Aarón Franco
Cangas do Morrazo, vila de fortes tradicións mariñeiras e cunha rica historia de loita social, atópase nunha nova etapa política baixo o liderado de Araceli Xestido. Coa súa chegada á alcaldía, Xestido, recoñecida militante do BNG e defensora das políticas progresistas, prometeu impulsar un proxecto político transformador que priorizase as necesidades da veciñanza por riba dos intereses económicos dunha minoría privilexiada. Esta entrevista pretende afondar nos retos, avances e visións dunha muller que lidera con determinación un municipio marcado cun extraordinario potencial humano e cultural.
Nesta conversa, queremos achegarnos á Araceli Xestido política, pero tamén á persoa que representa os valores dunha esquerda que aspira a construír unha sociedade máis xusta, igualitaria e solidaria. Con preguntas directas e reflexivas, esperamos que esta entrevista sirva para poñer en valor a importancia da política local como ferramenta de transformación social e para inspirar a outras comunidades que buscan alternativas ao modelo neoliberal imperante.
Se algo define Cangas e a súa xente, é a súa capacidade de resistir e reinventarse. E agora, baixo a batuta de Araceli Xestido, toca construír novos camiños.
Cal é o balance xeral do ano e medio de goberno na alcaldía.
O balance é positivo logo de ter aprobado un orzamento contra todo prognóstico. Este orzamento permite deixar atrás o do 2020, que estaba lastrando seriamente ó noso concello. Este orzamento aínda entrando en vigor en setembro xa permitiu deixar a cero as débedas do concello e aprobar un plan de pago para facer fronte os intereses de PROMALAR herdados do PP, pagaranse 400.000 cada ano ata 2027 o que deixará as contas do concello saneadas a final de mandato.
Por outra parte, este foi un ano complicado para o concello, pois o proceso de estabilización do persoal consumiu boa parte do traballo e impediu que os distintos departamentos funcionasen ó cento por cento. Este proceso era unha imposición legal que tivemos que xestionar e, igual que pasa coas obras aínda que son molestas mentres duran, agora comezamos a ver os resultados , a nivel de limpeza viaria e mantemento, por exemplo.
Cal é a súa valoración sobre a reversión dos terreos do mercado de abastos e da Alameda Vella a titularidade estatal para a súa posterior cesión municipal?
Moi positiva. É ben sabido que Cangas ten todo o terreo lindante co mar en mans de outras administracións, maiormente Costas, pero tamén Portos de Galicia e autoridade Portuaria de Vigo. Iso supón grandes limitacións á hora de planificar e levar adiante melloras das infraestruturas como tamén o seu financiamento mediante subvencións. As dúas entidades portuarias teñen avanzado muito neste ano nas propostas para reverter terreos ao concello.
No caso de Portos de Galicia incluso aumentando a superficie respecto á proposta anterior de 2022. Isto permitirá deseñar un proxecto integral para todo o entorno da Praza de Abastos que completaría o xa comezado coa peonalización da rúa Eduardo Vicenti.
Que proxectos ten previstos para mellorar as infraestruturas de Cangas nos próximos anos?
Agora, xa no curto prazo imos executar o plan de asfaltados, que inclúe zonas do centro como a rúa Longán ou do rural como a rúa carril en Donón. O gran reto a medio e longo prazo pasa por renovar a rede de saneamento para rematar cos problemas das verteduras de fecais nas rías. Comezarase coa renovación da Avenida do Espìritu Santo que xa foi aprobada e coa das tubaxes da alameda de Aldán.
Cal é o estado actual das relacións coas parroquias rurais do municipio e que proxectos conxuntos están en marcha?
O Goberno municipal mantén reunións con todos os colectivos do Concello. No caso das parroquias, aínda que hai outras entidades, a interlocución principal é coas Asociacións de Veciños. En base ás peticións feitas nesas reunións, temos proxectos en todas as parroquias. Algúns proxectos xa foron executados,como as melloras viarias en Fondelos, Menduiña ou no Seixo branco en Liméns, outros proxectos están en diferentes etapas da súa execución, nalgúns xa están os proxectos de obra rematados e faltaría aprobar a súa execución como na Escola Vella do Hio ou na senda dos Barreiros en Coiro, noutros casos aínda estamos no proceso de redacción dos proxectos como na renovación da Escola Vella de Coiro ou a reparación da capela de Vilanova.
O goberno municipal sempre mantén abertas estas canles de comunicación coas entidades das parroquias, polo que seguiremos a incorporar as súas peticións para futuras actuacións. De feito, non concibimos un desenvolvemento centrado no casco e que esqueza as necesidades do rural, polo que procuramos ter actuacións en todos os ámbitos.
Que iniciativas culturais está a promover para dinamizar a vida social de Cangas?
Desenvolvemos unha programación cultural moi extensa ó longo de todo o ano. Temos programación exclusiva do concello como a do auditorio ou a das festas do Cristo así como actividades na diferentes bibliotecas rurais e ademais colaboramos con todas as agrupacións do municipio na organización de todo tipo de eventos en todas as parroquias.
Que plans ten para a mellora das instalacións deportivas e o fomento do deporte entre a poboación?
A mellora das instalacións deportivas municipais é unha necesidade que estamos a priorizar. Agardamos que se aprobe o millón de euros de subvención para remodelar completamente o Gatañal incluíndo melloras na eficiencia enerxética, así como a renovación dos equipos de climatización e equipamento da piscina municipal. Por outra banda, cambiaremos tamén a herba do campo do Alondras o que supón unha inversión duns 300.000€.
Que medidas está a tomar para apoiar ao comercio local e ás pequenas empresas?
Traballamos en conxunto con ACICA e con Cangas Vella para promover o comercio local en todas as campañas que se fan ao longo do ano, como no Nadal. Reunímonos para traballar xuntos e imos crear unhas Bases para a promoción do comercio de proximidade nas próximas Mesas de Comercio Local na que participan todos os partidos da oposición e os comerciantes de Cangas.
As obras de humanización tamén están pensadas para promover o comercio, as zonas de aparcamento ao redor da Praza de abastos serán “rotatorias” para favorecer as compras tanto na praza como nos comercios. A maiores dende a concellería de desenvolvemento local mandouse realizar un estudo para optar á concesión do Mercado de Excelencia, que como o seu propio nome indica dará maior prestixio e actividade á nosa praza de Abastos.
Cal é a súa valoración sobre a participación cidadá nas decisións municipais e que mecanismos está a promover para incrementala?
En liñas xerais Cangas é un pobo moi activo e participativo. Cando xurde calquera tema que suscita debate as partes implicadas poden poñerse e póñense en contacto cos membros do goberno polas diferentes cales que teñen. Pola nosa banda, estamos en contacto permanente con todo o movemento veciñal e colectivo e convocamos xuntanzas informativas sobre aquelas cuestións que teñen suscitado maior interese, como foron os orzamentos ou as obras de peonalización da rúa Eduardo Vicenti e mellora do entorno da Alameda Vella.
Como está a traballar o Concello para mellorar a calidade dos servizos sociais ofrecidos á cidadanía?
En servizos sociais aumentamos 500.000€ a cantidade para o servizo de axuda no fogar o cal leva case todo o orzamento e afoga ás contas do Concello. Ademais melloraremos os servizos de conciliación familiar coa xestión das aulas matinais e a posta en marcha da ludoteca municipal para o próximo curso escolar. En Cangas temos un gran número de asociacións coas que colaboramos cedendo espazos municipais e apoiando as súas iniciativas (adicam, afamo, agaela, afimo,…). Neste eixo estamos cun colectivo, Rural Hackers, que aposta pola reciclaxe, polo que tamén é unha iniciativa social e medioambientalmente sostible, pois rehabilitan ordenadores retirados, que terían rematado no Punto Limpo, para despois doalos a través de servizos sociais e entidades colaboradoras, a familias con nenas e nenos escolarizados que os necesitan. Foron entregados neste Nadal 40 equipos completos. Aproveito esta ocasión para lembrar que se recolle no concello para este fin todo tipo de material informático. Ademais, puxemos en marcha o servizo de psiquiatría na unidade de atención a condutas aditivas que levaba anos sen funcionar. Estabilizáronse a 3 profesionais (pedagoxía, fisioterapia e logopedia) para consolidar e garantir o servizo de atención temperá.
Cal é a situación económica real do Concello?
A día de hoxe e grazas a aprobación dos orzamentos o concello está saneado de aquí a final de mandato. Vimos de facer o pago de preto de un millón de euros de débeda pendente dende 2022 e está incluído tamén no orzamento o pago de 400.000€ anuais da débeda herdada do PP a PROMALAR.
Ata que punto está a afectar ou afectou a suba do IPC?
Este contexto inflacionista está sendo durísimo para os concellos. Por exemplo, a obra pública aumentou de prezo nunha porcentaxe imposible para os concellos, de que cando precisas asfaltar unha vía rematas gastando mais cartos en cubrir menos qm ou no caso do SAF que sendo unha responsabilidade da Xunta está afogando ós concellos, porque aportan 12€/hora cando o prezo actual está por encima dos 20€/hora, despois de ter subido a partida nuns 500.000€ boa parte deste investimento se vai en compensar a inflacción no custe do servizo que a Xunta non cubriu, cando este esforzo que fai o concello debería implicar unha mellora e aumento proporcional do servizo.
Como é a relación cos socios de goberno?
A relación é moi boa, con vontade construtiva e colaboradora a tres bandas. A esquerda é plural en Cangas, por eso ó equipo de goberno lle lembro sempre, que este goberno da esquerda ou é unido e cooperante ou non será. Por eso estamos centrados 100% en dar solucións os innumerables problemas que van xurdindo no día a día e en afrontar os retos estruturais de presente e do futuro.
Como houbo que xestionar desde o goberno, un problema alleo ao BNG e vinculado ao PSOE como o da señora Malvido?
Foi un momento difícil, pero unha vez asumida a situación so quedaba reaxustar o equipo e seguir traballando.
Como é a relación cos grupos da oposición?
A relación é correcta como debera selo sempre.
Hai membros do goberno que se queixan de como un histórico exconcelleiro de Cangas, continúa a actuar como tal. É a hora de que Mariano Abalo asuma que o seu tempo xa pasou?
Non vou entrar a valorar a actividade interna de outras organizacións políticas. O BNG no seu momento optou pola renovación, porque a asemblea local considerou que era o mais acaido para esta nova etapa política.
Hai pouco escoiteille a un veciño de Cangas dicir que o maior problema que ten Cangas se chama Sotelo e Abalo. Que pensas ao respecto?
Cangas deu unha nova oportunidades as candidaturas que apostaron por un cambio xeracional. O PP parece que tamén da pasos nesta dirección, pois Sotelo xa fixo a súa retirada da vida política, mentres Abalo sigue a ser a cara visible de Alternativa dos Veciños no día a día do Concello de Cangas. Como dixen non entro a valorar os movementos da oposición, porque estou centrada no traballo do día a día.
Que iniciativas está a promover para atraer investimentos e novas empresas ao municipio?
En Cangas temos un Viveiro de empresas, donde se ceden espazos a prezos reducidos e asesoramento para novos emprendedores grazas á persoa técnica de Desenvolvemento local.
A maiores este ano, a colaboración entre o Concello e os promotores permitiu avanzar significativamente no proxecto de desenvolvemento de chan industrial na Portela. A rápida resolución das alegacións presentadas supuxo un paso moi importante. Con proxectos como ese, tan importantes para o texido productivo de Cangas e da comarca, o goberno municipal terá sempre a man tendida para facilitar o traballo.
Que débedas en investimentos e infraestruturas ten a Xunta do PP con Cangas?
Nos encontros do goberno municipal coa Xunta formuláronse múltiples necesidades, nomeadamente, o caso das infraestruturas viarias de titularidade autonómica, que foron obxecto, incluso, de reiteradas peticións por parte do Pleno da Corporación no caso da circunvalación e no caso das entradas a Cangas, este goberno pediu encarecidamente que se arranxen e modernicen, pois son todas estradas da Xunta.
No tocante a Sanidade,todos os martes as veciñas e veciños exixen a construción dunha infraestrutura sanitaria, que tampouco aparece. Ademais os colexios e escolas infantís presentan graves deficiencias das que tamén se esqueceron.
Por non falar de todas as competencias propias, como Servizo de Axuda no Fogar ou Unidade de Atencion á Drogodependencia,das que tampouco se responsabilizan, afogando aos Concellos e mesmo culpándonos, como pasa tamén cos Plans de Vivenda.
En Cangas temos un gran problema de saneamento, tratado varias veces en Pleno, pero unha vez máis, o Partido Popular utiliza a Xunta de Galiza para beneficiar aos Concellos onde gobernan e castigar á veciñanza dos Concellos que non lles deron a confianza nas pasadas eleccións municipais.
Imos agora cun cuestionario rápido persoal para coñecer algúns elementos mais profundos. Respostas curtas e ao pé.
Un libro que recomende.
Ética para desconfiados de David Pastor
A súa película favorita.
Cinema Paradiso
Unha canción que escoite con frecuencia.
Morriña de Baiuca
Un lugar de Cangas que lle guste especialmente.
No inverno a núcleo histórico para percorrer todas as súas rúas, descubrindo sempre algún novo detalle. No verán fáiseme imposible escoller entre todas as praias incribles do municipio.
Unha afección que practique no seu tempo libre.
Non teño tempo libre (ri), pero cando o tiña ir ó monte era o que mais me gustaba, se pode ser coas Brigadas Deseucaliptizadoras ou coas comunidades de montes que organizan traballos de recuperación do noso bosque autóctono moito mellor.
Un prato da cocina galega que lle guste.
O cocido
Moitas grazas alcaldesa.
