XXXVII Festa da ostra de Arcade 2025

XXXVII Festa da ostra de Arcade 2025
G.Figueiredo

A historia desta Festa da Ostra conta con 37 anos de antigüidade, a primeira organizouse no ano 1987. A idea partiu dos ostricultores da zona que consideraron como idónea a vila de Arcade para esta celebración, xa que foron os pioneiros no consumo, comercialización e exportación deste molusco, non só a outras partes de España, senón tamén de Europa.

Os principios desta tradicional festa de Soutomaior nacen coa intención de potenciar o consumo da ostra, xa que ten un importante papel na economía da vila, e desta forma proxectar a imaxe de Arcade como punto de referencia na produción e comercialización deste tan exquisito molusco.

Así, ostricultores, hostaleiros e comerciantes colaboran co concello para a celebración da festa, que hoxe está considerada como unha das grandes da gastronomía galega, mesmo foi declarada de interese turístico no ano 2002.

Non é unha casualidade que se escollese o primeiro fin de semana de abril como data para a celebración, xa que nesta época é cando a ostra está nas mellores condicións biolóxicas para a súa degustación.

A este molusco se lle atribúe un valor afrodisíaco e dise que con elas Casanova recuperábase dos excesos amorosos.

Os gregos comían po de cuncha de ostra en momentos de decadencia sexual, e en Atenas votaban escribindo na cuncha do molusco o nome do político que querían apartar do goberno, e o máis votado era condenado ao ostracismo,100 anos de desterro.

Xa non tan afastados no tempo, un dos máis famosos escritores do nos país, Álvaro Cunqueiro, dixo:

A ostra é un manxar esencial para abrir unha mariscada. Ten un sabor espiritual, que é como unha saudade do mar”.

Máis de 25.000 persoas confírmano cada ano en Arcade, onde a ostra ten o sabor das augas da desembocadura do río Verdugo. Sexa polo seu suposto poder afrodisíaco ou polo ben que entra o viño branco con que se acompañan, o certo é que durante este encontro repártense máis de 100.000 unidades de ostras.

A ostra é consumida todo o ano, cociñada ou crúa, que é forma máis común, pero a mellor época para a súa degustación é, precisamente, o mes de abril e para elo está a carpa montada no peirao de Arcade, nela decenas de persoas afánanse en abrir as ostras, con especial mestría, cun coitelo curto e ancho, no momento de ser servidas para consumilas en cru e con limón. Pero nas casetas, que se abren o sábado e o domingo, tamén se venden racións de empanada de ostras ou ostras en escabeche, botellas de albariño de Soutomaior…

Este ano é a súa 37 edición e cadra nos días 4, 5 e 6 do cuarto mes do ano. Sempre se celebrou ininterrompidamente agás a do ano 2020 que tivo que suspenderse por mor da pandemia do Covid19.

Para a festa deste ano serán as orquestras América de Vigo e París de Noia as encargadas de dar o pistoletazo de saída o venres 4 ás 22:00 H.

Os distintos postos estarán abertos desde a mañá do sábado ata o domingo, para poder degustar as distintas preparacións da ostra.

O sábado 5 os postos abrirán ás 12:00h. do mediodía, será a esta mesma hora cando comece o pasarrúas “Bassica Rapa”, poderase degustar nas casetas este exquisito manxar durante todo o días para entrada a noitiña, ás 22:00 horas, deleitarse coas orquestras “Olimpus” e “Cubo”. Serán os fogos de artificio os máis tardóns, pois estes nos se poderán visualizar ata as 00:00 horas.

Xa para o domingo, último día para poder comer as ostras das Rías Baixas, escoitarase a música desde as 10:00 horas e serán a “Banda Artística de Arcade” e a “Banda Culturas de Arcade” as encargadas de poñer o broche musical a mañá do domingo. Os postos de degustación abrirán ás 11:00 horas e de 12:00 a 15:00 horas haberá música en directo na man de grupo “Fernando Sánchez Jazz Cuartet” para amenizar a comida. Ás 13:00 horas oficiarse a lectura do pregón que este ano corre a cargo de Celso Fernández Sanmartín, “Celsiño”. Para rematar e como broche final musical será o grupo “Festicultores Troupe” o encargado de facer o peche a estes tres días de festa nesta vila ostreira.

Para non perderse: “As ostreiras chaman a atención polo seu dominio do coitelo e a rapidez coa que abren as ostras”.