O compromiso das familias e do profesorado na educación sexual integral

Lola varela

O 14 de febreiro de 2025 na Casa das Campás en Pontevedra de 18 h a 21 h

Desde a Sociedade Galega de Sexoloxía (SOGASEX), da que formo parte, sentimos a necesidade de recompilar información das familias para axudarnos a mellorar as nosas intervencións en materia de educación afectivo sexual, que a LOMLOE recolle como unha materia transversal en Educación Primaria e Secundaria, e contribuír ao desenvolvemento integral de cada menor.

Tendo en conta que a aula é un espazo privilexiado de acompañamento no desenvolvemento das capacidades cognitivas, sexuais e emocionais, consideramos que coñecer as opinións e perspectivas das familias, así como contar coa súa participación e implicación neste tema, seranos de grande axuda e tamén será beneficioso tanto para alumnado como para docentes e para as propias familias.

Por iso, desde SOGASEX, deseñamos unha ferramenta, un cuestionario, a Enquisa escolar dirixida a familias sobre educación sexual, a primeira realizada en Galicia, para coñecer as opinións, actitudes, coñecementos e suxestións sobre este tema, así como a percepción respecto ao papel que lle compete á familia na educación sexual dos e das menores. Este cuestionario foi totalmente anónimo, a información non ía asociada a ningunha identidade, e estaba dirixido ás nais, pais ou persoas titoras do alumnado. As enquisas pasáronse en distintos centros educativos de Galicia durante os meses de abril, maio e xuño de 2024. Responderon as enquisas un total de 977 persoas.

Para dar a coñecer os resultados desta enquisa organizamos unha Xornada monográfica sobre Educación Sexual Integral (ESI) o 14 de febreiro, Día Europeo da Saúde Sexual, en Pontevedra. Coñeceremos algunhas das achegas á educación sexual desde a nosa comunidade galega, a través da investigación, a reflexión e o compromiso de persoal docente e de persoal da sexoloxía.

Esta xornada leva por título A FAMILIA E O PROFESORADO NA EDUCACIÓN SEXUAL INTEGRAL. E o seu programa será o seguinte:

18:00h. Presentación da Xornada

18:05h. O compromiso coa Educación Sexual do persoal docente nas aulas

Interveñen: Pepe Cabido, Chis Oliveira e Amada Traba

El, profesor de filosofía e coordinador do nº 90 da Revista Galega de Educación, dedicada á Educación afectivo-sexual, e elas, autoras do ensaio A trampa da pornografía: educar o desexo, a sexualidade e o amor nese mesmo número. Ambas expertas en educación emocional e sexualidade e autoras do libro ám@me. Pensar o amor no S XXI.

18:45h. O protagonismo das familias na Educación Sexual

Presentación dos resultados da primeira enquisa en Galicia dirixida as familias sobre educación sexual, realizada durante o ano 2024, pola Sociedade Galega de Sexoloxía.

Interveñen: Purificación Leal, presidenta de SOGASEX, Luísa Fernanda Arís e Lola Varela, membros tamén da mesma Sociedade e responsables da realización da enquisa e do estudo posterior.

20:00h A Intelixencia Artificial e a Educación Sexual. Problemas e solución

Interveñen: Fina Paulos e Óscar Rey docentes do IES Maximino Romero de Lema, A Coruña. Autora e autor do libro de recente publicaciónIntelixencia artificial para a sociedade, primeiro manual sobre I A en Galicia.

20:40h La violencia adolescente en clave relacional

Intervén : Vanessa Rodríguez, psicóloga e sexóloga, coautora no libro La violencia adolescente en clave relacional.

Convidámosche a participar nesta interesante e necesaria Xornada onde afondaremos no papel das familias e dos docentes na educación sexual dos e das menores, diante de perigos como a pornografía e coa novidade do emprego da Intelixencia Artificial como instrumento de formación.

Lola Varela. Membro da Xunta Directiva de SOGASEX