A comparsa Tío Emilio é un dos sinais de identidade da vida cultural do noso pobo,e nós non podiamos deixar de conversar con eles
Falamos con Javier Devesa, Jose Manuel Pelo e Alfonso Míguez.
“Convidamos á sociedade redondelá a gozar con nós da maxia das comparsas”
A “Comparsa Tío Emilio” é a que marca a saída de todas as actividades das diferentes organizacións do tecido social da vila. Arrancades vós co entroido, logo son “As xornadas co Colectivo Republicano”, “Arte Lixo” e remata coas baquetas do festival “Millo Verde”. Como vos sentides sendo os primeiros en activar o tecido social de Redondela?
É unha honra de formar parte do tecido social do noso pobo, tamén é unha responsabilidade que asumimos moi orgullosos.
Parece que entre o ano pasado e este aumentou a familia da comparsa?
Hai un par de anos case se desfai por falta de compoñentes pero conseguimos mudar esta situación e xuntar xente para seguir adiante con este proxecto. Agora estamos máis rexuvenecidos e seguimos tendo prazas dispoñibles por se algunha persoa máis quere sumarse a esta familia.
Cantos compoñentes sodes agra mesmo?
35 persoas.
Ata cantas persoas poden formar parte da comparsa?
Por temas de organización dos nosos eventos e de onde xuntarnos non deberíamos ser máis de 40 compoñentes.
Que actividades desenvolvedes desde ?
A actividade principal da comparsa é a comida do entroido e ademais facemos dúas cenas, unha no nadal na que se pode traer á parella, e outra antes do entroido.
Non saídes no entroido de verán?
Si, aquí é unha participación aberta a todas as persoas ou familias que se queiran apuntar. Só teñen que conseguir o seu disfrace do tema que nós eliximos.
Pero o carro de Tío Emilio sae no verán?
Si, pero xa non representando a Tío Emilio.
Falemos do carro, é igual todos os anos?
O carro adórnase en función da temática do entroido dese ano.
Como se decide a temática do entroido de cada ano?
Nós poñemos ideas e o que se encarga principalmente é Lolo.
Canto tempo levades na xunta directiva?
Practicamente tres anos, despois da pandemia a xente maior que había deixouno e case se desfai a comparsa, quedamos soamente dez persoas. Decidimos hai tres anos coller o relevo para que esta comparsa, con corenta aos de historia na vila, non deixase de existir, así conseguimos xente nova ata chegar agora aos 35 compoñentes.
Quen se encarga de vestir ao carro nas saídas do entroido?
Un ex membro da comparsa, levámolo ao seu baixo e el se encarga de facelo.
Con corenta anos de historia sodes a comparsa máis antiga de Redondela non?
Pensamos que si. Eu xa levo vinte anos aquí e daquela xa estaba Emilio e O Gaiteiro, uns dos fundadores e se non chegamos aos corenta anos, pouquiño lle falta. Non temos clara a data exacta dos inicios. Si que estivo dous anos xerminándose antes de oficializar a comparsa con este nome.
Os fillos destas dous fundadores seguen coa tradición familiar?
Si, están os dous fillos deles.
É complicado formar parte dunha comparsa e facer que perdure tanto no tempo?
Se cada un de nós poñemos un pouco non é complicado, este ano está sendo un bo ano e a xente fai que a comparsa sexa un éxito ano tras ano.
Como se financia a Comparsa Tío Emilio?
Pagamos unha couta mensual e con ese diñeiro é co que vestimos ao carro, pagamos os nosos disfraces, facemos as dúas cenas e a comida.
Supoño que rematado este entroido xa vos poredes a preparar os disfraces do entroido de verán, non?
Si, pasando dúas semanas do martes de entroido xa temos ganas do seguinte e comezamos a traballar nel. Lembramos que para o de verán pódese anotar calquera persoa que lle apeteza vir a divertirse con nós, rapaces e rapazas novas, familias, parellas ou non, todos e todas estades invitados e vir troulear coa Comparsa Tío Emilio este verán en Redondela.
Fáltanvos cinco persoas para cubrir o cota de integrantes da Comparsa Tío Emilio. Queredes dicir algo a os nosos lectores para animalos a que se sume ao voso proxecto, como teñen que proceder?
As persoas interesadas teñen que dirixirse a calquera de nós da directiva, traer moitas ganas de pasalo ben e saber comportarse.
Imos ter esta directiva para moito tempo?
Esperemos que si, mentres poidamos aquí seguiremos. Agora mesmo temos un membro de 78 anos, tamén temos algún con máis de 60. Tamén é verdade que temos xente que non chega aos 30 e queren entrar, esta xente son o futuro da comparsa. Estamos traballando a canteira para que isto perdure no tempo.
Cantos anos ten a persoa máis nova agora mesmo?
38 anos. A xente máis nova ao principio é un pouco reticente a querer entrar na comparsa porque pensan que como hai xente maior vanlle cortar á festa, unha vez dentro danse de conta de que non é así.
Moitas grazas pola conversa e moitos anos máis de vida para esta comparsa redondelá.
