Gonzalo Caballero Ex Secretario Xeral do PSdeG

Gonzalo Caballero

A poucas semanas de que o PSdeG celebre o seu congreso conversamos con Gonzalo Caballero, o anterior SX, para coñecer a súa valoración acerca da situación na que se encontra a organización política na que el leva 30 anos militando e da que foi SX. Gonzalo foi apartado, despois dun só mandato, nun estraño proceso impulsado pola dirección federal e por determinados dirixentes territoriais non se sabe moi ben con que obxectivos nin a que intereses respondía realmente.

O que si é evidente é o seu resultado: cargáronse ao SX, e non lles faltou case nada para cargarse ao partido.

Non quero ser cómplice, nin por acción nin por omisión, do desastre no que está metido o PSdeG”

Como che vai a vida desde que deixaches a primeira liña política?

Levo un ano plenamente adicado ao que é a miña vida profesional, como sabes: a docencia e a investigación na Universidade de Vigo.

A verdade este tempo de desconexión política sentoume especialmente ben para oxixenarme e para poderlle dedicar moitas máis horas á miña familia e aos meus amigos.

Xa hai tempo que nos coñecemos e creo que non me equivoco se afirmo que ti estás namorado da docencia?.

Non, non te equivocas. Eu son docente e investigador na facultade de Económicas da Universidade de Vigo e sinto verdadeira paixón polo que fago.

Malia que me consta que iso é así, ti es un animal político e estou seguro de que, aínda que fose desde a distancia,non perdiches a conexión coa realidade política deste país?

Tampouco te confundes. Levo 30 anos militando no PSdeG porque estou comprometido na construción de realidades que permitan unha vida mellor, unha vida máis xusta, próspera e igualitaria para as maiorías sociais. E ese compromiso sei que me vai acompañar en todo o que me quede de vida.

Segues a actualidade política?

A diario e con pleno detalle.

Continúas convencido de que a socialdemocracia federalista é o camiño adecuado para mellorar a realidade cotiá da maioría social do pobo galego?

Plenamente. Eu non son nacionalista e non son de dereitas. Creo na necesidade de termos un sector público coa densidade e capacidade suficiente para impedir que ninguén quede por debaixo dos niveis mínimos dunha vida digna. E creo na construción federal do estado español, co autogoberno das distintas nacionalidades e comunidades autónomas, pero no proxecto común de España.

Cal é o proxecto de Gonzalo Caballero para o PSdeG?

Un proxecto de esquerdas, ecoloxista, feminista e galeguista, que vaia máis alá das liñas políticas que marque Madrid e que poida ser independente dos distintos intereses municipais.

Galicia é a nosa xente e o noso país, e o PSdeG é o meu partido, e alí onde me leven os camiños da vida política estou absolutamente comprometido en que o meu partido poida ser un instrumento útil para mellorar a vida dos galegos.

O PSdeG chegou, brevemente, a gobernar Galicia e houbo outras épocas históricas nas que a hipótese de que o PSdeG gobernase na Xunta era absolutamente verosímil, pero agora esa opción non é realista. Por que se produciu esa caída aos infernos do partido socialista de Galicia?

O PsdeG estes tres últimos anos entrou nunha frase de declive que o levou a sufrir continuas derrotas electorais. Na miña etapa non deixamos de crecer en todos os procesos electorais.

Iso de que mentres ti fuches SX crecestes en todos os procesos electorais é un dato obxectivo?

Obxectivo e facilmente comprobable, para calquera que teña interese en constatalo vendo as porcentaxes de voto do PSdeG.

Crecemos nas xerais, nas europeas, nas municipais e nas autonómicas. Nos tres anos seguintes cos compañeiros Formoso e Besteiro, o PSdeG caeu en todas as eleccións.

E se comparamos o resultado cos que obtivo o PSOE no conxunto do estado?

Na miña etapa de secretario xeral crecemos máis do que creceu o PSOE no conxunto de España, e na etapa dos compañeiros Formoso e Besteiro o partido caeu máis en Galicia do que caeu o PSOE no global do estado.

Parece evidente que a diferencia a marca a diferente xestión do PSdeG, e resulta máis que obvia a mensaxe que nos envía o conxunto da sociedade galega: O PSdeG precisa un cambio.

O PsdeG está na disxuntiva de apostar polo camiño do cambio ou quedar reducido á irrelevancia.

Ben, eses son os datos. Agora quixera saber a túa opinión acerca das causas que vos levaron ata alí e cales son ao teu xuízo as solucións posibles?

Algúns datos máis se me permites

Adiante

-Na etapa na que fun SX fomos quen de gañarlle ao PP en dúas eleccións, as únicas na historia de Galicia nas que se lle gañou ao PP en votos: nunhas xerais e nunhas europeas fomos a primeira forza.

-Acadamos o grupo parlamentar máis grande nas cortes españolas que o PSdeG chegou a ter en toda a historia de democracia.

-Logramos a maior representación municipal na historia de Galicia gobernando 3 deputacións e 5 das grandes cidades, algo que non se puidera facer nin sequera na etapa do goberno de Touriño

-E conseguemos crecer en porcentaxe de voto nas autonómicas por primeira vez dende a etapa Touriño

-Pero despois, nos últimos tres anos non deixamos de caer en todos os casos. Chegamos ao nivel mínimo de voto de toda a historia do PSdeG en autonómicas e temos os peores resultados do PSOE en calquera comunidade autónoma. Caemos en municipais, xerais, autonómicas e europeas.

A situación é fondamente preocupante. A min dóeme o PSdeG e déixame abraiado a pasividade das baronías territoriais e localistas.

Ben, falemos agora de causas e de solucións?

En relación ás causas creo que o tempo amosou claramente que o congreso nacional do PSdeG de hai tres anos, no que foi elixido o compañeiro Formoso, foi un erro histórico. O único obxectivo dese proceso impulsado era buscar o meu relevo como SX.

Non o comprendo. Só levabas un mandato e os resultados eran obxectivamente bos. Por que ese interese en acabar politicamente contigo?

O nosa dirección mantiña certa autonomía para traballar con independencia dos distintos poderes municipais, e a eses poderes municipais do norte seica non lles gustaba. Ese proceso foi tamén apoiado pola dirección federal, e os resultados amosan claramente que se equivocaron.

A operación foi a todas luces desastrosa para o PSdeG, pois o BNG comeuvos boa parte do voso espazo. É recuperable?

En política todo é posible. Teño a certeza de que se somos quen de construírmos ese proxecto autónomo galeguista, ecoloxista, feminista e de esquerdas o PSdeG ten a potencialidade necesaria para obter a confianza da maioría social do pobo galego. Teriamos que facelo con referentes que teñan absoluta honestidade e exemplaridade, que teñan peso político e que poidan recuperar a credibilidade que perdemos.

E hainos no PSdeG?

Si, sen dúbida.

Pero falas de persoas que actualmente militen no PSdeG?

Si, claro que si. Moitos deles non están en primeira liña porque a dirección actual facendo política sectaria retirounos.

Por exemplo?

Retiraron a Marina Ortega como cabeza de lista de Ourense nas autonómicas, cando era a candidata máis apoiada pola provincia, e en Ourense baixamos de 3 deputados a 1.

Quedounos atrás a solución?

Todas as persoas que apoiaron a Formoso deberan recoñecer o seu erro político, que orixinou un inmenso dano ao PSdeG e que lle deu ao PP a opción de consolidar a un novo candidato. A partir de aí cómpre construír un novo proxecto cos sinais de identidade que antes mencionei, baixar á area e traballar nas bases, revitalizar as ideas e o pensamento para dar solucións. Temos que estar a pé de país, nas asociacións veciñais, nos centros sociais, nos colectivos culturais, nos grupos ecoloxistas… alí onde estea a sociedade civil organizada ten que estar o PSdeG.

Ti estás disposto a encabezar ese novo proxecto?

Eu o que non quero ser, é cómplice, nin por colaboración nin por omisión, do desastre no que está agora o PSdeG. Vou traballar onde a militancia me sitúe para mellorar a situación do partido.

Os que non fan nada son cómplices por omisión na situación do PSdeG?

Que cada quen asuma as súas responsabilidades. Eu procuro non eludir as miñas, nunca.

Facemos esta entrevista a principios de xaneiro. O voso congreso é arredor da metade de marzo, non falta nada. Tes decidido presentar a túa candidatura á Secretaría Xeral, si ou non?

Eu agora mesmo estou apelando ás mulleres e homes do PSdeG a que non se resignen a caer na irrelevancia. Estou falando cos compañeiros e coas compañeiras e estou en disposición de traballar alí onde poida ser útil. E estou en mellores condicións que nunca. Para dar o paso polo que me preguntas quero que se dean as condicións necesarias.

Cales son esas condicións?

Ademáis de revitalizar o partido e convencer á militancia, que as baronías do partido asuman que hai que cambiar de ciclo, e que a dirección federal entenda que un proxecto galego debe de ser construído desde Galicia, non desde Madrid.

Que opinión maioritaria pulsas nas conversas que estás a manter cos teus compañeiros e compañeiras?

Na maioría da militancia de base hai un enorme desgusto e moita desmotivación coa dirección actual. O ambiente é desolador.

Hai moi pouco tempo celebrouse unha das maiores mobilizacións da historia de Galcia en contra da instalación dunha celulosa na comarca da Ulloa. Ducias de miles de persoas berraron en Compostela: “Altri non”.Pero o voso SX non acudiu a esa convocatoria. Cal é a túa opinión desa ausencia?

Eu creo que a dirección do partido debera de ser moito máis clara e contundente na expresión da posición contraria ao proxecto de Altri.

Ese proxecto ten moitas máis consecuencias negativas que aspectos beneficiosos.

Acabamos Gonzalo: Danos unha valoración xeral sobre a situación socio económica de Galicia?

Galicia vaise facendo cada vez máis pequena no conxunto de España, tanto en parámetros económicos como en peso demográfico. A poboación está cada vez máis avellentada e mantén ingresos grazas ao sistema de pensións públicas. Pero Galicia necesita moito máis para gañar o futuro, para dar posibilidades de vida á mocidade, para situarse na vangarda e no dinamismo, para emprender e acertar nos retos do século XXI. Galicia precisa alternancia no goberno, e é absolutamente imposible que ese cambio se poida producir sen un PSdeG sólido e solvente. Apelo á militancia do noso partido para que expresen con claridade se o camiño que levamos nos conduce á solidez ou nos leva á irrelevancia.