A Sementeira de Corzáns achégase á súa maioría de idade

Sementeira de Corzáns

A Sementeira de Corzáns celebrará a súa XVII edición, como sempre na área recreativa Muíño da Ponte desta parroquia de Salvaterra, os vindeiros 9, 10 e 11 de maio. Este evento que trata de amosar, recoñecer e celebrar as formas e modos labregos tradicionais está adquirindo unha dimensión extraordinaria, ata tal punto que xa o podemos considerar como un dos imprescindibles no calendario de toda a comarca do Condado Paradanta e incluso do país galego, pois son moitas as persoas de todos os puntos de Galicia que se achegan ata Corzáns para gozar dunha festa que este ano ten un cartel extraordinario.

Organizar un festival, que este ano durará tres días, desta dimensión, con actuacións musicais de grupos de primeiro nivel e cun elenco de actividades tan amplo e variado que é apto para todo tipo de públicos e idades, é tremendamente difícil e o mérito de quen o fai, a AC Quinta do Piñeiro de Corzáns, é incuestionable. A alma mater desa asociación e quen leva o peso da organización é o noso amigo Francisco Sousa, velaí vai a conversa que tivemos con el.

Francisco Sousa.

Secretario da AC Quinta do Piñeiro de Corzáns

A Sementeira de Corzáns é un traballo colectivo feito con ilusión, esforzo e amor”

Que días celebramos a sementeira este 2025?

O 9, 10 e 11 de Maio.

Tres días. Falo de memoria pero teño a sensación de que este ano é máis grande do habitual. Equivócome?

Non, non te equivocas. Este ano temos un día máis, o día 9.Nesa xornada, que será pola mañá, imos facer unha sementeira inclusiva cos nenos e nenas dos colexios de Salvaterra e tamén cos centros Adapta e Avelaiña de Ponteareas.

Aumentar un día a duración do evento, e que sexa un día dedicado á inclusión fala moi ben da dimensión que está a coller A SEMENTEIRA

Moitas grazas Tino. A verdade é que estamos moi satisfeitos. Cada vez a afluencia é maior e a nosa dimensión parece que vai adquirindo ano tras ano máis relevancia.

Cantas Sementeiras levamos xa, Fran?

Esta é a edición número 17.Estamos a piques de chegarmos á maioría de idade.

Sementaremos no sitio habitual, supoño?

Si. Na área recreativa Muíño da Ponte.

Cando comezastes pensabades que iades chegar a adquirir a dimensión que tendes na actualidade?

Non, a verdade é que non. Sempre procuramos facer as cousas ben, ir aos poucos e tratar de que veciñanza de Corzáns se sentira identificada e orgullosa deste evento que facemos nós, pero que é de todos os que no pasado no presente e no futuro teñan identificación emocional cunha aldea galega, con calquera aldea galega. Porén parece que o noso esforzo chega non só a Corzáns a Salvaterra ou ao Condado senón a moitos lugares de Galicia. E nós, todos os que facemos parte da sementeira, desde logo que estamos profundamente agradecidos e honrados pola confianza.

A sementeira de Corzáns é Fran?

Ha, ha, ha ha. Non, de ningunha maneira. Fran é a cara máis coñecida, pero a Sementeira de Corzáns é un colectivo de persoas que a organizamos con ilusión, con esforzo e con amor.

Vamos peneirar os tres días de Sementeira: Que temos o venres 9?

O venres, como che dixen teremos a xornada inclusiva. Será en horario de mañá e nos visitarán arredor de 70 nenos dos coles de Salvaterra e entre 30 e 40 persoas dos centros Adapta e Avelaiña de Ponteareas. Faremos con eles actividades de labranza e de sementeira. Entendemos que vai ser unha xornada inclusiva, positiva e incluso emotiva.

Chegamos ao sábado. Que teremos ese día?

Ás 10:00 saen os tractores que irán por todas as parroquias e polo centro de Salvaterra, ata ás 18:00 que veñen de volta e quedan concentrados no recinto da festa. En relación ás actuacións que veñen a continuación quero deixar claro que a práctica totalidade son en idioma galego:

-Ese día temos ás 14:00 a sesión vermú con “ Terapia de grupo”.

-Posteriormente gozaremos da música dos “ Baracuncas”que estarán animando a festa por todo o recinto.

-Tamén teremos distintos obradoiros: olería,muíños….

-As 18:00 haberá unha actuación musical para os máis cativos do grupo “ Pakolas”

-Ás 20:00 xa comezan os concertos para os adultos cos grupos: “ Son das tabernas” “ A banda da loba” “Dakidarria” e rematamos cos “ Storrentos”

A banda da loba, Dakidarría, Storrentos”….Impresionante o cartel desta edición

Moitas grazas, a verdade é que nos quedou un cartel de moita calidade, si. Hai que dicir tamén que nos momentos de parada o festival estará amenizado polo DJ Carlos Crespo.

De que poderemos gozar o domingo?

Comezaremos ás 11:00 coa labranza e a sementeira animadas polo grupo de gaitas “Naiama” e polas cantareiras de Fiolledo.

Ás 13:30 teremos o pregón

Quen o dá?

Luis Zahera

Insisto no do cartel estelar Fran. O ano 2026 teredes unha edición un tanto especial pois facedes a maioría de idade, pero vaiche ser moi difícil superar o cartel do 2025?

Ben, como dicía Julio César “ cando cheguemos a ese río xa cruzaremos esa ponte”.De momento aínda non pasou a edición do 25 e non toca pensar na do 26.Estamos moi ilusionados en que a sementeira deste ano saia preciosa..A verdade é que ter a Luis Zahera con nós é unha auténtica honra.

E despois do pregón?

Temos a parada para xantar, haberá todo tipo de postos incluso coa opción de comida vegana. Comida e bebida haberá de maneira permanente desde o sábado ás dúas da tarde ata o domingo á noite cando remate a festa.

O momento da comida estará animado pola fanfarra “Furruxas” de Caldas de Reis. Arredor das catro da tarde teremos as espectaculares olimpíadas agrícolas. Estas duran ata máis ou menos ás 6 da tarde. A esa hora teremos aos “ Festicultores” ata ás 20:00 que poderemos gozar do concurso de traxes labregos tradicionais. Remataremos o festival sobre as 21:30 coa banda “ Catuxa Salóm”.

A calidade e densidade do programa que nos acabas de explicar son enormes. Canto tempo leva organizar todo iso?

Leva moito tempo si. Case case enganchamos unha edición coa seguinte, pero o certo é que desde setembro comezamos a traballar con forza.

Como tedes as expectativas de asistencia?

Moi elevadas, se o tempo nos acompaña, que espero que si, penso que imos ter moito público. Polas nosas contas o ano pasado pasaron pola Sementeira entre 12 e 15 mil persoas, e este ano creo que incluso pode ser algo máis. Temos xente de toda Galicia e de fóra da nosa comunidade tamén.

A organización dun evento desta magnitude require dun esforzo inmenso para os organizadores, especialmente para ti que es a cabeza visible. Compensa Fran?

Fágoo non para buscar ningún tipo de compensación nin de recoñecemento. Fágoo porque me me gusta, por amor ao pobo de Corzáns e ás nosas tradicións e forma de vida. Cando ves a resposta da xente compensa, si.

Algunha vez pensaches en deixalo?

Todos os anos.

Ha, ha, ha ha. Non mo podo crer

Pois é tal cal así. Agora ben, como che dixen antes,cando vexo a resposta da xente xa se me pasa o desacougo de inmediato, e xa me volven entrar os folgos para pensar na seguinte edición.

Cando ti non esteas a Sementeira ten futuro?

Agardo que si.

Como se financia a Sementeira?

A entrada é completamente de balde. O financiamento conseguímolo coas consumicións que se fan na festa, a axuda de patrocinadores privados, empresas e negocios aos que nunca me vou cansar de agradecer a súa xenerosidade,e as subvencións institucionais.

Que tal se porta con vós o Concello de Salvaterra?

Moi ben, igual que todos os anos.

Moitas grazas Fran. Vémonos o 9, 10 e 11 de maio na Sementeira de Corzáns

Grazas a ti, Tino. Será un pracer verte na nosa Sementeira. Igualmente convido a todos os lectores e lectoras de A Nova Peneira a que se acheguen a eses días a Corzáns a acompañarnos nesas datas tan especiais para nós.