O Festival de Cans promoverá un documental sobre os 70 anos do tráxico accidente de autobús que marcou á aldea

O Festival de Cans promoverá un documental sobre os 70 anos do tráxico accidente de autobús que marcou á aldea

O proxecto colectivo Cans 303, coordinado polo cineasta Juanma Lodo, realizarase sobre este accidente no que 31 persoas faleceron ao incendiarse un autobús en 1955. O accidente produciuse diante da escola da aldea e marcou a unha xeración de nenos, moitos dos cales falarán no documental, que se estreará no festival

O equipo do filme rescatou un histórico cantar de cego sobre a traxedia, que irá incluído na banda sonora, musicada por Pancho Álvarez.

Imaxe tomada a finais dos anos 50 do monumento que lembra aos 31 falecidos na traxedia de Cans. Foto cedida por Carmen Pérez.

Cans (O Porriño), 20 de marzo de 2025. O Festival de Cans, cuxa XXII edición terá lugar do 20 ao 24 de maio nesta aldea de O Porriño, estreará este ano un documental sobre os 70 anos do tráxico accidente que marcou a toda unha xeración. En febreiro de 1955, un total de 31 persoas morreron queimadas tras incendiarse un autobús que envorcou diante da escola dos nenos. Hoxe, nese mesmo lugar, existe un monumento que lembra o suceso.

Este vehículo de transporte ía cargado de feirantes que se dirixían á feira de Ponteareas. Moitos destes feirantes eran moi coñecidos na comarca, que quedou conmocionada por este suceso que tivo naquel momento un impacto en medios de alcance internacional. O proxecto _Cans 303_, documental colectivo coordinado por Juanma Lodo, e no que traballan alumnas e alumnos da aldea de varias xeracións, busca preservar ano tras ano a memoria da aldea, sustentada sobre todo na testemuña oral das persoas de máis idade. Nesta ocasión estase a traballar nun censo dos entón nenos que aínda vivan na actualidade e que poderían estar nesa escola, cuxas idades roldarían hoxe os 80 anos e que contemplaron escenas que os marcarían de por vida.

Neste proceso de construción colectivo e traballo interxeracional coa comunidade local, o Festival de Cans pide tamén a colaboración de persoas familiares de vítimas ou dos escasos superviventes, que poidan aportar algún tipo de información así como documentos, hemeroteca ou fotografías desa época.

As persoas que poidan facer achegas poden contactar co certame por mensaxe privada nas redes sociais do festival, no mail festivaldecans@festivaldecans.com ou via wahtsapp no teléfono 657062771.

Música de Pancho Álvarez para o cantar de cego de Cans O equipo do documental, que leva traballando desde meses atrás, tamén rescatou un histórico cantar de cego arredor desta traxedia que os cegos contaban de feira en feira, vendendo copias destas coplas. Este cantar de cego será musicado por Pancho Álvarez, multiinstrumentista que formou parte do núcleo fundacional do grupo folk “Na Lúa”, e na actualidade forma parte da banda de Carlos Núñez, mentres desenvolve en paralelo unha traxectoria en solitario.

O documental terá a súa estrea no Torreiro de Cans o mércores 21 de maio, o coñecido como Día dos Veciños, e tradicionalmente un dos días máis emotivos do festival.