Tino Lago e G. Figueiredo
O rural galego ten serios problemas poboacionais,a realidade é que a mocidade carece de oportunidades laborais e dos servizos necesarios para poder desenvolver un proxecto vital persoal nas aldeas e o máis fácil é que terminen por emigrar. A imposibilidade de educar ás crianzas na parroquia na que viven é un dos factores que motivan a que as parellas novas decidan marcharse, xa que logo, se de verdade se apostase por fixar poboación nas aldeas, a política educativa debe de estar orientada a coidar e potenciar as escolas que xa existen , e non facer que vivan coa espada de Damocles do peche pendurada enriba deles de maneira permanente. A Xunta determina un número mínimo de 6 alumnos e alumnas para manter unha escola en funcionamento, malia que no caso de que nun ano non haxa ese número se compromete a facer un estudo demográfico a tres anos vista para decidir a continuidade ou non da escola en cuestión.
A escola de Taborda, en Tomiño, conta con décadas de actividade ininterrompida. Non sabemos exactamente cando naceu, ninguén na parroquia nin no Concello soubo respondernos a esa cuestión, pero sospeito que non debe de andar moi lonxe do século de vida. É un elemento de cohesión parroquial de primeiro nivel pois varias xeracións de veciñas e de veciños pasaron polas súas aulas e hai unha opinión unánime,absolutamente unánime, na parroquia en prol de que a escola siga existindo. Asemade o centro educativo goza dun máis que merecido prestixio que xa lle fixo acredor de varios premios como o “ Crearte” ou o “Innovagal”.
Pero a escola está en perigo, pois para o curso 25-26 hai unha previsión de matrícula de tan só 5 alumnos e alumnas, polo que hai medo fundado na parroquia a que a Consellería proceda ao seu peche, incluso sen realizar o estudo demográfico a tres anos vista, que en teoría deben facer antes de ordenar o cerre dunha escola. Nós conversamos co seu director. El é Antón, natural de Santiago e leva 14 anos traballando na escola, 11 como director.
Antón De Valenzuela, director da Escola Infantil de Taborda, Tomiño.
“Hai unha opinión unánime na parroquia de Taborda de manter con vida á súa escola”
Onde está a vosa escola?
En Taborda, que é unha das parroquias de Tomiño. A escola infantil pertence ao C.R.A. (Colexio Rural Agrupado) Mestre Manuel Garcés.
Cantos colexios compoñen estre C.R.A.?
Somos un C.R.A. dos máis grandes de Galicia e contamos con trece unidades, todas de Tomiño.
Fálame da campaña que estades a desenvolver para salvar a vosa unidade do peche que ameaza á vosa escola.
A xunta establece que as escolas infantís deben de ter un mínimo de 6 alumnos e alumnas. Nós para o curso 25/26 temos unha previsión de 5.Existe unha ameaza real de que se peche a escola da parroquia de Taboada, e nós de ningunha maneira queremos que pase iso. Entendemos que as escolas das parroquias son un sinal de identidade moi importante. Esta escola é un centro unificador de todos os veciños pois moitos deles xa foros alumnos da escola que é parte da historia da parroquia.
Cando se fundou a escola?
Non o sei exactamente, pero ten moitos anos con seguridade. Eu xa a coñecín como parte do C.R.A. Esta unión de todas as escolas foi no ano 1999. Xa temos 25 anos de vida. Esta unión de escolas faise para poder desempeñar un proxecto común, para compartir o mesmo profesorado e obter máis recursos e tomar as decisións de xeito conxunto. Os veciños da parroquia emociónanse ao pensar que poida pechar un anaco da súa vida. Nesta parroquia a escola é un moi importante elemento de cohesión social.
Cantos alumnos e alumnas ten na actualidade o centro?
A escola de Taborda ten seis, e no C.R.A hai sobre 130 alumnos e alumnas. A escola de Taborda pásalles como a moitas parroquias, dependen moito da natalidade dun ano concreto. Pode haber anos con máis alumnos que outros. Desde a Consellería puxeron un mínimo de seis alumnos para manter aberta unha escola pero, desde a Consellería de Educación teñen un compromiso de que antes de pechar unha unidade van facer un estudio demográfico a tres anos vista, eu estiven nalgunha desas reunións.
As familias de Taborda buscan que a Consellería cumpra con ese compromiso. É posible que a Consellería non o cumpra . As familias rompen a chorar cando pensan que isto pode chegar a suceder, non só polo sentimento que teñen coa escola, senón pola comodidade de ter aos nenos ou nenas preto da casa por si pasa algo, poder achegarse axiña ao cole.
Para o curso que ven temos unha previsión de 5 nenos e nenas. E para os seguintes xa sabemos?
Para o curso que ven cóntase con cinco alumnos si, pero para o seguinte hai como nove, así que deberían de cumprir o compromiso de estudo demográfico, o máximo de alumnos e alumnas para estas aulas agora está en doce prazas.
Vaia, que abano máis estreito, entre 6 e 12.E que pasaría se tiverades 13?
Dependería da decisión que tome inspección, pero a priori a un alumno ou alumna deberiamos derivalo a outra escola do C.R.A.
De feito, xa temos escolas nas que non puideron entras máis nenos por falta de prazas.
Estades vivindo coa espada de Damocles constantemente. Cumprirá a Xunta o seu compromiso de non pechar a escola sen un estudo demográfico previo?
Deberían facelo, pero a realidade que nos chega é que non vai existir este estudo.
Chégavos a información de que están pensando en pechar?
Si, se non hai seis nenos pechan.
Estades tratando de conseguir algún neno máis. Se non o conseguides?
Si, con esta campaña estamos tratando de lograr algún alumno ou alumna máis. Se non o conseguimos intentaremos facer, como xa fixemos noutras ocasión, derivar algún doutra escola para evitar o peche. O noso centro ten certo recoñecemento, e temos levado algún premio.
Contábasme que hai un sentimento unánime na parroquia de Taborda a prol da conservación da escola?
Si, correcto.
Cantas persoas traballades na escola?
Están a mestra titora, a especialista en psicomotricidade, a especialista de inglés, a especialista de música e a especialista de pedagoxía terapéutica en audición e linguaxe en caso necesario. Os recursos do centro son en función das necesidades dos alumnos e alumnas do C.R.A.
De pechar a escola perigaría algún posto de traballo ou seguirían todos os e as docentes no grupo de escolas?
Seguindo o protocolo da Consellería por orde de antigüidade, recolocarían a unha persoa e daríanlle outro destino distinto ao C.R.A.
Que posición está tomando o concello de Tomiño, tedes o seu apoio?
O concello de Tomiño apóianos pero nós entendemos que poderían facer algo máis. Poderían por exemplo facer un reparto de información na caixa de correos das casas das familias de Tomiño que teñen nenos para que todas soubesen da nosa problemática e así teríamos máis opcións de cubrir esa praza tan necesaria para evitar o peche. Eles non o fan porque entenden que sería un trato de favor con relación ao resto des escolas do Concello e non lles convence .
Entón botades de menos algo máis de implicación?
Si, poderían facerse máis cousas. Desde a ANPA solicitouse que subvencionaran un transporte, comedor ou un aula madruga para ter máis opción a cubrir esas prazas valeiras. Noutros concellos si que o fan para a conciliacións das familias pero aquí non, non cobren estes servizos.
Por outra banda dicir que tamén somos afortunados porque os nosos centros están ben atendidos polo concello, falamos de mantemento ou reformas, mesmo agora imos facer unha reforma inminente nun dos nosos centros. Esta reforma depende da Consellería, pero non o vai facer, e faise cargo o Concello.
