos de conciliación, sen intromisións empresariais.
A situación xurdiu cando unha traballadora de Stellantis solicitou a ampliación da súa xornada reducida do 50% ao 62,5% para poder adaptarse ás novas necesidades familiares, en concreto, para poder conciliar o seu horario laboral co coidado do seu fillo. A empresa, sen razóns xustificadas, denegou esta petición, alegando que a traballadora non se acollía aos sistemas de conciliación aprobados, que, como xa se demostrou, só responden aos intereses empresariais e non ás necesidades reais das persoas traballadoras. A empresa argumentou que a solicitude non se axustaba ao convenio colectivo, mais o Tribunal determinou que tal argumentación carecía de fundamento e que a empresa non xustificou debidamente a imposibilidade de aceptar a modificación do horario.
O Tribunal Supremo, ao revisar o caso, deixou claro que a empresa non pode negar a redución de xornada sen realizar un estudo ponderado das circunstancias. A sentenza reitera que a negativa da empresa non só incumpre o dereito legal de conciliación, senón que tamén infrinxe o dereito á non discriminación por razón de circunstancias familiares.
Ademais ratificase a indemnización de 6251€ por vulneración de dereitos fundamentais, e a condena a aboar as cantidades deixadas de percibir, por non poder ampliar a súa xornada as 5 horas e dende o momento da solicitude, o que supón 267.56€ por cada mes, dende febreiro do 2021 ata a actualidade.
Para a CUT “a mercantil está abusando de tales acordos voluntarios para impedir calquera outra fórmula de conciliación e impedir que as traballadoras e traballadores da empresa reduzan libremente o seu horario segundo as súas
necesidades para facerse cargo dos seusmenores e maiores, nun acto de obstrución dos dereitos de conciliación sen precedentes, moito menos nunha empresa das dimensións e coas posibilidades de adaptación da Stellantis”.
É inaceptable que, en pleno século XXI, empresas como Stellantis continúen obstaculizando os dereitos laborais fundamentais das súas traballadoras.
Dende a CUT vemos absolutamente lóxico que se comecen a ditar sentenzas en contra do plan de igualdade da antiga Citroën, pois como xa denunciamos en varias ocasións, é un plan discriminatorio, arbitrario e só contempla as necesidades da empresa para darlle a mínima cobertura legal, que xa se está a demostrar insuficiente.
Este plan de igualdade apoiado por unha maioría da representación social, demostra que nas negociacións, esa representación social non pensa nas necesidades das persoas, só o fai nas necesidades da empresa, sendo unha parte cómplice destes abusos.
Esta situación debe ser un punto de inflexión para a empresa, que debe asumir a súa responsabilidade e comprometerse a crear un ambiente laboral que priorice a conciliación da vida laboral e familiar.
