O vindeiro mes de abril Esquerda Unida desenvolverá a súa Asemblea Nacional, alí a persoa que foi a máxima responsables desta organización política, a viguesa Eva Solla, será substituída despois de 8 anos no cargo, que é o máximo tempo de mandato que permiten os estatutos de Esquerda Unida. Asemade, Eva considera que o relevo nas responsabilidades orgánicas é necesario para manter a saúde democrática de calquera forza política e , en consecuencia, asume a fin desta etapa con tranquilidade e normalidade.
Ás portas da AN de EU, achegámonos ata o seu local da Porta do Sol en Vigo para conversar con Eva sobre a situación de Esquerda Unida e sobre as perspectivas políticas futuras.
Eva é unha muller lúcida e cordial coa que sempre foi un pracer para min conversar. Velaí vai o que deu de si a nosa cita
“Estamos centradas na construción dunha candidatura de consenso, que ilusione á sociedade, e que sirva para relanzar a Esquerda Unida”
Como está a situación actual de Esquerda Unida?
A situación actual esta baseada no traballo dos e das militantes das localidades. Despois da saída do Parlamento de Galicia centrámonos nas organización locais tendo en conta as necesidades destas. Somos unha organización modesta e de cara ao futuro os nosos obxectivos son fortalecernos desde a base.
A corto ou medio prazo hai opcións realistas de pasar de ser unha organización modesta a ser unha forza política con incidencia real na sociedade galega?
Nós creemos que a incidencia que ten a organización a nivel social basease fundamentalmente na participación nos conflitos e colectivos sociais, cos sindicatos na rúa e nas mobilizacións.
Se a pregunta vai pola representación institucional dicir que estamos centradas no traballo que hai que facer para recuperar á organización e ter máis representación a nivel municipal, deste este crecemento poderase optar no futuro a volver a ter peso institucional.
Tedes o congreso proximamente?
Temos Asemblea Nacional en abril.
Ti levas oito anos como Coordenadora, vaste presentar a un terceiro mandato?
Non. Os nosos estatutos din que non podemos estar máis de dous mandatos. Teriamos a posibilidade de optar a un extraordinario, pero penso que neste momento se precisa da renovación dos órganos. Agora non hai procesos electorais á vista e penso que estamos no tempo de facelo.
Ata o 2027, se non hai sorpresas, hai dous anos de tranquilidade electoral.
Si, se non hai sorpresas efectivamente, por iso este é o momento axeitado.
Supoño que estaredes traballando na presentación dunha candidatura de consenso?
Estamos traballando nisto e conversando con moita xente da organización. A idea é que sexa un proceso tranquilo cunha candidatura de consenso, este é o noso obxectivo. A organización necesita unidade e traballar para que haxa cohesión e por suposto, todas e todos os militantes participan e teñen a posibilidade de presentarse. A nosa intención e que poida haber representación de todos os territorios na candidatura .
Podemos anticipar quen te vai substituír como coordinadora xeral?
Pois non o sei, a dirección nacional aínda non presentou ningunha proposta en ningún órgano, niso estamos traballando, a idea e que a persoa que sexa teña dispoñibilidade e tempo, capacidade de chegar a acordos con todas as persoas dentro da organización. Neste momento necesitamos fortalecernos na organización e temos que facelo evitando conflitos, dialogando e facendo debate político.
Que tipo de relacións tendes previsto manter con Podemos e con Sumar?
Estamos nunha época pre congresual na nosa organización, que é Esquerda Unida, e niso estamos centrados: en facer máis sólida a Esquerda Unida, para ilusionar á sociedade e podernos relanzar, outra cousa son os procesos electorais e iso xa se verá cando toque. Nos últimos anos presentámonos aos procesos con fórmulas diferentes, unha foron mellores ca outras pero, o espazo político non se concreta só nos partidos, hai moita xente alén deses espazos a que tamén hai que intentar enrolar dalgunha maneira.
Nun proceso electoral concreto será a dirección a que determine cales son as alianzas concretas mellores para ese momento. O óptimo é tentar unha alianza ampla pero non sempre é posible ou non sempre saen as cousas tan ben como quixeramos.
A túa visión ao respecto das relacións con Podemos-Sumar, cal é?
Penso que hai que traballar tamén coas outras organización pero non só na conxuntura electoral, senón tamén no conflito no día a día ou nos espazos que podemos compartir en común. Xa levamos dicindo hai varios procesos que as verdadeiras alianzas xorden cando hai un traballo previo, os acordos a nivel electoral poden saír ben e ser positivos, pero se non hai un traballo do día a día, poden carecer de estabilidade.
Como valoras o traballo do teu compañeiro Rubén Pérez, o flamante secretario de estado?
Estase a facer un traballo moi positivo no Ministerio en xeral. En cuestións sensibles como son a infancia e a xuventude, cos menores migrantes estase a facer un traballo moi relevante. Sabemos que hai dificultades pero esperemos que continúe así.
Cal é a túa opinión sobre as actuais relacións no goberno entre as partes Sumar- PSOE?
Desde o punto de vista de EU penso que hai moitas cuestión do acordo de goberno que están sen cumprir, penso que é moi mellorable esa relación. Si que se conseguiron cousas e vanse sacar máis a base do esforzo, debate e dialogo pero hai moitos elementos sen cumprir que o PSOE ten que atender.
Que pensas do traballo de Aurora, a vosa concelleira no goberno de Cangas?
Xa cando estaba Pazos os compañeiros de Cangas tiñan a virtude de intentar entenderse con outras organizacións ou con xente coa que non comparten ao cento por cento as ideas. Algo que sempre é difícil cando un espazo é moi plural e hai que facer un sobre esforzo. Penso que o leva ben, e o traballo que están facendo paga a pena e é fundamental para que se poida manter en Cangas un goberno de esquerda.
Que vai ser de Eva Solla politicamente falando no momento que deixe de ser Coordinadora Xeral de Esquerda Unida?
Sigo militando tanto no Partido Comunista de Galicia como en Esquerda Unida.
Vas a seguir na militancia política, e imaxino que na social tamén?
Por descontado, eu vou ser unha militante toda a miña vida. A militancia non remata coas responsabilidades institucionais ou coas orgánicas. Por outra parte ter un descanso de responsabilidades é necesario para poder atender as necesidades persoais, laborais e familiares.
